Celebremos o 11 de febreiro

Mañá celebramos o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, unha data declarada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no 2015 co fin de conseguir o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia, e lograr a igualdade de xénero e o apoderamento das mulleres e as nenas. Algo de vital importancia para acadar os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS), que supoñen a revisión dos valores que se transmiten á luz da igualdade e da sustentabilidade.

Unha conmemoración necesaria, porque aínda que as mulleres son maioría entre o estudantado universitario a súa distribución entre as distintas titulacións é moi desigual. Os datos do último Diagnóstico de Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela (USC) amosan que no curso 2019-20 as alumnas son un 62,83% do total do estudantado de titulacións de grao. Pero persisten as fendas, xa que as porcentaxes de alumnas son: 31,22% na área de enxeñaría, 22,73% no dobre Grao en Matemáticas e en Física, 20% no Grao de Robótica e 13,17 % no Grao en Enxeñería Informática.

Publicidade

As mulleres son maioría entre o alumnado universitario pero a distribución entre titulacións é moi desigual

Esta escasa presenza de mulleres nalgunhas titulacións do ámbito CTEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) no só prexudica as mulleres, reducindo as súas oportunidades de traballo e de participación nos avances e decisións do futuro tecnolóxico, senón que afecta ao resultado das investigacións, á innovación e polo tanto á sociedade, tal e como nos indica o proxecto Gendered Innovations.

As causas desta desigualdade son múltiples, entre elas a presenza de estereotipos de xénero e a falla de referentes femininos en ciencia e tecnoloxía. Por iso, a nosa universidade inclúe entre os obxectivos das políticas de igualdade incentivar a elección de titulacións non baseadas en roles tradicionais de xénero, centrándose na educación primaria. Esta fenda de xénero xa está aberta en secundaria, como sinalan diversos estudos, polo que é necesario promover programas dirixidos ao alumnado en idades máis temperás.

Publicidade

Hai que incentivar a elección de titulacións non baseadas en roles de xénero tradicionais

Neste contexto, iniciamos no 2016 o programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, no marco de colaboración do Concello de Santiago de Compostela coa Oficina de Igualdade de xénero da USC. Un programa que xa leva sete edicións, e que nesta última, ao ser en liña, permítenos achegarnos a 50 colexios de toda Galicia, con obradoiros lúdicos que esperten o interese do alumnado e visibilicen referentes femininos próximos no ámbito CTEM. Con isto pretendemos mostrar que non hai que ser unha Premio Nobel para dedicarse a estas profesións, e que non existen carreiras mellores ou peores: todas as opcións son válidas tanto para as nenas como para os nenos.


*Eva Aguayo Lorenzo e Encina Calvo Iglesias son as coordinadoras do programa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, da Universidade de Santiago de Compostela

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos