A vaga de incendios do pasado agosto afectou significativamente os espazos protexidos, e en particular, os da provincia de Ourense. Os datos solicitados pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) ao sistema Copernicus-EFFIS (European Forest Fires Information System), cifran en 37.819 hectáreas a superficie queimada en Rede Natura 2000, o que supón o 26% de todo o queimado no que vai de ano e o 10,8% do conxunto dos espazos protexidos galegos. Trátase da maior afección por extensión queimada e porcentaxe a esta figura de protección europea dende a súa instauración en Galicia en 2004.
Os incendios afectaron tamén a outras 8.841 hectáreas en áreas propostas para ampliar a Rede Natura 2000 e incluídas na Estratexia de infraestrutura verde, algunhas das cales, como a Serra de Vilamartín, arderon por completo. Tan só en 2011 a superficie queimada en espazos protexidos aproximouse con 10.949 hectáreas, aínda que de lonxe á deste ano. Mais, para o cálculo da afección á Rede Natura, só se considerou a superficie terrestre.
En canto á incidencia do lume neste 2025, no conxunto de Galicia ardeu o 4,9% do territorio, o que se traduce en 144.997 hectáreas segundo datos de Copernicus. Comparado coa porcentaxe de Rede Natura 2000 queimada, o 10,8%, resulta que os espazos protexidos arderon cunha frecuencia 2,2 veces maior (máis do duplo) que o resto do territorio.
O interior de Galicia, o máis afectado
A importancia reside na incidencia dos lumes nos espazos protexidos do interior de Galicia, concretamente en Ourense. Así, os datos do EFFIS sinalan que en apenas unha semana de agosto, queimouse o 56,8% do Bidueiral de Montederramo; o 52,4% do Macizo Central; o 20,3% de Pena Trevinca; o 14,8% de Pena Maseira e o 7,5% da Serra da Enciña da Lastra. Isto da lugar a un total de 31.837 hectáreas.
En Lugo, a ZEC Ancares-Courel sufriu os incendios máis graves da súa historia, ao queimar un total de 5.389 hectáreas, o 5,2% da súa superficie.
A viabilidade ecolóxica dalgúns destes territorios, fogar de especies moi sensibles e ameazadas como o oso, a aguia real ou flora endémica, mantense seriamente ameazada. Os servizos ecosistémicos que prestan estes espazos á sociedade, como a regulación hídrica, absorción de carbono, control da erosión ou o subministro de alimentos, tardarán anos en recuperarse. Por iso, dende Adega, aseguran que que “resulta imperativo planificar e comprometer medios e recursos para a rexeneración destes territorios”.
Sen mapas de riscos e sen plan de restauración ecolóxica
A administración galega dificulta a consulta de datos contrastados sobre a incidencia real dos incendios nestes espazos protexidos. A opacidade e a desinformación practicada polas consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural provoca o escaso coñecemento sobre as afeccións dos lumes á Rede Natura galega durante este ano.
Tampouco se comece cal é o plan da Xunta para a recuperación da biodiversidade e dos valores ecolóxicos destes espazos, de especial valor para o conxunto da sociedade. A pesar do dano exercido polos lumes sobre os espazos naturais protexidos, a Consellaría de Medio Ambiente aínda non ten disposta ningunha acción específica para a restauración ecolóxica destes espazos con fins ambientais.
Reclamacións á administración
Dende a ADEGA, reclaman diferentes accións para levar á práctica a través das Consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural. O máis relevante é a necesidade dunha convocatoria urxente do COGAMADES (Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel), coa fin de que “a Xunta dea conta da súa xestión”, ademais de facer balance dos danos e coñecer os programas para a rexeneración dos espazos protexidos queimados.
Así, aseguran que a Administración debe informar á cidadanía sobre a situación completa dos lumes forestais. Isto non abrangue só o número de lumes, a superficie queimada ou o operativo disposto, senón tamén a incidencia dos incendios sobre os espazos naturais protexidos ou con especiais valores ecolóxicos. A isto súmase a solicitude de publicación dun mapa de riscos asociados aos lumes recentes no que se concreten as zonas sensibles de erosión, afección sobre os recursos hídricos, forestais, pesqueiros e as infraestruturas.
Ademais, consideran vital a posta en marcha de medidas urxentes de protección, restauración e rexeneración nos espazos naturais afectados polo lume “para mitigar a perda de biodiversidade e a afectación do solo”. Así, aumentan as oportunidades de recuperar a funcionalidade ecolóxica e os servizos ecosistémicos danados nestes territorios.
Neste contexto, sitúase ao voluntariado nun papel principal, como elemento efectivo de participación e colaboración cidadá que xa no pasado contribuíu a salvar moitos lugares e espazos durante o peor da vaga de lumes na ausencia da administración.














