A científica galega que estuda o cancro contaxioso dos berberechos para entender a metástase en humanos

Alicia Bruzos recibe 2,6 millóns de euros de Europa para impulsar a súa investigación dende o Instituto Max Planck en Bremen (Alemaña)

“Non o podía crer”, di Alicia L. Bruzos ao outro lado do teléfono. Responde dende a cidade alemá de Bremen, onde aterrou hai un ano para montar o seu propio laboratorio no Instituto Max Planck. Dende alí solicitou unha Starting Grant, unha das axudas europeas máis competitivas, e a alegría que desprende a súa voz demostra por si soa a boa nova: o Consello Europeo de Investigación outórgalle 2,6 millóns de euros para impulsar os seus estudos sobre o cancro transmisible dos berberechos. Nos próximos cinco anos fará unha secuenciación masiva para entender como o sistema inmune, o microbioma e os factores ambientais dificultan ou favorecen os tumores transmisibles nestes bivalvos. O obxectivo final é xerar novo coñecemento que axude a entender as bases da metástase en humanos.

Bruzos desenvolverá o seu proxecto en Bremen, pero a orixe da súa investigación está na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se doutorou en Medicina Molecular. Un laboratorio de Estados Unidos descubriu en 2015 o cancro transmisible en bivalvos, en concreto, nunha especie de ameixa. Tan só un ano despois, o investigador da USC José Tubío conseguiu o primeiro gran proxecto para estudar os tumores contaxiosos nestes animais mariños, a partir do que Bruzos realizou a súa tese. Decidiron centrar a investigación no berberecho común, por ser unha especie habitual en Galicia. Asi foi como o equipo de Tubío se converteu en pioneiro neste campo de estudo.

Publicidade

Dez anos de investigación

“É unha honra poder seguir con esta liña de investigación”, asegura Bruzos. O proxecto da USC permitiulle tocar diferentes facetas: dende o traballo de campo coa recollida de berberechos, pasando polas PCR en laboratorio, ata a bioinformática. Froito desa investigación, da que saíron dúas teses, lograron avanzar na comprensión deste tipo de cancros, malia que a científica galega recoñece que queda moito por descubrir. Aínda que o equipo da USC estudaba fundamentalmente berberechos, tamén recollían outros bivalvos. Aí foi cando descubriron que un cancro en ameixas carneiro logrou saltar dunha especie a outra. “É incrible que sexa capaz de cruzar esa barreira”, apunta.

Mais foi no campo da xenética onde lograron xerar máis coñecemento. “Descubrimos como as células de cancro ‘rouban’ as mitocondrías das células sas. Puidemos demostrar que isto acontece ata nove veces”, sostén. Iso deu unhas das claves máis importantes da investigación dado que, ata o momento, non se entendía como as células de cancro, dividíndose tanto e con taxas de mutación tan altas, non se extinguían. “Se hai demasiadas mutacións no xenoma dunha célula chegará un momento en que xa non funcionará. É como ter un manual de instrucións e ir rompéndoo ou facendo debuxos en cada páxina”, engade Bruzos. A clave estaba, por tanto, nas fábricas de enerxía que son as mitocondrias, e en como as células tumorais son capaces de “capturalas”.

Publicidade

  • Alicia L Bruzos (á esquerda) e parte do seu equipo tomando mostras de berberechos en Harlesiel o verán pasado. Foto: Instituto Max Planck de Microbioloxía Mariña
  • Laboratorio de Cancros Transmisibles Mariños, en febrero de 2026. De dereita a esquerda: Ramona Appel, Nupur Potukuchi, Alicia L. Bruzos, Katarina Trvdic e Nur Farhad. Foto: Marina García Llorca, Instituto Max Planck de Microbioloxía Mariña

“Tamén descubrimos que certos xenes que están mutados nos cancros dos berberechos son similares aos xenes mutados nalgúns cancros humanos. Atopamos firmas mutacionais que tamén se asemellan a cancros como os linfomas, que son tumores líquidos”, lembra a investigadora. Coa acumulación de todas estas evidencias, o equipo de Tubío foi completando un quebracabezas ao que aínda lle faltan moitas pezas, pero que vai avanzando paseniño na comprensión dos cancros contaxiosos. “Estes achados permítennos entender mellor como é posible que existan estes tumores. A fin de contas estamos a falar dun cancro que se converteu nun parasito, que é capaz de saír dun animal e afectar outro”, sinala.

Sen risco para os humanos

Non obstante, Bruzos fai un apunte necesario: “Estes cancros non se contaxian aos humanos”. Recoñece que é unha mensaxe que hai que repetir unha e outra vez para non xerar alarma nin preocupación na sociedade. Que o cancro sexa capaz de cruzar a barreira entre especies, significa que pode “saltar” dunha ameixa a outra, dun berberecho a outro, ou dun mexillón a outro, pero en ningún caso chegar aos humanos. “É moi importante enfatizalo, máis aínda nun sitio como Galicia, onde se consome tanto marisco. Cando dicimos que se pode contaxiar entre especies, sempre nos referimos a bivalvos”, advirte.

Nos últimos 10 anos, a investigación sobre os cancros transmisibles nestes animais mariños avanzou moito, pero quedan aínda moitas incógnitas por resolver. Sábese, por exemplo, que o animal enfermo libera as células tumorais, pero descoñécese se o fai de forma activa ou pasiva. “En Estados Unidos demostrouse que esas células poden vivir na auga de mar máis dun mes. Iso si, foi nun tanque nun laboratorio e en condicións moi controladas. Hai que descubrir se isto pode acontecer na natureza”, matiza Bruzos. De igual maneira, hai que descubrir como o animal sa “captura” as células tumorais. “Pénsase que é mediante a filtración. Mentres filtran a auga, entendemos que capturan sen querer as células canceríxenas, pero aínda non entendemos moi ben como”, apunta.

Distribución mundial

O cancro dos bivalvos está distribuído por todo mundo, aínda que non está presente en todas as poboacións. Deste grupo de animais mariños, é o mexillón no que hai maior prevalencia, tal e como recolle a literatura científica. No caso dos berberechos, que estudan tanto dende a USC como Bruzos en Bremen, só hai evidencias de cancro no sur de Europa. “O país con maior prevalencia é Portugal pero tamén hai en Galicia”, apunta a investigadora. Esta enfermidade, que causa unha mortalidade de entre o 2% e o 5%, espállase por todo o individuo, impídelle reproducirse e acaba causándolle a morte.

Claves para humanos

Os bivalvos non son os únicos animais con cancros transmisibles, dado que tamén hai evidencias en cans, demos de Tasmania e, mais recentemente, nalgúns peixes de auga doce. “Pode que este tipo de tumores sexan máis prevalentes do que pensamos, pero pasaron desapercibidos porque para saber se un cancro é contaxioso hai que facer moita secuenciación e analizar o material xenético”, indica a investigadora galega. Estudar como a enfermidade se transmite en animais pode ser clave para entender os mecanismos en humanos. “Da mesma maneira que se estudan animais que non teñen cancro, como elefantes e baleas, hai que estudar os casos que están no outro extremo”, xustifica.

  • Extracción dun líquido similar ao sangue dun marisco para estudar un tipo de cancro semellante á leucemia. Foto: Alicia L. Bruzos
  • Alicia L. Bruzos (no centro) xunto á súa directora de tese, Seila Díaz (á dereita), e o director do laboratorio, José Tubío (á esquerda), durante os seus estudos de doutoramento (2016-2022) na USC. Foto: CiMUS

Talvez os achados neste campo de estudo poidan ser importantes para o cancro en humanos, sobre todo para entender a metástase, o proceso que causa o 90% das mortes por cancro. “Aínda que non sexa contaxioso, o tumor expándese por todo o corpo. Nos bivalvos, isto non deixa de ser unha metástase a grande escala”, aclara Bruzos. Malia que advirte que a súa é investigación básica e que, por tanto, o seu traslado á clínica está moi lonxe, a científica galega pon énfase na importancia desta liña de estudo: “Se estudamos a nivel molecular e xenético que fai posible que o cancro se contaxie, talvez atopemos pistas sobre a metástase. Canto mellor entendamos o proceso, mellor podemos deseñar tratamentos e terapias”.

Incógnitas por resolver

Todo o descuberto nos últimos 10 anos serve para sentar as bases da nova investigación de Bruzos, quen recoñece que aínda quedan moitas incógnitas por resolver. Iso é o que tratará de despexar co proxecto ERC que acaba de conseguir. En concreto, busca entender por que o sistema inmune dos berberechos non é capaz de detectar e loitar contra o cancro. Tamén centrarán a atención no microbioma destes bivalvos. Ao ser animais filtradores, están en contacto con milleiros de microbios. “Queremos entender cal é o papel que xoga a microbiota e descubrir se axuda ou dificulta o cancro”, apunta. Finalmente, tratarán de entender o papel que desenvolven os factores ambientais, como a temperatura e a salinidade, na transmisión do tumor.

Para cumprir con estes obxectivos, o equipo de Bruzos realizará unha secuenciación masiva para achar resultados tanto de inmunoloxía como de microbioma. “Tamén planificamos experimentos en laboratorio. Imos presentarlle células inmunolóxicas de cancro para ver se, practicando, son capaces de recoñecelas”, indica. Isto é no que estarán centrados os esforzos de Alicia Bruzos nos próximos cinco anos. O proxecto comezará de forma oficial o 1 de febreiro de 2027, e agardan que nun ano e medio xa poidan ter os primeiros resultados.

Bruzos mira o seu futuro investigador con esperanza e cun obxectivo ben definido: regresar a Galicia. “Non imaxino toda a vida fóra da casa”, asevera. Intentou volver en máis dunha ocasión, pero non o conseguiu. Apostou por Alemaña tras xurdirlle a oportunidade de montar o seu propio laboratorio no Instituto Max Planck. “Levamos un ano traballando e agora por fin comeza a arrincar e a xerar resultados. Agora teño que apostar por quen apostou por min”, declara con firmeza. Galicia continúa como unha meta a longo prazo. A curto, seguir traballando incansablemente para impulsar o laboratorio. A medio, lograr resultados que xeren coñecemento e acheguen novas evidencias sobre o cancro transmisible dos berberechos.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas