Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida

Coa volta ás aulas —e a consecuente congregación de estudantes en espazos pechados durante varias horas do día—, familias e profesorado prepáranse para un aumento nos contaxios de enfermidades entre o alumnado. A Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) constata que o inicio do curso escolar faise notar nas consultas de Urxencias: dende a organización declaran que hai un 71% máis de visitas no primeiro trimestre académico que en relación ao verán. Neste contexto, a necesidade de protexer a poboación vólvese imperativa, a fin de limitar a propagación das afeccións. Así e todo, movementos como o dos ‘antivacinas’ amosan xa a súa pegada na sociedade: un estudo da revista The Lancet Regional Health-Europe sinala que as taxas de vacinación da maioría de países da Unión Europea viron un descenso ou, canto menos, unha pausa na evolución positiva das súas cifras.

A caída na vacinación infantil non se reflicte do mesmo xeito nos datos de España: “Oito países amosaron unha Taxa Media Anual de Cambio (AAPC) positiva para as sete coberturas de vacinación, incluíndo Grecia, Irlanda, Letonia, Francia, Luxemburgo, Malta, Portugal e España“, declara o estudo. Ademais, dentro do contexto nacional Galicia destaca por acadar as súas metas de vacinación. Así o indica o Sergas: “Na nosa comunidade alcánzanse altas cifras de coberturas de vacinación, circunstancia que permitiu unha drástica diminución da incidencia de enfermidades prevenibles mediante vacinación así como a mortalidade asociada”.

Publicidade

As vacinas a menores dun ano

O Sergas apunta que Galicia conta cun calendario vacinal infantil dende 1981, unha folla de ruta que se foi actualizando co paso dos anos ata chegar ás pautas existentes no presente. O programa máis novo (de xuño de 2026) marca as seguintes doses dende antes do nacemento ata o primeiro ano de vida: a vacinación comeza na semana 27 de xestación, cando se administrará a vacina fronte á difteria, o tétanos e tosferina acelular con baixa carga antixénica (dTpa).

Os recentemente nados deberán adquirir unha dose de AcVRS (Anticorpo monoclonal fronte ao virus respiratorio sincitial) nas primeiras horas de vida. Aos dous meses, os bebés recibirán as seguintes vacinas: unha oral atenuada fronte ao rotavirus (RV), unha fronte á difteria, o tétanos e a tosferina acelular infantil de alta carga (DTPa), a do poliovirus inactivada (VPI), unha fronte ao Haemophilus influenzae tipo B (Hib), a da enfermidade meningocócica (MenB), a da enfermidade neumocócica (VNC) e a da hepatite B (HB). Nesta última, vacinaranse con pauta de cero, dous, catro e 11 meses (é dicir, ata catro doses) os bebés nacidos de nais portadoras ou con cribado descoñecido de hepatite B durante o embarazo.

Publicidade

No cuarto mes, repetiranse as vacinas do segundo e, a maiores, os pacientes recibirán unha nova vacina contra a enfermidade meningocócica (a MenACWY). No sexto mes recibirase a terceira dose de enfermidade neumocócica (VNC) e unha dose contra a gripe. Con 11 meses, recibirán a última dose de enfermidade neumocócica (VNC) da súa infancia; non terán que repetir esta vacina ata que superen os 65 anos. Ademais, tamén se lles administrarán de novo a DTPa, a VPI, a Hib e a HB. Ao cumprir un ano de idade, deberán repetir as vacinas MenB e MenACWY, ambas contra a enfermidade meningocócica. Neste momento, administraráselles ás crianzas a primeira inxección contra o sarampelo-rubeola e a parotidite (TV).

As vacinas ata os 14 anos

Tralo primeiro ano de vida do bebé, a frecuencia de vacinación redúcese de xeito drástico. A seguinte vacina recibirase con 15 meses e será a da variola (VVZ). Logo, haberá que agardar ata o sexto aniversario das crianzas para as próximas administracións: serán a DTPa e a VPI. Aos 12 anos recibiranse novas doses das dúas vacinas contra a enfermidade meningocócica, ademais dunha inxección de virus do papiloma humano (VPH). Finalmente, con 14 anos recibirán unha dose de Td, unha das vacinas enfocadas a loitar contra a difteria-tétanos e a tosferina.

Se os pacientes non forman parte dun grupo de risco, as seguintes vacinacións produciranse na idade adulta, cando superen os 65 anos de idade.

Calendario de vacinación do Sergas
Calendario de vacinación do Sergas

Podes consultar neste enlace o calendario de vacinación de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia amplía ata os 25 anos a vacinación en varóns contra o virus do papiloma humano

A medida impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que entrará en vigor o 25 de maio, consistirá na administración dunha soa dose

Fronte á nova variante: así está a cambiar a epidemia de gripe

O impacto da mutación H3N2 e as limitacións da vacina nesta tempada marcan a evolución da enfermidade no terrritorio

19.000 nenos galegos de ata 11 anos recibirán a vacina intranasal contra a gripe

O programa piloto de vacinación desenvolverase en 55 colexios e forma parte da campaña de prevención da Xunta para reducir a transmisión e complicacións do virus

Tres mortes por sarampelo en EEUU: causas e síntomas dunha doenza sen tratamento

O número de defuncións xa é igual ao total dos anteriores 24 anos e a cifra de contaxios é maior que en todo o 2024