Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo de Rubén González no Instituto Pasteur realizou un experimento en moscas e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno

As engurras son os sinais máis claros do envellecemento e unha proba case irrefutable de que un vai facendo anos. É un proceso inevitable que, moitas veces, vai asociado a unha diminución da calidade de vida debido á aparición de enfermidades relacionadas coa idade. Dende hai arredor de tres décadas, a ciencia intensificou a investigación dos mecanismos que hai detrás do envellecemento. E malia ser unha liña de estudo moi nova en termos científicos, tamén é moi prometedora. Nela investiga o galego Rubén González, que xunto ao seu equipo do Instituto Pasteur (Francia), acaba de publicar un estudo na revista Science Advances que dá un paso máis na comprensión deste proceso. Virólogo de formación, co seu novo artigo demostra que os virus, canto máis agresivos son, máis aceleran o envellecemento biolóxico do organismo. En concreto, en moscas da froita (Drosophila melanogaster).

As conclusións do estudo, dirixido por María-Carla Saleh e no que tamén participa o investigador Mauro Castelló-Sanjuan, revelan que esa “aceleración” provocada polos virus máis patoxénicos foi comparable en machos e femias. E non só iso: a idade biolóxica permaneceu elevada incluso despois da eliminación do virus. Aínda que o estudo de González non ten unha aplicación directa en humanos, si senta as bases para comprender o proceso de envellecemento. “Entendelo vainos permitir vivir con maior calidade de vida”, indica o investigador. E non só contribúe a xerar coñecemento que, nun futuro, se poida aplicar en humanos: tamén podería ter aplicacións noutros ámbitos científicos. Por exemplo, podería servir para “acelerar” o envellecemento dalgúns insectos que actúan como pragas, de tal modo que se poida modular a súa supervivencia e, así, reducir os impactos na agricultura.

Publicidade

De moscas a humanos

Un exemplar de mosca da froita.

O equipo de González empregou a mosca da froita, un modelo moi utilizado para estudar o envellecemento. Máis alá da cantidade de exemplares que se poden analizar ao mesmo tempo —con centos de individuos nun mesmo experimento—, comparten algúns trazos clave cos humanos. En concreto, máis do 70% dos xenes relacionados con procesos de envellecemento e outras patoloxías humanas funcionan de maneira similar en moscas e persoas. Neste estudo, González e o seu equipo traballaron con virus naturais de Drosophila melanogaster, é dicir, patóxenos cos que o organismo modelo convive no seu ecosistema natural e ante os que xa se desenvolveron mecanismos de resposta. En humanos, por exemplo, equivalería a traballar coa gripe.

“O que vimos é que as moscas máis novas que estaban infectadas tiñan un fenotipo que lembraba ás moscas máis vellas. Aí decatámonos de que os patóxenos poderían estar acelerando o envellecemento”, sinala González. Para poder afinar as súas conclusións, empregaron unha ferramenta denominada “reloxo de transcriptoma” ou, noutras palabras, un “reloxo” que sirva para medir o nivel de envellecemento dun organismo. “Son puras matemáticas. Sérvennos para estudar os patróns de cambio de expresión dos xenes”, apunta o galego. Estes “reloxos” son unha especie de marcadores que definen o estado fisiolóxico do modelo a estudo.

Publicidade

Modelo de contraste

Non obstante, González e o seu equipo non só traballaron con moscas da froita, senón que tamén empregaron outro importante modelo de estudo en bioloxía: o verme Caenorhabditis elegans. O obxectivo era determinar se as conclusións poderían ser extrapolables a outros organismos e non só referidas ás moscas. No caso do verme, empregaron outro virus natural que é moi pouco agresivo. “Demostramos que este patóxeno, que non provoca unha gran perda da esperanza de vida, apenas induce o envellecemento”, matiza González. É dicir, os resultados coinciden cos achados en moscas, e ofrece pistas cara a un principio evolutivo máis xeral e non só específico do modelo.

Estudar cada tecido

Outro aspecto clave do estudo é o impacto de Wolbachia, unha bacteria que afecta comunmente os insectos. O que atoparon é que este microbio funciona como “modulador”, é dicir, que ten un “efecto protector” e mitiga o envellecemento producido polos virus. “Mostra que os microorganismos beneficiosos poden modular os efectos do envellecemento provocados por infeccións”, sinala o estudo. Un achado que talvez permita ampliar, nun futuro, as liñas de investigación ao respecto. De momento, o paso a seguir será estudar o impacto dos virus que “aceleran” o envellecemento en cada tecido. “Ocorre o mesmo no intestino que no cerebro? O último estudo apunta que os tecidos envellecen a ritmos distintos”, sostén González.

O galego é un de tantos que realiza as súas investigacións no estranxeiro, mais o seu tempo no Instituto Pasteur está a piques de finalizar. A través dun programa de atracción de talento do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (Cinbio) da UVigo, González volverá a Galicia este verán, onde continuará a súa liña de estudo sobre o envellecemento. “Buscaremos nanomaterais que poidan modular as infeccións con virus. Se o logramos, tamén conseguiremos reducir o impacto dos patóxenos no envellecemento”, sinala o experto, a tan só unhas semanas do seu regreso á casa. A súa investigación, como a de tantos outros galegos, é unha carreira de fondo na que non se adoitan ver os resultados no curto prazo. Agora, cando vexas unha mosca da froita pousada nun plátano moi maduro e descubras unha nova engurra na man que intenta espantala, decataraste que a ciencia tamén está nos xestos máis cotiáns.


Referencia: Enteric viral infections promote systemic accelerated aging in Drosophila (Publicado en Science Advances)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada