Dos incendios ao mar: Galicia converte a cooperación territorial nunha ferramenta fronte a grandes retos

Máis de 60 asistentes participan en Santiago nunha xornada organizada por Feuga que reuniu proxectos europeos sobre lumes, innovación, sostibilidade mariña e turismo

Cando se fala de ciencia adoitan entrar na conversa conceptos como “colaboración” ou “participación”. Entre universidades, entre grupos de investigación (e entre investigadores), e tamén con empresas formando parte da ecuación. Arredor disto xirou o Día da Cooperación Interregional 2026 impulsada por Feuga, onde Galicia se convertiu durante a xornada do 22 de setembro no punto de encontro dos actores da cooperación territorial europea. O acto reuniu no Auditorio de FEUGA, en Santiago de Compostela, a representantes institucionais e proxectos Interreg SUDOE, POCTED, Atlantic Area e Interreg Europe baixo o lema “Máis fortes xuntos: proxectos que transforman territorios”, a fin de compartir experiencias e amosar como a colaboración entre territorios permite afrontar retos comúns.

A xornada reuniu a máis de 60 asistentes como público de catro mesas redondas que abordaron diferentes dimensións do tema central, moderadas por Juan Capeáns, de La Voz de Galicia, e Andrea Veiga, de GCiencia. O foco estivo na colaboración entre rexións, administracións, universidades e outros axentes permite abordar desafíos que trascenden fronteiras. Os temas principais foron dende a xestión de incendios, a colaboración para crear novas tecnoloxías, os retos do mar e o turismo como foco de cooperación entre territorios.

Publicidade

A apertura institucional contou con Mª Dolores Martínez-Abarca Carretero, xefa do Servizo de Xestión e Seguimento do Programa de Cooperación Transfronteiriza da Xunta de Galicia; Belén Muñoz Briongos, conselleira técnica da Subdirección Xeral de Cooperación Territorial Europea da Dirección Xeral de Fondos Europeos do Ministerio de Facenda; e Delia Bonsignore, responsable do programa Interreg na DG REGIO da Comisión Europea. 

Unha resposta ante incendios

A primeira mesa xirou entorno a un título: “Cooperación para a xestión do territorio”, onde se trataron retos relacionados coa xestión forestal, a prevención e a resposta ante incendios, ademais de tratar temas como a alerta temperá, a resiliencia territorial e outros riscos asociados ao cambio climático. Así, tivo a representación tanto da administración público como das universidades: participaron como relatores Mª Honorina Barrio, coordinadora de Proxectos Europeos —en representación da Xunta de Galicia—; Manuel Martínez Piñeiro, catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Vigo; Juan Picos Martín, enxeñeiro forestal e profesor na Universidade de Vigo; e Marcos Araujo Pereira, xerente da Axencia Galega de Emerxencias. A raíz desta charla, sacaron á luz os resultados de diversos proxectos: USE4FOREST, CILUMES INTEROPERA, RAT_EOS PC, ALERT-PFAS, FIREPOCTEP+, FIRECOPTEP AVANZA e ATEMPO, todos ligados dalgunha maneira coa xestión de incendios.

Publicidade

Entre eles, USE4FOREST busca desenvolver estratexias innovadoras para a prevención de incendios forestais no suroeste de Europa, incluíndo Galicia e o norte de Portugal para coñecer o comportamento dos lumes, probar ferramentas innovadoras e transferir as solucións a outras rexións. O proxecto FIRECOPTEP segue esa mesma liña: buscar solucións estratéxicas para facer das paisaxes da “Raia” (fronteira entre España e Portugal) máis resilientes aos grandes lumes, ao ser territorios propensos a estes desastres. Seguindo por outra liña, ALERT-PFAS busca detectar, previr e mitigar a contaminación por estas substancias “eternas”, presentes na espuma dos extintores. E ATEMPO, representado por Marcos Araújo, busca afondar na mellora da capacidade de resposta das unidades de emerxencia transfronteirizas con ferramentas como a intelixencia artificial (IA).

A innovación traspasa territorios

A segunda mesa estivo centrada no papel da innovación e as tecnoloxías emerxentes como ferramentas para conectar territorios, compartir capacidades, transferir coñecemento e desenvolver solucións ante novos retos rexionais. Foron dous os relatores: por unha banda, Andrés Gómez Tato, responsable de Cuántica no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e representante do proxecto QUANTUM IBERIA —busca que a Península Ibérica sexa referente en tecnoloxías cuánticas e IA—; e Aldara Vázquez Rodríguez, directora da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que presentou o proxecto INOV IACOBUS, que facilita os intercambios transfronterizos de profesionais de diferentes ámbitos.

Por unha banda, Gómez Tato asegurou que “a cooperación é de vital importancia para impulsar tecnoloxías tan custosas“; o seu proxecto conta co reforzo de 17 comunidades, que inclúen organismos de España e Portugal. Mentres, Aldara Vázquez sinalou que, coa fin do financiamento, “o que quedan son as redes que se tecen entre institucións”.

Os retos dun mar sen límites

O medio mariño foi o eixo da terceira sesión, “Un mar compartido, retos compartidos”, que reuniu iniciativas vinculadas á protección, conservación e sostibilidade dos ecosistemas e recursos mariños. Para falar arredor deste tema, estaban presentes Cristina Piñeiro Corbeira, investigadora do grupo de investigación BioCost da Universidade da Coruña (UDC) e representante do proxecto Marest; Luis Miguel Botana López, coordinador do grupo Farmatox e catedrático da Universidade de Santiago (USC), e líder do proxecto REVALGAE; Rufino Vieira Lanero, tamén investigador da USC de DiadSea; e Carlota Freiría, project manager da UVigo e vinculada á rede transnacional MARINNONET.

En primeiro lugar, Marest busca a conservación e xestión de bosques de kelp e ás poboacións de ourizo Paracentrotus lividus. En segundo lugar, REVALGAE está centrado nos problemas asociados a algas invasoras e plantas tolerantes á sal, busca desenvolver procedementos de revalorización para obter novos compostos e aplicacións. En terceiro lugar, o proxecto DiadSea, dedicada á mellora da xestión e conservación dos peixes diádromos, especies que empregan augas doces e mariñas —os coñecidos peixes migratorios—. E, finalmente, a rede transnacional de I+D+i MARINNONET, centrada en biotecnoloxía mariña que conecta actores de distintos territorios da Área Atlántica para reforzar os ecosistemas de innovación en bioeconomía azul.

E, que hai detrás de todo isto? Os investigadores concluían na cooperación. Entre os actores da xestión pesqueira, entre os países, as universidades e as institucións, xa que o mar non entende de límites.

Como cooperar en turismo?

A cuarta e última mesa foi titulada como “Turismo e patrimonio: cooperar para medrar”, tivo o foco posto no turismo, a cultura e o patrimonio como elementos de conexión e desenvolvemento territorial. Nesta sesión participaron Marta Cabanas e Carmen Pardo López polo proxecto POST; Luísa Marinho por EnoGastroDEST; o Secretario Técnico do AECT Rio Minho pola iniciativa Visit Rio Minho; Joana Guedes por Tourism 4SDG; e Ildefonso de la Campa, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en representación de Ultreia SUDOE.

Estes proxectos unen turismo e cooperación do territorio: por exemplo, POST trata de desenvolver un modelo innovador de turismo máis equilibrado, sostible e respetuoso co espazo para distribuír os visitantes cara ao interior e as zonas menos masificadas; mentres EnoGastroDEST conecta ata 10 rexións europeas e permite intercambiar boas prácticas de turismo.

Así, Galicia reforzou o seu papel como espazo de encontro para a cooperación territorial europea, achegando o territorio a experiencias de proxectos que demostraron que moitos dos grandes retos actuais, dende os incendios ata a sostibilidade mariña, requiren respostas compartidas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que pasa despois das chamas: a recuperación do monte tras un incendio forestal

No que levamos de ano e ata o 20 de agosto, arderon en España 262.000 hectáreas, fronte á media de 105.600 hectáreas queimadas de 2015 un 2024

Nubosidade no norte, risco de incendios no sur e calor: esta é a previsión para o día da eclipse total en Galicia

A Aemet alerta de cúmulos baixos no litoral, mentres o interior estará marcado por alertas amarelas e laranxas polas temperaturas máximas elevadas

Galicia arrinca agosto cun descenso das temperaturas e máis risco de chuvias

As precipitacións superan o 50% de probabilidade ata o xoves no norte, mentres as Rías Baixas recuperarán temperaturas próximas aos 30ºC cara á fin de semana

Radiografía do lume

Os incendios da Comunidade de Madrid e da provincia de Álava foron emerxencia nacional, e isto é o que aprendimos dos lumes de agosto de 2025 en Galicia. Por Andrea Veiga