“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

Se algo subxace das palabras de Jesús Sánchez é a esperanza, pero tamén o realismo: fai falla máis investigación contra o cancro. O obxectivo, máis alá de curar ou cronificar un innumerable conxunto de doenzas que normalmente se definen cunha soa palabra, é o de mellorar a vida dos pacientes e lograr que vivan cos menores efectos secundarios posibles. Cada vez hai máis terapias, como as CAR-T, que ofrecen un raio de esperanza a quen xa está desafiuzado. E hai novas que saltan nos medios, como a da futura vacina contra o cancro de Moderna, que ofrecen unha visión de futuro un chisco máis optimista.

O biólogo Jesús Sánchez Ruiz é director de proxectos da Fundación CRIS contra el cáncer que busca, precisamente, concienciar a poboación e investir cada vez máis en ciencia. Pero, para iso, a divulgación é unha pata extraordinariamente importante, máis aínda se se fai entre a poboación máis nova. Co gallo da súa charla no Colexio Manuel Peleteiro, falamos con Sánchez Ruiz sobre o futuro da investigación contra o cancro e se as esperanzas son só esperanzas ou teñen o seu halo de realidade.

Publicidade

—Este mércores deu unha charla sobre a revolución dos tratamentos contra o cancro a alumnado do Colexio Manuel Peleteiro. Como de importante é divulgar ciencia entre a xente máis nova?

—É fundamental. Temos que deixar de pensar no cancro como unha enfermidade que non se pode tratar. En primeiro lugar, porque o cancro non é soamente unha enfermidade, senón moitísimas. A palabra cancro é simplemente unha maneira xenérica de denominar un montón de doenzas diferentes que temos que abordar e que probablemente teñamos que facelo de maneira cada vez máis personalizada. Grazas á investigación, estamos no momento da historia no que están aparecendo máis tratamentos contra o cancro e máis rápido. E todo é grazas aos avances en investigación.

Publicidade

Agora mesmo estamos nun momento de auténtica revolución. Todos debemos ser conscientes do que está ocorrendo porque se non o facemos, corremos o perigo de pensar que as cousas son máis sinxelas do que son, de caer en pseudoterapias, e de simplificar ideas, como iso de pensar que os científicos ocultan a cura contra o cancro. Non, o cancro é un problema tremendamente complexo pero con investigación estamos avanzando moi rápido.

É importante concienciar aos máis novos disto, de que realmente hai que apoiar a investigación. Téñense que involucrar, pero non porque todos deban ser investigadores, senón para que comprendan o necesario que é que apoien, incentiven, divulguen, comuniquen e difundan na medida do posible o importante que é a investigación contra a cancro. Isto é cousa de todos, por iso necesitamos involucrar as novas xeracións, que están moi implicadas, son moi reivindicativas e veñen con moitas ganas de cambiar as cousas. É esencial que tomen conciencia do necesaria que é a investigación. Estamos nun momento en que podemos ter no horizonte a curación da maioría de cancros de maneira definitiva.

—Segundo os datos da Asociación de Médicos Galegos (Asomega), Galicia contaba en 2021 con 276,2 investigadores por cada 100.000 habitantes; unha cifra inferior á media nacional, situada en 318,7. Como se vai combater o cancro sen persoal científico?

O cancro vainos afectar a todos dunha maneira ou outra: un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres van ter cancro. É dicir, que se eu non teño cancro vaino ter a miña parella, o meu amigo, o meu pai, o meu irmán… alguén da miña contorna. Para tratar o cancro de maneira efectiva temos que facer dúas cousas. A primeira é o tempo e a segunda son os recursos, onde si podemos incidir. É dicir, podemos proporcionar recursos para a investigación. Custa diñeiro porque a teñen que desenvolver especialistas, porque se require dun equipamento determinado, de reactivos e de materiais cun custe elevado. Aínda así é importante dar o máximo de recursos posible porque cantos máis teñamos menos tempo imos necesitar para chegar aos nosos obxectivos.

Isto vímolo durante a covid. O mundo volcouse e conseguíronse vacinas en tempo récord. É verdade que se bebeu moito de investigación previa que se fixera noutros tipos de virus pero ao final logrouse grazas aos recursos investidos. Isto tamén forma parte da concienciación: implicar a xente. Mellorar a investigación consiste en dotar de mellores medios aos investigadores, que teñan mellores condicións, que estas sexan competitivas e que poidan desenvolver as súas carreiras onde queiran da maneira que eles queiran.

Jesús Sánchez, durante a súa charla no Colexio Manuel Peleteiro.

—Cal é o papel de CRIS contra o cancro en todo isto?

—Dende CRIS canalizamos todo o esforzo da sociedade civil para convertelo en recursos. Despois, nós colocámolos de maneira estratéxica para poder impulsar ao máximo a carreira dos nosos investigadores e que, sobre todo, cheguen a poder traducilo en novas terapias, novos tratamentos, que se convirtan en oportunidades para os pacientes que hoxe en día non teñen esas opcións.

—En canto ás terapias revolucionarias, amais das tradicionais da cirurxía, a radio e a quimioterapia, hoxe en día fálase moito das CAR-T.

—Si, é un tipo de inmunoterapia contra o cancro.

—De feito, en Galicia xa hai un centro de terapias avanzadas, tamén de CAR-T. Como de efectiva e revolucionaria está sendo?

—Os CAR-T consisten en extraer células do sistema inmunitario, que se chaman linfocitos T, que deberían eliminar as células tumorais. A estas células, por un proceso bastante complexo e bastante técnico que require de persoal especializado e dunha tecnoloxía moi especializada, introdúceselles unha especie de detector, de radar, que lles permite atopar as células tumorais. As células con este radar son as denominadas “células CAR-T”, que se encargan de destruír as células tumorais.

Esta terapia supuxo unha auténtica revolución nos tumores do sangue e agora estase traballando para que sexan efectivos en tumores sólidos. Son especialmente importantes en pacientes que xa non tiñan opcións terapéuticas, que xa estaban desafiuzados, e que lograron taxas de mellora espectaculares. Aínda hai que investigar moito para evitar que estes pacientes recaian, para que estas terapias sexan máis seguras, duren máis no tempo, sexan máis efectivas… Aínda queda moito pero agora mesmo estamos nun momento de auténtica revolución e explosión. Temos que traballar para conseguir terapias efectivas para todos os pacientes que agora mesmo non a teñen. Hoxe son os CAR-T, pero mañá poden ser outro tipo de tratamentos. Temos que estar aí impulsándoos, desenvolvéndoos e facéndoos entre todos.

—Por que os CAR-T foron revolucionarios para os tumores do sangue pero aínda non se poden aplicar aos tumores sólidos?

Os tumores do sangue teñen, xeralmente, unha molécula particular, unha especie de marca, como unha bandeiriña, que ti podes utilizar para que o radar dos CAR-T os encontren. Por exemplo, os linfomas de células B adoitan ter unha molécula que está principalmente nas células tumorais. Ti poslle o radar ao linfocito T e as CART vai atacar o tumor. En tumores sólidos, este tipo de dianas tan claras rara vez as atopamos porque o que se quere é atopar unha molécula que estea nas células tumorais pero non nas sas. É dicir, queres que as CAR-T vaian a polas células canceríxenas pero deixen tranquilas ás células sas. E por iso isto custa un pouco máis en tumores sólidos.

Hai outro elemento importante. Os tumores hematolóxicos son, xeralmente, células que están soltas no sangue, tamén na medula ósea, pero que que os linfocitos T poden atacar dunha maneira máis sinxela. Nos tumores sólidos, as células tumorais crean unha masa que interacciona e envía moitos sinais ao seu arredor, a toda a arquitectura do tecido, ao sistema inmunitario… Crea un ambiente que, en ocasións, se chama inmunosupresor porque impide o funcionamento das células do sistema inmunitario. Polo tanto, ti podes chegar co radar alí, pero cando chega a estes ambientes paralízase, ou inactívase. Ti podes ter os teus CAR-T marabillosos pero ao tumor non lle fan nin cóxegas.

—Poderase chegar a aplicar o CAR-T aos tumores sólidos?

Absolutamente. Hai ensaios clínicos nalgúns cancros de mama, infantís… De feito, xa se están desenvolvendo novas terapias e hai ensaios clinicos con pacientes. Dende CRIS estamos apoiando un ensaio clínico en pacientes infantís de sarcoma, que é un tipo de tumor que cando entra en recaída é moi complicado de tratar; ten un prognóstico moi malo. O proxecto utiliza células CAR-T un pouco especiais e deseñadas de maneira moi enxeñosa para que funcionen contra este tipo de tumores.

“O cancro vainos afectar a todos dunha maneira ou outra: un de cada dous homes e unha de cada tres mulleres”

—O obxectivo dos CAR-T nos tumores sólidos será o mesmo que para os tumores do sangue? É dicir, para darlle esperanza a quen xa esgotou as vías dos tratamentos convencionais.

Si, efectivamente.

—Todo isto lévanos polo camiño da medicina personalizada, non? O deseñar tratamentos segundo as singularidades de cada paciente.

Hai algúns tumores que afortundamente podemos tratar de maneira máis xenérica, e funciona, pero temos que entender que a enfermidade de cada paciente é unha enfermidade particular. Agora mesmo, grazas aos avances nas ferramentas diagnósticas, as análises de datos e a intelixencia artificial estamos a avanzar moi rapidamente e conseguindo diagnósticos cada vez mellores, cada vez máis precisos, que tamén nos permiten elixir mellor a terapia para cada paciente. Iso tamén é personalización. Tamén hai tratamentos que efectivamente, como as células CAR-T, son ultrapersonalizados porque usan as propias células do paciente. Estase implementando a medicina personalizada pero aínda necesitamos avanzar moito máis.

—Haberá cura contra o cancro? Ou, tal e como din algúns expertos, poderase converter máis ben nunha enfermidade crónica?

Haberá algúns que se poidan cronificar de maneira segura, outros que se poidan curar de maneira definitiva pero a cuestión é que os pacientes de cancro poidan vivir unha vida plena co mínimo de efectos secundarios. Estamos no camiño e vaise lograr. Moitos investigadores están convencidos de que con suficiente apoio á investigacion, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040. Está no horizonte pero temos que correr, é urxente, hai pacientes que non teñen tanto tempo; hai pacientes para os que unha semana é unha eternidade. Por iso temos que seguir apoiando a investigacion de maneira decidida: para darlles unha oportunidade.

“O importante é que os pacientes de cancro vivan unha vida plena e con mínimos efectos secundarios”

—Que podemos esperar da vacina contra o cancro? Moderna xa iniciou os ensaios clínicos e di que podería estar lista en 2030.

Haberá que esperar a ver os resultados pero non é unha noticia de ciencia ficción. Por exemplo, CRIS apoia equipos en Oxford que están desenvolvendo vacinas contra o cancro baseadas en tecnoloxías similares ás que se utilizaron para as vacinas contra a covid. Estas vacinas están destinadas a previr recaídas, pero tamén a aparición de novos tumores, en pacientes de alto risco de cancro de pulmón. É un ensaio que está previsto que se inicie a principios de 2025. Hai bastantes esforzos e nós estamos intentando apoialos dende CRIS.

É realista? Haberá que ver os resultados dos ensaios clínicos pero a priori os datos preliminares permiten pensar que imos ser capaces de utilizar vacinas para protexer a pacientes de alto risco de determinados tipos de cancro. Despois sempre podemos soñar. A investigación avanza moi rapidamente e hai cousas que hai unha década nos parecían impensables e hoxe son unha realidade. Non hai que descartalo pero tamén é importante ser realistas e ver como van avanzando as terapias. Ao mellor hai outras estratexias que se poden facer pero as vacinas contra o cancro son un enfoque que probablemente vaia na dirección correcta.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás