As algas que non chegan ao prato poden ter unha segunda vida na terra. Os pequenos fragmentos que se rompen durante o secado ou as partes que non se aproveitan na elaboración de produtos alimentarios poden converterse nun recurso para a agricultura. Esa é a proposta de BIO-MARTERRA, un proxecto que investiga como transformar os descartes de algas mariñas en bioestimulantes capaces de reforzar os cultivos fronte condicións ambientais adversas, especialmente a seca e as altas temperaturas.
A iniciativa, concibida por Antonio Muiños Insua, CEO de Porto-Muiños, parte da experiencia acumulada pola empresa galega durante máis de 25 anos de traballo coas algas. “A medida que aumenta a produción de alimentos, tamén aumentan os descartes derivados da elaboración de determinados produtos”, explica , responsable de I+D de Porto-Muiños.
A empresa atopou unha oportunidade para aproveitar estes materiais nun contexto no que os agricultores demandan novas ferramentas para afrontar os efectos do cambio climático. A idea conecta tamén cunha práctica tradicional das zonas costeiras, onde as algas se empregaban para enriquecer os solos grazas aos minerais e sales que conteñen. Porén, a retirada das algas de arribazón está restrinxida pola súa importancia para a biodiversidade mariña. “Decidimos cultivar as algas para non explotar en exceso as fontes naturais e utilizar unicamente as que se desenvolvan nas zonas de cultivo”, sinala Buján.
Un reforzo natural fronte ao estrés climático
O obxectivo de BIO-MARTERRA é desenvolver bioestimulantes que favorezan os procesos naturais das plantas e melloren a súa capacidade para afrontar situacións de estrés, como a falta de auga, as temperaturas extremas ou a salinidade.
Para iso, o equipo probou inicialmente numerosas especies de algas e diferentes métodos de extracción. Os primeiros ensaios permitiron identificar efectos positivos tanto en laboratorio como directamente nas explotacións agrícolas. A partir deses resultados seleccionáronse as especies e os extractos máis activos e optimizáronse os procedementos de elaboración.
Un dos achados máis relevantes está relacionado coa tolerancia á seca. Segundo explican dende Porto-Muiños, as plantas tratadas mantiveron a produción empregando menos auga. Tamén observaron unha mellor resposta durante os episodios de calor intensa: mentres que as plantas sen tratamento presentaban follas máis flácidas, as que recibiran os bioestimulantes conservaban unha maior turxencia.
Os resultados foron especialmente interesantes no cultivo da pataca. Durante as vagas de calor, a acumulación de amidón nos tubérculos pode interromperse. Nos ensaios realizados, porén, as plantas tratadas mantiveron ese proceso e acadaron unha produción final superior ao rematar o ciclo. A tolerancia á salinidade é outro dos efectos observados, de especial interese nos cultivos de invernadoiro, onde a falta de achegas directas de auga da chuvia pode favorecer a acumulación de sales no solo.
“Creo que o que máis preocupa de cara ao futuro é o estrés hídrico e a calor”, apunta a responsable de I+D, que destaca o potencial desta liña de investigación nun escenario marcado por veráns cada vez máis cálidos e episodios extremos máis frecuentes.
Da alga ao bioestimulante
O proceso de elaboración comeza coa selección das especies, xa que algas aparentemente similares poden presentar propiedades diferentes. Unha vez limpas, introdúcense nun medio acuoso, ás veces combinado con alcol, e sométense a procesos de extracción que poden incluír calor ou fermentación. Despois, o líquido sepárase do material sólido, fíltrase e prepárase para a súa aplicación nos cultivos.
“É algo así como facer unha infusión: obtense un extracto e o que se utiliza é o líquido”, resume Buján. Aínda que non se coñecen completamente todos os compostos responsables dos efectos nin os mecanismos polos que actúan sobre as plantas, a resposta pode medirse mediante indicadores fisiolóxicos, como a prolina, que permite avaliar a tolerancia das plantas ao estrés.
Unha das particularidades dos produtos desenvolvidos é que empregan moléculas naturais presentes nas propias algas, sen modificacións mediante síntese química. A súa acción baséase na combinación de diferentes substancias dos extractos, que contribúen a mellorar a resposta das plantas fronte ás condicións ambientais adversas.
A economía circular esténdese tamén ao material sólido que queda despois da extracción, que pode destinarse a outros usos, como a fertilización ou a obtención de novos compostos. O propósito é aproveitar ao máximo a materia prima e evitar que o proceso xere novos residuos. “Non podemos acabar xerando outro residuo. Hai que buscar sempre unha solución”, subliñan dende a empresa promotora.
Unha posible protección fronte aos fungos
O viñedo é outro dos ámbitos nos que se estudou o potencial dos extractos de algas, neste caso pola súa posible acción fronte a enfermidades fúngicas como o mildio e o oídio. Os primeiros ensaios apuntan a que os bioestimulantes poderían favorecer unha resposta preventiva das plantas, reforzando a súa resistencia antes de que se produza a infección.
“O produto funciona como prevención e non tanto como tratamento”, explica Buján. Porén, matiza que aínda queda traballo por facer para confirmar estes efectos en condicións naturais e coñecer mellor os mecanismos de acción. A resposta tamén pode variar segundo a fase de desenvolvemento da vide, polo que será necesario continuar investigando os momentos máis favorables para a aplicación. Polo momento, non se poden considerar substitutos dos tratamentos fitosanitarios convencionais.

Porto-Muiños prepara a súa comercialización
Tras seis anos de traballo e colaboración con centros de investigación e produtores agrícolas, a fase experimental de BIO-MARTERRA xa rematou. Porto-Muiños está agora a preparar o salto á produción comercial: conta coa licenza de actividade necesaria e traballa na adecuación das instalacións e na adquisición dos equipos.
A empresa tamén está a completar as análises necesarias para a etiquetaxe e os estudos previos ao rexistro da patente. Dende o equipo de Porto-Muiños estiman que os primeiros produtos poderían chegar ao mercado no 2027. Paralelamente, o equipo continuará realizando ensaios para ampliar os cultivos nos que se poden aplicar e optimizar os procedementos.
A nova liña permitirá aproveitar especies abundantes con pouco interese alimentario e os descartes xerados durante a transformación das algas destinadas ao consumo humano. Para Porto-Muiños, supón tamén unha oportunidade de diversificar a súa actividade e abrir un novo mercado vencellado á agricultura sostible.
Buján destaca que a colaboración entre a empresa, os investigadores e os agricultores foi fundamental para chegar a estes resultados. “O traballo de campo sempre leva moito máis tempo e esforzo do que parece”, lembra. Unha cooperación que permitiu trasladar os ensaios máis alá do laboratorio e avanzar cara produtos con aplicación práctica no sector agrario.
O Grupo Operativo BIO-MARTERRA conta cun orzamento de 179.634,83 euros (100% subvencionados) e está coordinado por Porto-Muiños. Nel participan a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), o grupo VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través da súa Unidade de Xestión de Residuos e Fertilización do grupo Agronomía, e o produtor Avelino Santana García. O CIAM-Agacal e Horta da Lousa participan como entidades cooperantes. A iniciativa está financiada integramente mediante as axudas para proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI): o 80% procede do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o 16% do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e o 4% de fondos propios da Xunta de Galicia, no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027.















