Os cancros dos berberechos son contaxiosos. É dicir, as células tumorais son capaces de saír do corpo do individuo, permanecer no medio mariño durante un tempo e finalmente infectar a outro exemplar. Esta é unha das liñas de investigación dun equipo dirixido por José Tubío, que acaba de secuenciar por primeira vez os tumores transmisibles dos berberechos. A noticia, máis alá do fito científico, suscitou temor e dúbidas sobre a seguridade alimentaria. E houbo quen se preguntou se consumir berberechos, sabendo que contraen cancros contaxiosos, non suporía tamén un risco para a saúde humana. Dende o equipo de Tubio descartan completamente que os cancros dos berberechos se transmitan ás persoas. “En ningún caso sería posible a supervivencia destas células tumorais nos humanos”, aclara Martín Santamarina, coautor do estudo e investigador do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC).
“Os mamíferos en particular e sobre todo os humanos temos un sistema inmune moi sofisticado que nos permite detectar axentes infecciosos e eliminalos de forma rápida e eficiente cando veñen dun organismo diferente”, explica Santamarina. Amais da robustez do noso sistema inmune fronte ás células tumorais dos berberechos, hai outro factor que evita que estes cancros se contaxien aos humanos. Segundo continúa detallando o investigador do CiMUS, despois de consumir berberechos estes pasan polo sistema dixestivo, o que implica a destrución das células por parte dos xugos gástricos. En resumidas contas: é imposible que os berberechos nos contaxien o seu cancro.
Malia que os tumores destes bivalvos non se transmiten aos humanos, o seu estudo pode ser clave para comprender os nosos cancros. “É un modelo moi interesante para entender o proceso de metástase, que é o que acontece cando unha célula tumoral se propaga a un órgano diferente, se establece alí e causa un dano”, matiza Santamarina, sinalando o paralelismo coa viaxe das células tumorais dos berberechos a través da auga. “Queremos comprender mellor os mecanismos moleculares que están detrás de por que unha célula tumoral é capaz de proliferar, mobilizarse e colonizar un ambiente distinto de onde se orixinou”, engade Santamarina. É dicir, por que as células tumorais sobreviven nun medio para o que inicialmente non están preparadas.
No caso dos cancros dos berberechos, as células tumorais van un paso máis alá. Non só colonizan un ambiente distinto do que naceron, senón que son capaces de sobrevivir nun medio externo ata infectar a outro individuo. “Todo isto é moi interesante para comprender mellor as interaccións entre as células tumorais e os mecanismos moleculares de defensa”, expón o investigador do CiMUS. Esta liña de investigación, que dá un paso máis alá coa publicación dun estudo sobre a secuenciación destes cancros transmsibles, parte do traballo de Alicia Bruzos e Adrián Baez. O camiño que vai seguir o equipo a partir do seu último estudo é, precisamente, entender as causas xenéticas e moleculares polas que estes tumores se establecen e se propagan, pero dende unha perspectiva evolutiva.
Hai cancros contaxiosos en humanos?
Hainos, pero son extremadamente raros. Santamarina explica que se notificou algún caso de transmisión de nai a feto durante o parto, ou ben nos transplantes de órganos. “Só acontece en situacións nas que o acceso das células tumorais á cirulación vese facilitado dalgún xeito. De todos modos, son casos extremadamente raros e de ningunha maneira se poden considerar unha ameza”, insiste o investigador do CiMUS. Santamarina continúa explicando que non existen cancros contaxiosos nos humanos, dado que non hai ningún tumor que estea adaptado á propagación entre individuos.
Entre humanos, por tanto, o contaxio do cancro está descartado. E dende outras especies ás persoas, tamén. O único caso documentado de transmisión de células tumorais dun invertebrado a un humano produciuse entre un verme parasítico do sistema dixestivo e unha persoa afectada por VIH. Malia o rechamante do caso, Santamarina enfatiza o seguinte: “Quero remarcar que non se trata dun cancro transmisible, pois as células do cestodo (ao igual que ocorre en moitos berberechos) non están adaptadas evolutivamente para dividirse e metastatizar nun hospedador vertebrado (e moito menos nun mamífero como o ser humano)”. O investigador do CiMUS conclúe perseverando na mesma idea, non por iso menos importante: “Os cancros transmisibles non supoñen unha ameaza real para os humanos, nin sequera naquelas persoas cun sistema inmune comprometido”.
Referencia: Somatic evolution of marine transmissible leukaemias in the common cockle, Cerastoderma edule (Publicado en Nature Cancer)