“Todos homes”. Iso foi o que dixen cando se anunciou o Nobel de Química. O luns foran galardoados tres co de Medicina e o martes un en Física. O mércores culminaba un triplete masculino nos Nobel de Ciencias, sen que ningunha muller figurase entre as premiadas. Outra vez. Non é unha situación estraña na historia do recoñecemento sueco, pero si debería considerarse anómala dende o punto de vista social. Resulta esgotador comprobar ano tras ano como non se corrixe a débeda histórica coas mulleres.
En 2017, o presidente da Fundación Nobel naquela altura, Carl-Henrik Heldin, recoñecía o desequilibrio nos premios e desexaba que houbese cada vez máis mulleres que os gañasen. Supoño que se esqueceu mencionar que está nas súas mans que os galardóns recaian en mans femininas. Pero fóra desa falta de responsabilidade, xustificou a situación: “Os galardóns que se outorgan agora corresponden a traballos levados a cabo moitos anos atrás, cando non había tantas investigadoras traballando nos distintos campos da ciencia”.
Non digo que Heldin non teña parte de razón: sempre houbo máis obstáculos para as mulleres. E unha parte do seu argumento apóiase nas cifras históricas: só 26 premiadas en Medicina ou Fisioloxía, Física e Química fronte a 630 homes. Menos do 4% dos Nobel de Ciencias se outorgaron a mulleres. A cifra arrepía e resulta, en parte, incomprensible. Por moito que nos últimos anos aumentase o número de galardoadas, non é suficiente. E moito menos se unha das convocatorias as exclúe por completo.
Unha sempre se ampara na historia abraiante de Marie Curie, unha fóra de serie que logrou dous premios Nobel en dúas disciplinas distintas: o de Física en 1903 e o de Química en 1911. O primeiro compartiuno co seu home e con Henri Becquerel. Foi Pierre Curie quen intercedeu por ela ante a Academia Sueca, quen pretendía outorgar o premio só aos dous científicos. Pierre conseguiuno e Marie non só foi a primeira muller galardoada, senón que gañou outro Nobel oito anos despois. E esta vez soa.
Porque ás cifras históricas de premiadas, hai que poñerlle apelidos: ningunha delas recibiu o premio en solitario na disciplina de Física; só unha en Fisioloxía ou Medicina (Barbara McClintock en 1983); e só dúas o conseguiron en Química (Marie Curie e Dorothy Crawfoot Hodgkin en 1964). En 2020, iso si, este último premio foi repartido entre dúas mulleres: Emmanuelle Charpentier e Jennifer A. Doudna.
A xustificación de Heldin está coxa porque non pode ampararse no extraordinario caso de Marie Curie, senón no daquelas mulleres científicas brillantes que quedaron polo camiño e foron totalmente ocultadas polos seus colegas homes. Un dos casos máis coñecidos é o de Rosalind Franklin, do que esta semana se coñeceron novos datos. A comezos dos anos cincuenta conseguiu capturar as imaxes máis nítidas ata o momento da estrutura do ADN e, grazas a iso, determinouse que tiña forma helicoidal. Dous compañeiros que traballaban na mesma liña, James Watson e Francis Crick, empregaron as imaxes e parte das conclusións de Franklin para publicar un estudo en 1953 que lles deu o Nobel en 1962. Franklin nunca foi recoñecida e faleceu en 1958 sen ningunha reparación.
Precisamente esta semana saíu nova información á luz que afonda na indiferenza histórica cara aos achados de Rosalind. Unhas notas tomadas por ela e que acaban de publicarse nun estudo da revista Journal of the History of Biology demostran que ela estivo moi preto do achado, que recoñeceu o patrón da imaxe e que decidiu tomar unha foto máis para conseguir un resultado máis nítido.
Esta nova investigación non pon en dúbida a contribución fundamental de Watson e Crick, pero si cuestiona a falta de consideración cara á contribución de Rosalind, que foi fundamental para que eles publicasen o seu artigo. Nunca lle recoñeceron o mérito. De feito, nun libro escrito por Watson sobre o descubrimento, referíase a ela como “a terrible Rossy” e criticaba o seu aspecto. Ademais, puxo en dúbida as competencias de Franklin na interpretación de imaxes de raios X, a pesar de que foi considerada unha das mellores do momento por outros compañeiros. Que forma de denostala, de ignorala, de silenciala, de ocultala, de invisibilizala. E todos os verbos que se vos ocorran para explicar por que Franklin nunca recibiu o Nobel.
O de Rosalind non foi o único caso. Son moitos máis os que describen o coñecido como “efecto Matilda”. A física Lise Meitner, por exemplo, descubriu a fisión nuclear, pero quen recibiu o Nobel en 1944 foi o seu compañeiro de laboratorio Otto Hahn.
Hai un caso que persoalmente me obsesiona e sobre o que se abriu un debate moi polémico nos últimos anos. É o de Mileva Maric, á que me gustaría non presentar como a primeira muller de Albert Einstein. Tivo que abandonar os estudos tras quedar embarazada e converteuse en ama de casa, mentres el despegaba a súa carreira como científico. Sábese que na intimidade do fogar, os dous traballaban man a man en teorías físicas. Divorciáronse en 1919, tras anos separados. Chegaron a un acordo: se Einstein gañaba algunha vez o Nobel, ela recibiría os cartos. Así foi. Non hai probas documentais da súa contribución, pero si indicios que nos levan a pensar en toda a historia oculta detrás de Mileva, quen viviu os últimos anos coidando do seu fillo enfermo e sorteando dificultades económicas. Nunca recibiu recoñecemento. E talvez sexa hora.

Nin Mileva, nin Rosalind, nin Lise son as únicas. Hai moitas máis, e pode que de moitas non saibamos a historia. A Heldin habería que lembrarlle que as mulleres sempre estiveron presentes, que talvez o que hai que buscar con máis empeño son aqueles perfís que foron silenciados e ocultados polos seus compañeiros varóns. A débeda histórica ten que ser restituída e xa non serven as xustificacións.
Á par que os Nobel, esta semana celebrouse o Día da Ciencia en Galicia. No acto que tivo lugar en Santiago o xoves, a Real Academia Galega de Ciencias outorgou as súas Medallas de Investigación e homenaxeou a Aida Fernández Ríos, declarada Científica Galega do Ano 2026. Que historia e que ledicia supón o seu recoñecemento. Comezou a súa andaina científica dende a escala máis baixa como auxiliar de laboratorio no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) e chegou á máxima distinción do CSIC, equivalente a unha cátedra, ao ser nomeada profesora de investigación en 2009. Tamén rompeu moldes e foi a primeira muller en dirixir o instituto (2006-2011) sen abandonar nunca as súas investigacións. Foi unha persoa formidable e unha científica brillante, e o seu legado non fai máis que comezar.
As efemérides sérvennos para recuperar memorias esquecidas, pero a reivindicación das mulleres na ciencia non pode ser tarefa dun só día. Hai múltiples proxectos e unha concienciación cada vez maior para rescatar mulleres ocultadas e facer visibles as súas historias, pero non poden ser só esforzos individuais. Tamén, dende as institucións, hai que darlle pulo a esas voces historicamente silenciadas como a de Lise, Rosalind, Mileva e tantas outras. E a cantas delas, lamentablemente, nin sequera chegaremos a coñecer.
Agora si, imos cos temas da semana.
⚫ Castelao en movemento 🎞️ Sabías que o filme de ficción máis antigo de Galicia se titula Mis Ledyia? Sabías que narra a chegada a Pontevedra dunha rapaza americana e do seu tío millonario? Pero, sobre todo, sabes que Castelao fixo un ‘cameo’? Todas estas preguntas resólveas a miña compañeira Andrea nunha peza fantástica, con extractos da película que se proxectou esta semana nun festival italiano.
⚫ Cancro en berberechos 🐚 A ciencia de excelencia que se fai en Galicia tamén traspasa fronteiras. Que llo digan á galega Alicia L. Bruzos, que está a impulsar o seu propio laboratorio en Bremen (Alemaña) e acaba e recibir 2,6 millóns de euros de Europa. O seu obxectivo e desentrañar as incógnitas do cancro transmisible dos berberechos para entender mellor os mecanismos da metástase en humanos.

⚫ De aquí á Lúa 🌛 Sempre me fascinou o espazo (e a quen non? 🤔). Cando Andrea me dixo que a NASA publicara fotografías e audios inéditos da misión Artemis II, alá fun velos e escoitalos. Ela fixo esta peza interesantísima sobre a experiencia dos astronautas que volveron á Lúa. Non volva perdades.
Recomendación semanal 🪶
Debeu ser en 2019. Entrei nunha libraría que hoxe xa non existe e merquei dous libros: Mirarse de frente, de Vivian Gornick; e A la sombra de Einstein, de Marie Benedict. O primeiro fascinoume. A prosa de Gornick ten algo que atrapa. E o segundo, que debo subliñar que é novela de ficción, permitiume coñecer parte da historia de Mileva Maric. Para min era unha absoluta descoñecida e a partir del fun documentádome e entretecendo a súa vida. Merece moito a pena.
Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.















