O CINBIO facilita a saída da tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mundo real

O centro da UVigo participa no proxecto europeo Artemis para crear novas fontes cuántivas máis versátiles, flexibles e rendibles

Cando a comezos do século XX a comunidade científica comezou a desenvolver as ideas que conformarían o que hoxe chamamos mecánica cuántica, non só se estaba a fraguar unha revolución intelectual, senón tamén tecnolóxica. Os descubrimentos que permitiron achegármonos ao comportamento fundamental da materia e a enerxía no universo ofreceron ferramentas para crear materiais, dispositivos e técnicas que cambiaron a face do mundo. Hoxe en día a comunidade científica continúa a explorar a complexidade da física cuántica coa intención de desenvolver novas tecnoloxías.

O campo da fotónica estuda o comportamento dos paquetes fundamentais da luz, os fotóns, na súa interacción entre eles e coa materia. Trabállase para entender e empregar propiedades exóticas, como o entrelazamento cuántico entre fotóns, para aplicacións relacionadas coa comunicación, a criptografía, a caracterización material ou a computación cuántica. Para seguir avanzando, a fotónica precisa da mirada doutras disciplinas e, por iso, é preciso crear novas fontes de fotóns individuais compactas, duradeiras, robustas e enerxeticamente eficientes, co fin de concibir dispositivos que implementen, e avancen, a ciencia máis punteira.

Publicidade

A urxente necesidade de novas fontes cuánticas cunha versatilidade, flexibilidade e rendemento sen precedentes é a principal motivación do proxecto europeo Artemis, Materiais moleculares para fontes de luz cuánticas integradas en chip, financiado a través da convocatoria Pathfinder dentro do programa Horizonte Europa e coordinado polo Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR) de Italia (concretamente polo ISASI, Institute of Applied Sciences and Intelligent Systems), completando o consorcio outros dez socios que representan un total de seis países, entre os que se atopa o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo (UVigo), cofinanciado con fondos FEDER e único representante español neste consorcio. 

Da man dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos

Cun orzamento 3.247.100,00 euros, Artemis botou a andar oficialmente en outubro de 2023, cunha reunión de lanzamento celebrada en Nápoles, e prolongarase durante 48 meses, formando parte do consorcio, ademais da UVigo e do CNR de Italia, a Università del Piemonte Orientale Amedeo Avogadro (Italia), o Institute of Physics Belgrade (Serbia), a Katholieke Universiteit Leuven (Bélxica), o Ministero delle Imprese e del Made (Italia), Università degli Studi di Cagliari (Italia), Université de Namur (Bélxica), École Centrale de Marseille (Francia),  e a Universität Bern (Suíza).

Publicidade

Por parte do CINBIO participa neste proxecto persoal investigador dos grupos TeamNanoTech (TNT) e Nanomateriais Híbridos (HNG) para o que contan cun orzamento de 440.750 euros que facilitarán a posta en marcha dos diferentes paquetes de traballo. Participan Verónica Salgueiriño Maceira, líder de HNG, e Miguel Correa Duarte, líder de TNT, xunto con Lucas Vázquez Besteiro, Begoña Puértolas Lacambra e Margarita Vázquez González, persoal de TNT.

Principal obxectivo

O obxectivo principal de Artemis é a investigación fundamental cara ao desenvolvemento de fontes de fotóns individuais e entrelazados integrables, baseadas en compostos moleculares metalorgánicos. Este obxectivo perseguirase recorrendo a materiais moleculares, baseados en metais de transición e/ou ións lantánidos con elementos orgánicos, caracterizados tanto por unha emisión lineal cunha diminución espectral axustable como por propiedades ópticas non lineais, permitindo a xeración á carta de fotóns individuais e de pares/tripletes de fotóns entrelazados.

Está previsto que os dispositivos e métodos desenvolvidos neste proxecto cheguen a fontes fotónicas cun rendemento competitivo en termos de coherencia, eficiencia, escalabilidade e custo. “Isto conduciría a un avance fundamental no desenvolvemento da tecnoloxía cuántica, facilitando o camiño para a súa saída do laboratorio ao mundo real”, subliña o responsable do proxecto, Miguel Correa.

Un proxecto “complexo e ambicioso” 

Dentro do traballo formulado ao abeiro deste proxecto, as científicas e científicos dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos ocúpanse do desenvolvemento de plataformas plasmónicas destinadas á mellora da eficiencia das fontes moleculares de luz, así coma a súa caracterización experimental e teórica. “As partículas plasmónicas”, explica Lucas Vázquez, “funcionan como antenas, concentrando a enerxía da luz na nanoescala para excitar os emisores con ións lantánidos”.

Tanto desde o grupo liderado por Correa como por Salgueiriño aseguran estar entusiasmados de poder contribuír ao desenvolvemento dun proxecto “complexo e ambicioso” que achega ciencia básica punteira a tecnoloxías emerxentes. “Traballar con este consorcio está a facilitar a expansión das aplicacións dos sistemas nanofotónicos que desenvolvemos nos nosos grupos e, ademais, para nós é un orgullo representar á UVigo e ao CINBIO dentro do consorcio e de cara á Comisión Europea”, indica Correa.

Presentación nun dos seminarios do CINBIO

Artemis protagonizou un dos seminarios científicos do CINBIO, un ciclo de conferencias e presentacións nas que se convida a investigadores, tanto do propio centro como de fóra del, a que presenten os seus proxectos e avances, unha aposta polo intercambio de coñecementos e pola procura de sinerxías entre distintos grupos e institucións.

Na sesión presentáronse os proxectos Artemis e In-Armor, no que tamén comparten tarefas o persoal investigador dos grupos TeamNanoTech e Nanomateriais Híbridos. Trátase, no caso de In-Armor, de buscar unha nova clase de indutores do sistema inmunolóxico capaces de mellorar os mecanismos de defensa microbiana innatos do corpo humano para combater a resistencia antimicrobiana e reducir a incidencia das 13 infeccións bacterianas máis perigosas do mundo. Neste caso cóntase cun orzamento de 5 millóns de euros financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte Europa, dos que á UVigo lle corresponden 390.000 euros.


DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais