Martes 17 Febreiro 2026

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

Abordar o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde a perspectiva da investigación científica é fundamental para entender a magnitude e complexidade do problema. Estudos realizados por académicas e expertas alertan da gravidade dunha situación que só nos últimos anos mereceu un tratamento á altura da súa auténtica dimensión. Con ese obxectivo, o Concello de Vigo organiza en colaboración con GCiencia as xornadas 25N: Unha ollada desde o coñecemento, que se celebran os días 6 e 7 de novembro a partir das 19,00 na Casa Galega da Cultura (praza da Princesa, 2).

As xornadas ábrense o mércores coa mesa redonda “A violencia contra a muller no deporte” pola conta de Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, que participará xunto a Beatriz Seijas, exxogadora de fútbol sala, elixida en dúas ocasións mellor futbolista da Liga, e Araceli Menduiña, piragüista e cuarta clasificada nos Xogos Paralímpicos de París 2024. O xoves, a investigadora no departamento de Economía Cuantitativa da USC Eva Aguayo impartirá unha conferencia baixo o título “O senfogarismo feminino”. Ambos actos será presentados pola xornalista de GCiencia Laura Filloy e terán entrada libre ata completar a capacidade do local.

Publicidade

O programa deseñouse co obxectivo de analizar as causas estruturais, os patróns sociais e as consecuencias físicas e psicolóxicas da violencia de xénero, así como a eficacia das políticas públicas e as intervencións preventivas. Incluír a investigadoras na discusión axuda a darlle visibilidade ao labor científico das mulleres neste campo e garante unha análise profunda que pode informar accións máis efectivas para erradicar a violencia contra as mulleres.

Deporte e fogar

O mércores, as invitadas analizarán os desafíos e obstáculos que enfrontan as mulleres en disciplinas deportivas, desde o acoso ata a discriminación, mentres que a charla do xoves sobre senfogarismo abordará a dobre vulnerabilidade que enfrontan as mulleres en situación de rúa, cos riscos específicos e as dificultades engadidas que sofren. Ambas citas tratan de sensibilizar e promover a reflexión sobre a necesidade de protexer e apoiar as mulleres en calquera contexto.

Publicidade

As xornadas enmárcanse dentro da programación deseñada polo Concello de Vigo con motivo do 25 de novembro, que foron presentadas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, a tenente de Alcalde, Carmela Silva, e a concelleira Ana Laura Iglesias, xunto a integrantes do Consello Municipal da Muller. O programa inclúe música, teatro e cinema, entre outras actividades. Así, proxectaranse películas e documentais na Galería do Museo Marco (As Neves, 5 de novembro; Mentres dormes, 12 de novembro) e o Auditorio Municipal de Praza do Rei (Patriarcado, o organismo nocivo, 13 de novembro; Tódalas mulleres que coñezo, 27 de novembro).

Igualmente, haberá música, a cargo de Guadi Galego (15 de novembro ás 21,00 horas no Teatro Salesianos) e de Silva Lúa e Catuxa Salom (21 de novembro ás 19,00 horas no Auditorio Municipal); e teatro, coa representación de Golpes (14 de novembro no Auditorio Municipal), Feminíssimas (22 de novembro no Auditorio Municipal) e Cigarreras (28 de novembro no Auditorio Municipal). A iso súmanse unha exposición e a presentación do libro Os anos tranquilos de Llerena Perozo.

O día 25 de novembro volverá celebrarse, coa participación de estudantes de ESO, Bacharelato e FP, o evento ‘Enlaza Vigo’, no Auditorio Mar de Vigo; e esa mesma tarde, ás 20,00 horas, sairá a manifestación convocada pola Rede Veciñal contra vos Malos Tratos, con saída do cruzamento de Vía Norte e Urzáiz. A programación completa pode consultarse na web do Concello.

Na presentación dos actos, o alcalde, Abel Caballero pediu “seguir alzando a voz desde Vigo contra as violencias machistas”. Carmela Silva subliñou que a loita contra as violencias machistas “é unha gran prioridade para o Concello” e animou a participar na programación organizada con motivo do 25N para “concienciar, reivindicar, denunciar e poñer en pé a toda a sociedade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Salas: “A xenética dos galegos ten máis compoñente norteafricana que a andaluza”

O investigador do IDIS foi un dos poñentes na xornada 'Pontevedra Multicultural. Ciencia pola Igualdade', organizada polo Concello de Pontevedra e GCiencia con motivo do 25N

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Vivas de milagre: violencias médicas contra as mulleres do século XIX

Cando a Xinecoloxía e a Obstetricia se consolidan como materias nas Facultades de Medicina, a teoría médica “inventa” dúas enfermidades: a histeria e a ninfomanía

Fotos | Así foi a entrega dos Premios GCiencia Galicia Spin-off 2025

Na cerimonia recoñeceuse a labor de iniciativas innovadoras xurdidas a partir do ámbito das tres universidades públicas galegas