Os sedimentos dos solos dos Penedos da Raíña Loba revelan catro séculos de ocupación medieval

Un estudo da UVigo emprega a xeoarqueoloxía no enclave ourensán e achega novas pistas sobre a posible localización do castelo de Aguiar da Moa

Os solos gardan historias fascinantes sobre os territorios, xa que é onde quedan marcadas as prácticas sociais de antano. Ao sur da comarca da Limia, no sector meridional da serra de Gomariz, atópanse os Penedos da Raíña Loba (Os Blancos, Ourense), un xacemento granítico e catalogado pola Xunta de Galicia, situado entre o val da Limia e o val do río Salas. Agora, grazas á ciencia, existen evidencias da súa ocupación humana continuada durante catro séculos, dende o X-XI ata o XV; é dicir, ten unha cronoloxía medieval. Este é un dos resultados principais tras a xeoarqueoloxía aplicada no enclave a través do proxecto XeRaLo (Xeoarqueoloxía no contorno da Raíña Loba), enmarcado no programa INOU de 2025 da Universidade de Vigo (UVigo), que busca xerar investigación na provincia de Ourense.

“Todo o proxecto xorde nunha conversa de despacho”, sinalan os investigadores principais, Juan Manuel Galiña Lorenzo e Miguel Ángel Álvarez-Vázquez. O primeiro pertence á Área de Historia Medieval, mentres que o segundo está dentro da Área de Xeografía Física; ambos están afiliados á UVigo. Foi así como xurdiu a idea de afondar nos segredos invisibles, polo menos a simple vista, dos Penedos da Raíña Loba cun enfoque multidisciplinar: xeografía ambiental, historia, tradición oral, traballo de campo, análise estratigráfica e técnicas xeoquímicas —como a análise por fluorescencia de raios X (XRF).

Publicidade

Neste contexto, o equipo tamén busca resolver unha incógnita específica: “Sempre se falou da existencia dun posible castelo neste enclave”. Falan do castelo de Aguiar da Moa, e o conxunto dos Penedos da Raíña Loba proponse como localización desta fortaleza medieval documentada. Nada máis chegar, os investigadores sinalan a presenza de indicios materiais visibles, como modificacións antrópicas da rocha —chanzos, encaixes, alxibes, perpiaños e plataformas—, e restos materiais como ósos queimados, moedas, dous coitelos e mesmo unha punta de besta. “Todos estes elementos reforzaron a idea de que había vida cotiá e militar“, conclúe Juan Manuel Galiña.

Que din os solos

Tras unha aproximación inicial ao enclave, tomáronse mostras dirixidas dos solos en tres sectores dos Penedos da Raíña Loba: en primeiro lugar, o Castelo da Raíña Loba —tamén coñecido como Castelo Novo—, que concentra modificacións na rocha e materiais en superficie (como cerámica ou escouras); en segundo lugar, o Cementerio, nunha posición elevada pero cunha menor densidade de estruturas; e, en terceiro lugar, unha zona de control con áreas de pouca ou nula intervención humana.

Publicidade

O principal achado foi na parcela RL5, no primeiro destes sectores, onde se atoparon niveis altos de calcio, cinc, manganeso, fósforo e cobre que permitiron localizar con precisión a área onde despois, durante a escavación, se atoparían os materias e estruturas mencionados anteriormente. “Non fai falta que sexan contidos moi elevados; a súa mera presenza xa nos está a dar información”, sinala Miguel Ángel Álvarez-Vázquez, dando especial importancia a como se agrupan a través da estatística multivariante e as análises de correlación.

Esta investigación evidencia unha relación “moi forte”, segundo os investigadores, entre a composición dos sedimentos e as actividades humanas. Neste sector había cerámicas de uso doméstico, ósos de animais —bóvidos, cérvidos, porco bravo, paxaros e coellos— e restos de fogueiras. “É algo que descubrimos capa tras capa“, sinala Galiña como pistas que, tras as probas de carbono 14, lles levaron a evidenciar que se habitou durante a Idade Media.

Resumo gráfico das evidencias documentadas na testemuña sedimentaria RL5, con
indicación dos resultados da análise de contidos de Cu e exemplos dos diferentes materiais
identificados entre os sedimentos. Fotos: M. A. Álvarez Vázquez
Resumo gráfico das evidencias documentadas na testemuña sedimentaria RL5, con indicación dos resultados da análise de contidos de Cu e exemplos dos diferentes materiais identificados entre os sedimentos. Fotos: M. A. Álvarez Vázquez

O papel da xeoarqueoloxía

Este proxecto xira arredor da xeoarqueoloxía, unha disciplina que combina a arqueoloxía e as Ciencias da Terra para estudar como as sociedades humanas interactuaban coa súa contorna ao longo do tempo. Así, o traballo foi froito da interdisciplinariedade: dúas persoas de arqueoloxía, dous investigadores de estatística e un membro de xeografía física: “Converxen diferentes intereses científicos nun único lugar”, apunta Álvarez-Vázquez.

Con todo, tamén queren afastarse dos métodos arqueolóxicos máis destrutivos e parten dende unha prospección dos solos para crear unha idea das diferentes zonas do xacemento arqueolóxico. Para iso empregan ferramentas non agresivas nin invasivas, como o LiDAR, xeorradares ou a fluorescencia de raios X, como ocorre no estudo dos Penedos da Raíña Loba: “Con estas ferramentas podemos facernos unha lixeira idea do que hai abaixo”, apunta Juan Manuel Galiña.

E o castelo de Aguiar de Moa?

Unha das hipóteses iniciais do proxecto relaciona os Penedos co castelo medieval de Aguiar de Moa. Se se une a documentación ao enclave estratéxico onde se sitúan os Penedos da Raíña Loba a resposta pode ser evidente, pero precísase algo máis: “Os datos de datación radiocarbónica case coinciden coa construción do castelo e o seu suposto abandono”, sinala o historiador da UVigo. Así, sen poder asegurar con totalidade, os investigadores sinalan que os indicios apuntan a que o castelo podería estar neste enclave ou, polo menos, parte do seu ecosistema defensivo.

A: Vista aérea do complexo da serra da Raíña Loba. B: Detalle da zona dos Penedos da Raíña Loba (Castelo Novo). C: Penedo da Raíña Loba, fotografía do punto máis alto do complexo (o asterisco marca o punto dende o que foi tirada a foto). Vistas aéreas: PNOA máxima actualidade - ©IGN. Figura elaborada con QGIS. Foto: M. A. Álvarez Vázquez
A: Vista aérea do complexo da serra da Raíña Loba. B: Detalle da zona dos Penedos da Raíña Loba (Castelo Novo). C: Penedo da Raíña Loba, fotografía do punto máis alto do complexo (o asterisco marca o punto dende o que foi tirada a foto). Vistas aéreas: PNOA máxima actualidade – ©IGN. Figura elaborada con QGIS. Foto: M. A. Álvarez Vázquez

Máis aló da ciencia: a lenda

Unha das anécdotas que deixa atrás a investigación ocorre nos inicios da escavación. “Atopamos un cristal de 1963 dunha botella, o que nos fixo pensar que houbo xente revolvendo neste xacemento buscando, por exemplo, a cabra de ouro“, apunta Juan Manuel Galiña, responsable da escavación. A lenda da cabra de ouro é unha das moitas historias da tradición oral relacionadas coa Raíña Loba, quen ademais de devorar nenos, cóntase que gardaba unha cabra de ouro que, agora, estaría agochada nos Penedos. Iso é o que poderían estar a buscar.

Algúns grandes da literatura de Galicia tamén escribiron vertentes do mesmo mito da Raíña Loba: por unha banda, Vicente Risco fala dunha nena maldicida polo pai que vive no monte converténdose en lobo e muller; e, por outra, López Cuevillas narra a historia dunha persona real, unha “raíña” de carácter despótico.

Pareidolia forzada que representa os penedos como unha loba deitada observando a paisaxe. Superposición de debuxo sobre fotografía real realizada con Google Gemini (empregando o modelo Nano Banana). Foto: M. A. Álvarez Vázquez
Pareidolia forzada que representa os penedos como unha loba deitada observando a paisaxe. Superposición de debuxo sobre fotografía real realizada con Google Gemini (empregando o modelo Nano Banana). Foto: M. A. Álvarez Vázquez

Un marco inicial razoado

“A investigación é un marco inicial razoado“, sinalan os investigadores. Grazas á CMVM de Montes de Covas e ao estudo sobre o terreo, puideron concluír en que os Penedos da Raíña Loba foron un espazo habitado e inserido nunha rede territorial máis ampla durante a época medieval: “É un punto estratéxico clave para o control territorial con posibilidades de comunicación con sinais de lume entre as torres de control da zona”, apunta Juan Manuel Galiña. Así, o traballo enmarcado no proxecto XeRaLo é un resultado puntual, e os investigadores comparten o seu ánimo por traballar en novos xacementos para buscar sinais que confirmen, definitivamente, que o estudo dos sedimentos do solo é útil para coñecer ben onde escavar.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O poder oculto das raíces da alfábega

O proxecto AGRI-RESVAL, no que participan a UVigo, Néboda Farms e FEUGA, investiga o potencial dos residuos da agricultura para atrasar a oxidación dos conxelados

Como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas? Así o estudan dende a UVigo

O proxecto Toxi-Feed analiza os efectos na troita arco da vella e avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción