O cancro é un dos principais desafíos para a saúde pública en Galicia. Un informe da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos) publicado en 2025 analiza os perfís de cancro a nivel nacional, cun dato que sorprende: a comunidade galega conta cunha mortalidade por cancro superior e unha redución da mortalidade inferior que a observada en comunidades como Madrid ou Cataluña —con baixa mortalidade e alta redución—. Isto notifícase nun contexto no que as taxas estimadas de incidencia e mortalidade por cancro en España figuran entre as máis baixas da Unión Europea.
Os datos empregados para determinar a mortalidade baséanse nas taxas estandarizadas por idade inferiores e superiores ao nivel nacional, que está en 213 por cada 100.000 habitantes. Pola súa banda, as reducións corresponden ás inferiores ou superiores á redución nacional da mortalidade por cancro, situada no -12%. Ambas son cifras do ano 2021 procedentes de Eurostat.
En Galicia, o cancro de mama é o máis frecuente en mulleres —o que provoca que sexa un dos que rexistra unha maior mortalidade— e, en homes, o é o cancro de próstata. Seguindo a tendencia nacional, en ambos os sexos destacan o cancro colorrectal e o cancro de pulmón. Este último é o que máis casos de morte causa en España —unha tendencia que se pode extrapolar a nivel rexional—, co consumo de tabaco como unha das principais causas. A limitación do consumo a través de novas leis permite diminuír o consumo, pero son medidas que se notan a longo prazo nos datos.
Máis aló das cifras, interesa coñecer o por que detrás dunha maior mortalidade por parte de Galicia, que provoca unha desigualdade entre as comunidades.
Envellecemento, o principal factor
O Instituto Nacional de Estatística (INE) indica que o índice de envellecemento en Galicia sitúase nun 231,61%; é dicir, contabilízanse 231 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16. Desta forma, convértese na segunda rexión máis envellecida de España, por detrás de Asturias. José Antonio Costoya Puente, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago, explica que, a pesar de que o aumento da mortalidade é un fenómeno multifactorial, “unha poboación cada vez máis envellecida aumenta a prevalencia do cancro e, por tanto, as posibilidade sde mortalidade”. Por iso, é un dato indirectamente proporcional á idade.
Ademais, a demanda sanitaria é diferente en zonas rurais, costeiras e industriais; as zonas do litoral adoitan ser máis dinámicas ca as de interior. “A asistencia é diferente; se non se acude aos centros sanitarios é máis difícil que se detecte un cancro”, apunta o investigador do CiMUS.
Falta de educación sanitaria
Unha das necesidades, tal e como sinala o investigador, é o investimento en educación sanitaria. “Incidiría máis na prevalencia que na mortalidade, pero iso faría que se detectaran máis casos de forma precoz e que se reduciran as mortes”, sinala Costoya Puente. Así, expón que un dos indicadores que empregan no informe da OCDE é o nivel educativo da poboación; a pesar de que é un parámetro que analiza o nivel de estudos, José Antonio Costoya decide relacionalo coa formación arredor do corpo humano, a divulgación e a cultura médica.
“A maioría das persoas non coñecen os sistemas de detección precoz e, por exemplo, no caso das mulleres, non saben como facer unha autoexploración de mama da forma correcta”, comenta. Deste xeito, un maior coñecemento permitiría identificar os síntomas de forma moito máis rápida en enfermidades como o cancro de colon, a pesar de que outras patoloxías pasan máis desapercibidas e son máis difíciles de identificar, como o cancro de páncreas. Unha vez que se sospeita, pódese acudir aos servizos sanitarios para completar o diagnóstico. “Son campos que se priorizan”, engade.
Prevención e participación nos cribados
Con todo, para José Antonio Costoya o elo máis importante é a prevención en forma de cribados e actuacións sanitarias. “Hai que ter recursos no sistema para enfrontar os casos cunha resposta rápida“, subliña. Neste sentido, Galicia ten un factor positivo: o seu sistema de cribados. Rexístranse oito tipos de probas poboacionais no Sergas, cinco deles orientados a cancro: cancro de pulmón, de próstata, de cérvix, colorrectal e de mama. “Estamos nun camiño cara a medidas de prevención a través das campañas de detección precoz“, sinala. Por exemplo, no caso do cancro de mama, o Ministerio de Sanidade ampliou o cribado para mulleres de entre 50 e 69 anos ás de entre 45 e 74.
O cancro de próstata ten un cribado en fase piloto dirixido a homes de entre 50 e 69 anos. Este permitiu detectar 84 casos en Galicia e, dende a Consellería de Sanidade, faise un chamamento á participación da poboación, un dos principais retos para a asistencia sanitaria galega, segundo o investigador: “En determinados cribados particípase menos porque non se coñecen“. Así, explica que son probas “moi fáciles”, onde se facilita a recollida e a entrega da mostra. “A maior participación forma parte dun proceso gradual no que a poboación se ten que ir formando e educando”, engade.
En canto ao cancro de pulmón, a Xunta de Galicia informa de que o proxecto piloto Lung-Gal, posto en marcha en 2024, permitiu detectar un 60% dos casos de cancro de pulmón en estadios precoces na área sanitaria da Coruña e Cee. Mentres, dende Vigo diríxese o cribado de cancro anal, con 1.600 pacientes incluídos e arredor de 500 anoscopias e 400 citoloxías anais ao ano.
Unha das principais causas de morte
“Os cribados teñen un grande efecto na diminución da mortalidade; detéctanse casos que pasan desapercibidos antes de que sexa tarde”, subliña o investigador José Antonio Costoya. Con todo, a pesar de que un gran peso recae sobre a prevención, o principal problema continúa a ser o envellecemento. “As persoas morren principalmente por causas biolóxicas derivadas do paso do tempo, por patoloxías cardiovasculares e por cancro”, conclúe, engadindo as enfermidades neurodexenerativas nos últimos anos; todas son enfermidades cuxa prevalencia medra coa idade.
Poder ler o informe completo da OCDE na seguinte ligazón.














