A cooperativa Árbore Arqueoloxía descubriu o pasado venres unha peza única nas súas características: trátase dunha rocha de granito que ten gravado un petróglifo por un lado e un trisquel polo outro. O achado produciuse nunha campaña de escavación no castro do Pico da Bandeira, na parroquia de Salcidos (A Guarda). “Atopámola dentro dunha vivenda. Nun primeiro momento só viramos que tiña gravado o petróglifo. O venres decidimos mover a rocha e aí foi cando levamos a sorpresa e vimos que, polo outro lado, había un trisquel“, conta o arqueólogo da coperativa Benito Vilas.
Vilas declara que, ata onde teñen coñecemento, é unha peza única en Galicia. Non se ten constancia doutros achados das mesmas caracterísitcas, isto é, cun gravado petroglífico por un lado e un trisquel no reverso. A escavación, impulsada pola comunidade de montes de Salcidos, está dirixida pola arqueóloga Nerea Vilariño. Na campaña participan tamén Elena Taboada, Darío Peña, Alejandro Pujales, Alberto Fachado e Martín Cuenca.
Un trisquel e un petróglifo
O achado produciuse nunha rocha de granito de 26 por 33 centímetros. O arqueólogo Benito Vilas resalta o seu excelente estado de conservación. “O trisquel está practicamente novo“, asegura. Indica que o petróglifo, se ben tamén presenta un estado óptimo, é un gravado menos traballado, máis rudimentario. “O trisquel apareceu nunha zona de derrubamento. Atribuímos a súa boa conservación a que o seu lado caeu sobre a terra e evitou que o gravado recibira o impacto doutros cascallos“, explica Vilas.
As pesquisas do equipo permítenlles determinar que a vivenda na que se atopou a rocha estivo ocupada entre o século I a.C. e I d.C. “Achamos anacos de ánfora romana e outras pezas que nos levan a pensar na Galicia do proceso de romanización“, conta o arqueólogo. Sinala que nunha campaña anterior á actual xa apareceran dúas estruturas circulares de pequenas dimensións. “A desta escavación é dun tamaño moi superior. Ademais, no seu interior atópanse moitos elementos que non tiñan as outras. Pensamos que esta terceira vivenda tiña máis prestixio“, indica Benito Vilas, que engade: “Isto foi unha auténitica sorpresa. E aínda queda máis da metade da cabana por escavar, así que a ver que pode aparecer”.
O investigador asegura que, ata onde teñen coñecemento, non hai outras rochas en Galicia nas que haxa un trisquel e un petróglifo en caras opostas. Así e todo, si hai antecedentes que presentan unha situación similar: “Algo parecido pasa en Briteiros, en Portugal, onde a Pedra Formosa, que formaba parte dunhas saunas castrexas, tiña un petróglifo no reverso. Pero non é das mesmas características”, asegura Benito Vilas.
O misterio da súa función
O investigador de Árbore Arqueoloxía recoñece que non teñen unha resposta a cal puido ser a función orixinal desta peza. “Para determinar o uso que tiña cando se fixo, necesitamos saber se os dous símbolos se gravaron no mesmo momento, ou se pertencen a contextos diferentes”, declara Vilas. No caso de que se plasmaran á vez na rocha, os arqueólogos poderían establecer unha relación entre ambos iconos e asocialos ás crenzas e o imaxinario da poboación que os inmortalizou no granito. Porén, tamén valoran que o petróglifo xa estivera aí, na rocha, e que o trisquel fora un engadido posterior. “Ao mellor o petróglifo xa estaba gravado e, posteriormente, outra cultura rompeu a pedra para aproveitala como material de construción para vivendas”, propón o investigador.
Determinar cal das dúas opcións se corresponde coa realidade é unha tarefa complexa. “A forma de sabelo con seguridade sería unha máquina do tempo. Doutro xeito, é imposible”, recoñece Benito Vilas. Engade que si poderían achegarse ao pasado se comezaran a aparecer máis exemplares coma ese. “Se houbera máis casos [dunha rocha na que hai un petróglifo e un trisquel], poderiamos pensar que forma parte dunha tendencia e que os símbolos si están conectados entre eles. Pero como ata agora esta peza é a única con esas características, non podemos confirmalo“, aclara o arqueólogo.
Por agora, a misteriosa peza permanece co equipo de Árbore Arqueoloxía. “Unha vez que rematen os traballos, trasladarémolo ao Museo Quiñones de León (en Vigo). Pero antes diso, levarémolo ás visitas guiadas para que as persoas, en especial os veciños da zona, poidan visitalo”, conclúe Benito Vilas.

















