Máis eficiente e sostible: así funciona o sistema galego que optimiza o uso do xurro como fertilizante

O proxecto Purinpreciso mide o nivel de nutrientes que require o solo en tempo real para adaptarse ás necesidades de cada explotación

A emerxencia climática e o encarecemento dos fertilizantes resaltan a necesidade de contar con sistemas sustentables que permitan achegarlle ao solo os nutrientes que require do xeito máis respectuoso co ecosistema edafolóxico e menos custoso para o peto dos gandeiros e gandeiras. A esta fin, nace Purinpreciso: trátase dun grupo operativo multidisciplinar composto por empresas e investigadores que buscan optimizar o uso do xurro como fertilizante a través dun sistema intelixente que determine en tempo real o contido de nutrientes que precise o solo dunha explotación gandeira.

O profesor de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro do proxecto Javier Bueno explica que o obxectivo principal de Purinpreciso é o aproveitamento. “Esta iniciativa céntrase nas explotacións gandeiras de vacún de leite. Cada vaca ordeñada ten unha produción media estimada anual de 26 metros cúbicos de xurro, uns 26.000 litros”, apunta Bueno. Engade que, na actualidade, o xurro xa se emprega como fertilizante; o que achega Purinpreciso é un método máis sostible e económico de utilizalo.

Publicidade

Bueno indica que a orixe de Purinpreciso está, así, fortemente ligada a unha necesidade real do sector agrogandeiro. “O proxecto comeza cando unha empresa que fai tanques de xurros se pon en contacto con nós para deseñar un sistema intelixente que detecte os nutrientes”, conta o enxeñeiro. A nivel lexislativo, o Real Decreto 1051/2022, do 27 de decembro, marca unha serie de parámetros a seguir para garantir a nutrición sostible dos solos agrarios. Purinpreciso é, pois, un avance cara á consecución dos obxectivos marcados pola normativa vixente, ademais dunha resposta ás demandas empresariais de mellora.

O xurro, un fertilizante máis económico

O xurro é un excedente que se produce nas explotacións gandeiras. Está composto polos residuos, que poden ser máis ou menos líquidos, procedentes dos excrementos dos animais mesturados con auga. Esta combinación é rica en nitróxeno (que pode dividirse en nitróxeno mineral, orgánico mineralizable o primeiro ano, e orgánico mineralizable en anos sucesivos, segundo o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), fósforo e potasio, o que a volve idónea para a fertilización de solos. A correcta xestión do aproveitamento do nitróxeno presente nos xurros é especialmente relevante debido a que pode reducirse a súa presenza e absorción de diferentes formas, tanto durante a súa aplicación como de xeito posterior. En datos do ministerio, pode perderse en torno a un 20% tan só na súa aplicación sobre o terreo debido á volatilización (é dicir, a súa evaporación).

Publicidade

A este respecto, Purinpreciso combina, como explica Javier Bueno, efectividade e sostibilidade: “Permite facer un uso máis eficiente do xurro dado que determina a cantidade precisa de nutrientes que necesita o solo. Ademais, é unha ferramenta máis sostible, debido a que se pode adaptar ás demandas de cada cultivo. Con iso facemos unha aplicación máis respetuosa do medio ambiente, porque se poderá aplicar a cantidade xusta e, así, non hai excedente de fertilizante que remate nos ríos“. Este último apunte alude ao uso excesivo de xurros (e outros tipos de fertilizantes), que facilita que estes residuos escorreguen e se filtren ata chegar ás augas, tanto na superficie como as subterráneas.

Outro punto que resalta o enxeñeiro é o económico. Sinala que o xurro se produce na propia explotación na que, posteriormente, se empregará para fertilizar as forraxes que logo alimentarán o gando. “Haberá que invertir menos en transporte, xa que o destino estará preto de onde se produce. Isto tamén reduce o custo que poida resultar de comprar xurro ao estranxeiro”, asegura Javier Bueno. Desta forma, o aproveitamento dos excrementos dos animais como fertilizantes (que, doutro xeito, rematarían nas augas sen novos usos) coróase como un exemplo de economía circular polo que os produtos existentes volven integrarse no ciclo produtivo cun novo valor.

  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
  • Tanque de xurro adaptado no proxecto Purinpreciso. Imaxe: FEUGA

Como funciona o sistema de optimización

O sistema de optimización de Purinpreciso baséase en condutores de sensibilidade eléctrica. “Mide o contido de nitróxeno, fósforo e potasio do xurro en tempo real. Escolleremos un dos tres, que normalmente será o nitróxeno, para ser o noso factor limitante. O condutor de cabina ten unha aplicación na que pode ver información e controlar o sistema. Cando vexa que xa se acadou a dose necesaria do primeiro nutriente, ese marcarase como factor limitante”, explica Bueno. O profesor engade que, de quedar curtos con outros elementos, poderá complementarse a fertilización con outros métodos.

Deste xeito, Purinpreciso permitirá determinar o contido en nutrientes do xurro, regular a súa dose de aplicación en tempo real, ofrecerlle información constante á persoa que conduza o vehículo do tanque de espallamento e, finalmente, recoller datos sobre os parámetros precisos de cada explotación. Coa fin de transferir os resultados aos diferentes sectores implicados, a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) está levando a cabo un traballo de divulgación e coordinación que vai en liña coa estratexia europea ‘Da granxa á mesa’, centrada en reducir a pegada ambiental do sector agroalimentario e fomentar a fertilización sostible dos solos.

Javier Bueno confirma que esta ferramenta poderá instalarse en calquera tipo de tanque de xurro, pois non se verá condicionado polas súas dimensións. “Os compoñentes de Purinpreciso son os sensores, a caixa de control coa placa electrónica, a conexión eléctrica de 12 voltios co vehículo, e o control en cabina. Unha vez que os instalas, non necesitamos máis para que funcione”, asegura o enxeñeiro. Así e todo, precisa que se trata dun sistema pensado para cubrir as necesidades das explotacións gandeiras: “Falamos sempre de hectáreas porque Purinpreciso está deseñado para explotacións gandeiras. No caso das hortícolas empréganse outros tipos de equipos”, puntualiza Bueno.

Control en cabina do sistema de Purinpreciso. Imaxe: FEUGA
Control en cabina do sistema de Purinpreciso. Imaxe: FEUGA

Cales son os resultados obtidos?

Purinpreciso está dirixido a empresas fabricantes de tanques de xurros, profesionais da agricultura e a gandaría, centros de investigación, administracións públicas e, de xeito indirecto, consumidores. Este proxecto incrementa a eficiencia das explotacións gandeiras, posto que permite mellorar o modelo circular de aproveitamento de excrementos; reduce os custos de produción; limita o impacto ambiental derivado do uso de fertilizantes orgánicos; cuantifica e adapta o contido de nutrientes dos xurros; e, grazas á implantación de sistemas dixitais, posibilita a trazabilidade dos resultados obtidos. A proposta busca, así, impulsar o sector da gandaría galega a través da súa modernización e optimización.

A unión entre empresa e investigación

O grupo operativo xa puido probar Purinpreciso en tres explotacións galegas, pero aínda non é posible marcar unha data para que a iniciativa dea o salto ao mercado. Javier Bueno resalta que o proxecto é o resultado dun traballo coordinado entre diferentes institucións: “Ademais da USC a través de varios grupos de investigación, tamén participan unha empresa fabricante de tanques, a Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) e SAT As Pandas. Tamén cooperamos co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-Agacal)“.


Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenaci comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento total: 180.000,00 € (100% subvencionado).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos incendios ao mar: Galicia converte a cooperación territorial nunha ferramenta fronte a grandes retos

Máis de 60 asistentes participan en Santiago nunha xornada organizada por Feuga que reuniu proxectos europeos sobre lumes, innovación, sostibilidade mariña e turismo

Unha xornada trae a Santiago o debate sobre os “químicos eternos”

O evento, organizado por Feuga, celebrarase na sede da fundación o xoves 4 de decembro a partir das 9.30 horas

Da IA á Internet das Cousas: como as novas tecnoloxías melloran a atención aos pacientes

Unha formación pioneira impulsada por DATAlife mostrará como as ferramentas dixitais poden transformar a xestión asistencial en Galicia

Variedades autóctonas de chícharo galego: unha alternativa sostible á soia importada

Un proxecto galego avalía o potencial das liñas tradicionais desta planta fronte ás comerciais e aposta por fortalecer a produción local de proteína vexetal