Do lixo ao fertilizante: a segunda vida dos residuos orgánicos en Vigo

O contedor marrón, impulsado polo Concello e FCC Medio Ambiente, permite separar os restos para transformalos en compost

A compostaxe de materia orgánica é unha práctica que se realiza dende tempos inmemorables, que se basea en transformar os residuos en fertilizantes a través dun proceso natural de descomposición. É unha forma de diminuír o volume de residuos sólidos urbanos e rexenerar a estrutura do solo, introducindo elementos como o nitróxeno, o fósforo e o potasio. Esta é a finalidade do contedor marrón, unha iniciativa do Concello de Vigo en colaboración con FCC Medio Ambiente para recoller a materia orgánica nun mesmo espazo e mudala. 

Este depósito está destinado exclusivamente a restos de comida, mondas de froitas e verduras, cascas de ovos, ósos, cunchas de marisco ou froitos secos, ademais de papel de cociña sen tinguiduras, restos de plantas e tapón de cortiza. Pola contra, non se poden depositar restos de varrer, cinza, cabichas, cueiros, produtos hixiénicos ou excrementos de animais de compañía. Así, durante a compostaxe, os microorganismos descompoñen estes materiais, converténdoos nun fertilizante orgánico, o denominado compost. 

Publicidade

Como se transforma a materia orgánica?

Existen diversas técnicas para transformar a materia orgánica. En primeiro lugar, a compostaxe tradicional, que descompón o lixo a través de microorganismos pola presenza de osíxeno, converténdoos en compost tradicional. En segundo lugar, a vermicompostaxe, que emprega lombrigas —xeralmente Eisenia fetida—para acelerar a descomposición, xa que cando excretan o fan en forma de humus, cunha concentración de nutrientes superior ao compost tradicional. E, finalmente, está o coñecido Bocashi, un sistema de fermentación acelerada de orixe xaponesa que emprega activadores, como o arroz ou o formento. 

Os condicionantes

A fin de que a materia orgánica se transforme eficientemente e sen xerar cheiros nin patóxenos, hai determinados parámetros que se deben controlar e cumprir. Un deles é equilibrar os materiais marróns —como follas secas, palla, cartón e serraduras— cos materiais verdes —como restos de froitas, verduras, céspede e café—. Súmase a regulación da humidade, que se debe manter entre o 40% e o 60%: se está moi seco, a actividade biolóxica detense; se está moi saturado, prodúcese algo coñecido como putrefacción anaeróbica.

Publicidade

Que hai despois do contedor marrón?

O obxectivo principal do contedor marrón instalado en Vigo é separar correctamente a materia orgánica do resto de residuos para convertilos nun fertilizante natural rico en nutrientes, que mellore a calidade do solo e reduza a necesidade de produtos químicos sobre o campo. En consecuencia, a compostaxe é unha aliada do medio ambiente nesta ecuación, xa que incrementará a fertilidade coa que se poderán producir froitas e verduras máis naturais e sas. Pero vai máis aló: a función do contedor marrón tamén é reducir a contaminación e o impacto do quecemento global na vida diaria.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do contedor a unha segunda vida: en que se transforma o que reciclamos?

O papel, o vidro, o plástico e a materia orgánica poden converterse en novos produtos, reducir o consumo de recursos e xerar aforro económico e ambiental

Guía para reciclar en Vigo: que vai en cada contedor e que non?

A cidade conta con sete contedores para separar vidro, papel e cartón, envases, materia orgánica e outros residuos

Que facer cos residuos orgánicos? Así funciona o contedor marrón de Vigo

O Concello, en colaboración con FCC Medio Ambiente, impulsa a separación do lixo para transformalo nun fertilizante natural

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo