Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

O despoboamento e o envellecemento “incrementan a vulnerabilidade territorial fronte a incendios de gran magnitude”. Esta é a principal conclusión dun estudo promovido polo Eixo Atlántico e realizado por Juan Picos, enxeñeiro forestal e profesor da Universidade de Vigo (UVigo). O investigador analizou a influencia da perda de poboación e do envellecemento dos habitantes de preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia que sufriron algún lume forestal ao longo da última década. A súa análise constatou que a perda de poboación está “fortemente correlacionada” coa incidencia dos incendios de máis de 500 hectáreas. O envellecemento poboacional tamén se asociou cunha “maior vulnerabilidade” a sufrir grandes lumes, sobre todo en España e Portugal.

O obxectivo do informe, elaborado no marco do programa europeo Sudoe, foi avaliar ata que punto a perda de poboación, a densidade demográfica e o envellecemento poden influír na aparición e extensión dos incendios. A análise partiu dos lumes rexistrados no European Forest Fire Information System entre 2016 e o primeiro cuadrimestre de 2026. Tamén se traballou con datos demográficos recollidos por Eurostat. O estudo abrangueu 4.974 unidades municipais que se viron afectadas por algún lume ao longo desta década, analizando aspectos como a porcentaxe de superficie queimada, a densidade e a perda de poboación, así como a porcentaxe da poboación maior de 65 anos destes municipios. 

Publicidade

Perda de poboación

“Unha gran parte das unidades administrativas afectadas por incendios concéntrase en municipios que perderon poboación”, sinala o informe, en relación ao período estudado. “É especialmente significativo en amplas zonas do interior da península ibérica, como o norte e o centro de Portugal, o interior de Galicia e a cornixa cantábrica”, así como oeste de Castela-León. Segundo explica Picos, a perda de habitantes amosa unha maior relación coa aparición de grandes lumes que a propia densidade poboacional das áreas analizadas, xa que tamén se rexistraron, aínda que en menor medida, en áreas que gañaron poboación.

O investigador tamén puxo de relevo que o despoboamento está relacionado cun elemento que explica os incendios: o aumento do combustible forestal como froito da desvinculación coa xestión do territorio. Isto dáse tamén en áreas periurbanas que gañaron poboación nesta década, pero nas que diminuíron as actividades agrícolas e/ou gandeiras.

Publicidade

A importancia da xestión do territorio conéctase á súa vez con outro dos factores destacados neste estudo, como é o envellecemento, cuxa correlación coa incidencia dos lumes forestais é “incluso máis potente” que a da perda de poboación en determinadas zonas do interior de Portugal e España. A análise realizada amosa que os municipios afectados polo despoboamento e cunha maior proporción de maiores de 65 anos rexistraron tamén “unha maior porcentaxe de superficie queimada” neste período. Ao mesmo tempo, constátase tamén a influencia tanto do despoboamento e do “abandono rural”, como do envellecemento na incidencia de grandes incendios.

Os grandes lumes non están ligados ás zonas que arden máis veces

Os incendios de máis de 500 hectáreas sufridos nestes tres países presentan “unha distribución espacial máis concentrada e selectiva”, localizándose o seu “principal foco” no centro e norte de Portugal. No caso de España, a súa maior incidencia na última década sitúase en áreas do noroeste penínsular, mentres que en Francia, onde se rexistraron menos lumes que na península, os lumes extremos concentráronse “nas rexións meridionais e mediterráneas”, aínda que, apunta Picos, tratouse de “eventos puntuais que non responden a factores estruturais”.

Portugal, por outra banda, “rexistra os maiores niveis de afectación por incendios e unha forte relación entre despoboamento, envellecemento e superficie queimada”. Neste país, os grandes incendios concentráronse en zonas con “menor recorrencia previa do lume”, o que podería estar vinculado a que incendios previos reducen “a acumulación de combustible”. España, pola súa banda, “presenta unha situación intermedia, onde a frecuencia de incendios e o envellecemento teñen un peso importante, especialmente nos períodos recentes”, mentres que o envellecemento non amosou incidencia no caso de Francia.

Portugal é tamén o país que concentrou un maior número de unidades municipais afectadas por incendios entre 2016 e 2026, especialmente no norte e no centro do país. No caso de España, a afectación dos municipios foi tamén “moi extensa”, destacando especialmente Galicia e a cornixa cantábrica, xunto co “sistema central, amplas zonas do oeste peninsular, numerosas áreas rurais do interior e diversos sectores da fachada mediterránea”, recolle este estudo.


Referencia: Análisis de la relación entre despoblación rural y cambio en los régimenes de incendios en el suroeste europeo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade