As primeiras fases do proxecto Xenoma Galicia identifican 28 persoas con variantes xenéticas de risco

A iniciativa do Sergas busca identificar de forma temperá xenes asociados ao cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar

As dúas primeiras fases do proxecto Xenoma Galicia revelan os primeiros resultados ao permitiren a detección de 28 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. Grazas a estes achados preliminares, os usuarios identificados puideron recibir un seguimento médico personalizado en consulta.

Nestas fases iniciais, o equipo médico informou os participantes diagnosticados sobre as opcións dispoñibles para cada caso e avaliou a necesidade de realizarlles probas preventivas a outros membros da súa contorna familiar. Así mesmo, as directrices médicas ofrecidas incluíron recomendacións específicas sobre hábitos de vida saudables destinados a diminuír o risco de que as patoloxías investigadas cheguen a desenvolverse no futuro.

Publicidade

Co obxectivo de estender estes beneficios diagnósticos, o vindeiro martes 16 de xuño porase en marcha unha nova fase do proxecto nos distritos sanitarios da Mariña e de Monforte de Lemos, buscando acadar os 207 participantes. As persoas seleccionadas de xeito aleatorio recibirán unha mensaxe SMS para reservar a súa cita na aplicación Sergas Móbil. As extraccións de sangue faranse os días 16 e 17 de xuño no Hospital Público de Monforte, e do 17 ao 20 de xuño no Hospital Público de Burela, en quendas de tarde e a mañá do sábado.

O proxecto Xenoma Galicia

Esta intervención forma parte de Xenoma Galicia, un proxecto global no que o Executivo galego inviste 20 millóns de euros co obxectivo final de recompilar o ADN de 400.000 galegos. Esta iniciativa, coordinada pola Consellería de Sanidade e dirixida polos investigadores María Brión e Ángel Carracedo, busca identificar de forma temperá xenes asociados ao cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar, situando a comunidade na primeira liña da investigación biomédica mundial.

Publicidade

A porcentaxe de poboación incluída no proxecto Xenoma Galicia fai del un dos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de que aparezan para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

O persoal sanitario informará de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún. A Xunta completou xa a recollida das mostras desta fase nas áreas sanitarias de Santiago e Barbanza e na de Ferrol, e están a piques de finalizar as extraccións de sangue na área sanitaria de Vigo.

1 comentario

  1. E mentres buscan, hai afectados con doenzaa graves que teñen q esperar tres años a seren atendidos de xeito no Sergas.
    cRueda de Vil: criminal, inePPto!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A primeira fase do Proxecto Xenoma detecta 14 novos casos de alto risco de catro doenzas hereditarias

O cribado analiza o xenoma para anticiparse ao cancro de mama e ovario, á síndrome de Lynch e á hipercolesterolemia familiar