Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

No ano 2023 rexistráronse máis de 17.000 tumores en Galicia. Esta cifra foi recollida no informe Incidencia, mortalidade e supervivencia ao cancro en Galicia, un documento elaborado polo Rexistro Galego de Tumores (REGAT) que estima a súa incidencia por localización, sexo e idade. As últimas cifras dispoñibles son de 2023 —revisadas en outubro de 2025— e revelan unha taxa de incidencia acumulada ata os 74 anos do 36,6% en homes e do 25% en mulleres.

O informe aclara que a unidade de rexistro é o tumor e non o individuo; é dicir, recóllese o número de cancros primarios, non de pacientes, dado que unha persoa pode presentar varios tumores.

Publicidade

Unha ameaza para a saúde pública

O cancro consolídase como un dos principais desafíos para a saúde pública en Galicia, cun impacto especialmente notable nas idades máis avanzadas. Segundo os datos do REGAT, en 2023 detectáronse un total de 17.322 novos casos, dos cales 9.957 foron diagnosticados en homes e 7.365 en mulleres. Estas cifras reflicten unha realidade estatística preocupante: de manterse a tendencia actual, un de cada tres homes e unha de cada catro mulleres na comunidade desenvolverán un tumor antes de cumprir os 75 anos.

A incidencia non se reparte de forma equitativa entre sexos, amosando unha razón de 1,6; isto traduce nunha realidade na que por cada 100 tumores detectados en mulleres rexístranse 160 en homes. Esta diferenza é constante en case todos os tipos de cancro, agás no de tiroides. Por áreas sanitarias, as zonas de Ferrol, Pontevedra e Vigo presentan unha incidencia superior á media nos varóns, mentres que no caso feminino as áreas máis afectadas son as de Santiago, Ferrol e Vigo.

Publicidade

Taxas axustadas de incidencia de tumores por comarca e sexo en Galicia no ano 2023. Imaxe: REGAT
Taxas axustadas de incidencia de tumores por comarca e sexo en Galicia no ano 2023. Imaxe: REGAT

Cancro de próstata e mama: os tumores con maior incidencia

No caso dos homes, o tumor de próstata lidera as estatísticas con 2.626 casos, representando máis do 26% dos diagnósticos. Ségueno o cancro de pulmón, con 1.450 casos, e o colorrectal, con 1.420. Estas tres patoloxías suman, por si soas, máis da metade dos tumores diagnosticados na poboación masculina galega.

Para as mulleres galegas, o cancro de mama continúa a ser o máis frecuente con diferenza, sumando 2.396 novos diagnósticos no 2023. Esta cifra supón que case unha de cada tres mulleres con cancro padece esta enfermidade, cunha taxa bruta de 171 casos por cada 100.000 habitantes. Malia a súa alta incidencia, a supervivencia a este tumor é esperanzadora, superando o 90% aos cinco anos do diagnóstico, aínda que segue a ser a terceira causa de morte por cancro neste grupo.

A alta incidencia tumoral no pulmón e no colon

O cancro de pulmón emerxe como un dos tumores máis críticos pola súa agresividade e letalidade. No último ano rexistráronse 2.031 casos en total, afectando notablemente máis aos homes (112 por 100.000) que ás mulleres (42 por 100.000). A gravidade desta patoloxía reflíctese na súa baixa taxa de supervivencia, xa que o 80% dos homes e o 67% das mulleres diagnosticadas falecen antes de cumprir os cinco anos despois da detección do tumor.

Pola súa banda, o cancro colorrectal mantense como unha das principais preocupacións sanitarias, ocupando o terceiro posto en incidencia en homes e o segundo en mulleres, con 2.406 novos casos no ano registrado. A súa aparición increméntase significativamente en idades máis avanzadas: ten especial incidencia no grupo de homes de entre 75 e 84 anos, e no de mulleres que superan os 85 anos. A supervivencia media para este tipo de tumor sitúase no 66%, sen diferenzas apreciables entre sexos.

O tempo, un elemento crucial

A idade é un dos dous factores determinante na mortalidade por procesos oncolóxicos en Galicia. Os datos do informe sinalan que máis do 80% das defuncións por tumores se producen en persoas maiores de 65 anos; en concreto, rexistráronse 3.940 mortes en homes e 2.580 en mulleres nesta franxa de idade.

O outro condicionante é o tempo que pasa ata que se obtén unha diagnose. A análise da supervivencia relativa —é dicir, aquela na que se tome o cancro como única causa posible de defunción— mostra un descenso progresivo conforme pasan os anos tras o diagnóstico inicial. Ao quinto ano, as mulleres presentan unha taxa de supervivencia do 66,5%, superior ao 58,2% rexistrado nos homes.

Estes datos poñen de relevo unha realidade tan simple como complexa: a detección temperá é clave na supervivencia, especialmente en tumores de alta letalidade. Por isto, vólvese imprescindible fortalecer os programas de prevención e as campañas de concienciación ao público xeral, a fin de obter unha diagnose e o consecuente tratamento na maior brevidade posible.

Unha metodoloxía actualizada

Os datos empregados para a realización deste informe proceden da captación automática de información de dúas fontes do Sistema Sanitario Galego: Anatomía Patolóxica (APA), e o Conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBD-HA), ademais da información proporcionada pola Tarxeta Sanitaria e polo Rexistro de mortalidade de Galicia. Ata o ano 2022, estes datos resultaban nun documento automatizado. Dende o informe de 2023, non obstante, a publicación valídase manualmente na súa totalidade para garantir a maior precisión dos datos, mais dificulta a comparación directa coas estimacións do período 2015-2022.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cribado de cancro de mama reduce á metade as mastectomías necesarias en 20 anos

O programa está destinado a mulleres de entre 50 e 64 anos e busca mellorar a detección temperá da enfermidade

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

O diagnóstico temperán é clave no cancro colorrectal: a supervivencia pode acadar o 90%

O tumor sitúase entre os de maior impacto en España, pero o seu prognóstico mellora de forma drástica cando se identifica a tempo

A galega que pide adiantar mamografías aos 40 anos reabre o debate sobre a idade axeitada para os cribados

Un diagnóstico de cancro de mama metastático impulsa unha campaña con máis de 79.000 firmas para revisar os protocolos de detección precoz