Sábado 20 Abril 2024

“A derradeira leición do mestre” de Castelao poderase ver en Galicia o 5 de outubro

Un cadro que nunca debiu existir, e que nunca, desde que foi pintado en 1945, estivo en Galicia. A derradeira leición do mestre a obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que recolle a brutalidade da represión franquista na Guerra Civil, chegará por fin ao país do seu autor nos vindeiros días. Será a primeira vez que o coñecido como “Guernica galego” pisará Galicia.

No Centro Galego de Buenos Aires, onde estivo desde que foi pintado, un equipo de técnicos comezou o proceso para descolgala e embalala antes de cruzar o Atlántico. A derradeira leición do mestre será o eixe principal da mostra Castelao Maxistral, unha exposición que renderá homenaxe aos mestres e mestras galegos e o seu papel na construción do ensino público no primeiro terzo do século XX, ata a chegada da Guerra. Poderase ver na Cidade da Cultura de Galicia entre o 5 de outubro de 2018 e o 3 de marzo de 2019.

Publicidade

A exposición ‘Castelao Maxistral’ poderase ver na Cidade da Cultura desde o 5 de outubro

A cesión da obra, pintada en óleo e de máis de dous metros de altura, levouse a cabo, segundo informou a Consellería de Cultura, “coas maiores condicións de seguridade e baixo os estándares profesionais máis elevados, tendo en conta que se trata dunha obra simbólica tanto na traxectoria artística de Castelao como para Galicia, a territorial e a da diáspora”.

Castelao ideou A derradeira leición do mestre en homenaxe a Alexandre Bóveda, amigo persoal seu, fusilado polos golpistas en Poio o  17 de agosto de 1936, con 33 anos. A obra tamén se incluíu como a estampa número 6 do seu libro Galicia mártir.

A cesión do cadro de Castelao será temporal, e os trámites iniciáronse durante a Feira do Libro de 2017 celebrada en Buenos Aires. O traballo ten un enorme simbolismo, xa que recoñece o labor dos galegos na diáspora, onde tiveron que marchar debido á pobreza e á posterior represión da ditadura. Así, o Centro Galego de Buenos Aires, que hoxe atravesa unha situación complicada, converteuse nun dos cernes da cultura galega durante moitas décadas.

A exposición Castelao Maxistral formará parte, segundo a Consellería de Cultura, “dun relato expositivo no que se quere contrapor a situación do ensino en Galicia de principios do século pasado —con precariedade de medios, antipedagóxica e exclusivamente en castelán— coa reforma e modernización que iniciaron os mestres e mestras da República cara unha ensinanza universal e máis profesional —con novos materiais pedagóxicos, algúns deles en galego—, e que se viu truncada co estoupido da Guerra Civil”.

A mostra, comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas, tamén vicepresidente da Fundación Castelao, contará con 92 pezas, e tamén amosará unha reprodución dunha escola da época. Ademais, por primeira vez, xuntaranse os 40 debuxos que realizou o intelectual rianxeiro sobre o ensino obrigatorio en Galicia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Hifas da Terra, Saega e Grupo LIA (2) reciben os premios Spin-Off PuntoGal de GCiencia

A alcaldesa de Santiago, o presidente da RACG e representantes das universidades galegas estiveron entre as autoridades que asistiron ao acto

Estudar unha carreira ou non: o factor clave que leva á xente nova a abandonar do rural

Unha tese da USC constata que o perfil do emigrante rural é o dunha persoa de entre 25 e 34 anos e que, na súa maioría, non retorna

Ciencia e teatro van da man no Día da Muller e a Nena na Ciencia

A Cidade da Cultura acolle mañá unha obra musical que afonda na figura de Christiane Dosne Pasqualini, científica fundamental na investigación da leucemia

Varela Santos, precursor das lentes de contacto

O oftalmólogo compostelán, amigo de Castelao, foi un pioneiro da óptica, grande investigador e viaxeiro polos mellores laboratorios de Europa