O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo converteuse no escenario de proba e validación dunha innovadora tecnoloxía desenvolvida polo Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, para monitorizar a calidade do aire interior en tempo real. Os primeiros resultados do proxecto piloto confirman o bo funcionamento do sistema nunha contorna altamente esixente e reforzan o papel do centro hospitalario como referente na implantación de proxectos de innovación.
Financiado a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia con 390.000 euros e realizado en colaboración coa área Sanitaria de Vigo, S.C. Novo Hospital de Vigo e Veolia, o proxecto púxose en marcha co obxectivo de deseñar novas tecnoloxías que axuden a transformar datos ambientais en información útil para mellorar a xestión dos edificios e o confort das persoas.
Resultados sólidos nunha contorna especialmente esixente
A experiencia piloto levouse a cabo na sala de espera de Consultas Externas do hospital, onde se despregaron preto de 40 dispositivos capaces de recoller datos cada cinco minutos en máis de 80 puntos de control. Esta rede permitiu obter unha imaxe precisa do comportamento ambiental do espazo. Os datos recollidos ata este mesmo mes de abril amosan un funcionamento estable e coherente cos parámetros de calidade do aire e estándares dun hospital de vangarda.
As temperaturas medias situáronse en 23,5°C en xaneiro e 24,0°C en xullo, mentres que a humidade relativa alcanzou o 46,9% e o 60,9%, respectivamente. En canto á calidade do aire, os niveis medios de dióxido de carbono mantivéronse en 618 ppm no inverno e 630 ppm no verán, valores que indican unha ventilación e calidade do aire óptima.
Máis aló destas cifras, o sistema permitiu identificar oportunidades de mellora en aspectos como a homoxeneidade térmica ou o control da humidade, demostrando a súa utilidade non só para detectar problemas, senón tamén para optimizar instalacións que xa funcionan correctamente.
O Cunqueiro como contorna clave
Un dos elementos máis relevantes do proxecto é o propio contexto no que se está desenvolvendo. “O Hospital Álvaro Cunqueiro non é unha contorna calquera: trátase dunha infraestrutura con altos estándares en ventilación e climatización, o que converte este piloto nunha proba especialmente esixente”, explica o catedrático Enrique Granada, líder do proxecto.
Validar unha tecnoloxía nun edificio que xa funciona correctamente supón un reto maior que facelo en espazos con deficiencias evidentes. Neste caso, o obxectivo non é corrixir fallos básicos, senón demostrar que é posible achegar unha análise máis precisa, capacidade preditiva e novas ferramentas de xestión mesmo en instalacións avanzadas.

Neste sentido, os resultados obtidos reforzan tanto a solidez técnica da solución como a capacidade do hospital para participar activamente en proxectos de innovación aplicada, así como a disposición do Servizo Galego de Saúde a colaborar en iniciativas que buscan mellorar a calidade das contornas asistenciais.
Edificios máis intelixentes e saudables
Xunto a Enrique Granada completan o equipo de traballo, o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de diferentes proxectos tecnolóxicos. Con esta nova tecnoloxía poñen sobre a mesa unha nova xeración de sensores autónomos de baixo custo con algoritmos avanzados capaces de analizar a evolución espacial e temporal de variables como a temperatura, a humidade ou o CO2. “Trátase de avanzar cara a unha nova xeración de sistemas que non só midan, senón que axuden a tomar decisións”, recalca o responsable do proxecto.
Con esta validación, a Universidade de Vigo dá un paso importante cara á transferencia ao mercado desta solución, con potencial aplicación en hospitais, centros de traballo, edificios públicos ou espazos comerciais. A ambición do proxecto é clara: converter a calidade do aire interior nun indicador xestionable en tempo real, con impacto directo no benestar das persoas, o rendemento dos traballadores e a eficiencia dos edificios.














