Dez casos en Galicia e oito en Portugal. Esa é a última actualización de dous gromos de lexionela detectados nos veciños concellos do Rosal, A Guarda e Caminha. Fontes da Consellería de Sanidade anunciaron este martes a colaboración cos seus homólogos portugueses para secuenciar as mostras e determinar se os dous gromos teñen relación. De momento, non se identificou o foco infeccioso, malia que xa está a levar a cabo unha investigación epidemiolóxica nas zonas afectadas. Os datos máis recentes confirman que en Galicia os hospitalizados pola bacteria Legionella pneumophila ascende a sete. Aínda que non trascenderon máis datos dos pacientes, o microbiólogo David Velasco do Hospital da Coruña confirma que as persoas máis afectadas son as maiores e inmunodeprimidas.
“A lexionela é unha bacteria que vive na auga e que normalmente non produce enfermidade, agás na poboación de risco”, matiza o investigador. Velasco continúa explicando que este bacilo non se transmite de persoa a persoa, senón que se contaxia a través dos aerosois. É dicir, de pingas de auga microcópicas que se aspiran polas fosas nasais ou pola boca e causan infección no sistema respiratorio, chegando a provocar neumonía nos casos máis graves. “Esta bacteria tamén produce un cadro menos grave denominado febre de Pontiac. Os síntomas son parecidos aos dun catarro, acompañados de moita tos. Iso si, se tes menos inmunidade ou hai unha maior cantidade de bacterias, produce un cadro respiratorio máis grave”, continúa detallando o investigador.
Cal pode ser a orixe?
Á falta de resultados concluíntes no caso do Baixo Miño, o foco deste tipo de infeccións adoita estar nas augas estancadas. Segundo explica Velasco, a lexionela non acada concentracións o suficientemente altas como para transmitirse en auga corrente, como nos ríos. Non obstante, as fontes ornamentais, os pozos e as torres de refrixeración —é dicir, lugares con auga estancada— poden ser o foco da infección. “As bacterias quedan adheridas ás superficies somerxidas creando unha capa que se denomina biofilm. De aí vanse soltando os bacilos ata inxerilos”, engade o microbiólogo. Polo tanto, o risco está naquelas zonas onde a auga permanece moito tempo estancada, o que lle permite á lexionela dispersarse ata espandirse polas pingas de auga microscópicas que infectan as persoas.
De feito, pon como exemplo un gromo que se produciu en Madrid hai arredor de 15 anos. Afectou a moitas persoas e a orixe estaba nos tanques das torres de refrixeración do aire acondicionado. É dicir, nas balsas de auga. “A clave estaba en que era un circuíto de auga pechado onde medraron os organismos e se dispersaron a través dos aerosois”, continúa Velasco. Non obstante, o investigador non lembra ningún caso semellante en Galicia, máis alá de infeccións illadas. “Non é raro nin especialmente puntual. Todos os anos hai casos durante ou a finais do verán. O que non se produciron, que eu recorde, foron grandes gromos en Galicia. Polo menos, na área sanitaria da Coruña”, apunta Velasco. E insiste que a maioría das veces a lexionela provoca unha infección respiratoria que pode derivar en neumonía e, outras, resólvese esponteaneamente, incluso sen antibióticos.
Que facer para evitar a infección
Velasco recoñece que as medidas que se poden tomar a título individual para evitar infectarse por lexionela son limitadas. O seu contaxio a través dos aerosois complica o seu control e son os servizos sanitarios autorizados os que deben determinar cal é o foco, tomando mostras dos lugares sospeitosos de albergar a proliferación de bacterias. “É moi difícil porque non te infectas inxerindo auga, senón respirando unhas pingas microscópicas que non podes detectar. O que hai que facer é tomar mostras de todas as augas sospeitosas, esterilizalas e limpalas para acabar co problema”, apunta o microbiólogo, ao tempo que insiste que a época na que se producen máis infeccións por lexionela é durante o verán ou despois del, porque baixa a cantidade de auga acumulada.
Dende o punto de vista clínico, Velasco relata a súa experiencia no laboratorio do Hospital da Coruña. Para detectar a bacteria fanse análises de ouriños, nas que se pode detectar un compoñente específico da lexionela. Tamén, e como alternativa, fanse cultivos das secrecións respiratorias. E amais disto, incluso de pode levar a cabo unha secuenciación masiva do xenoma, que ten especial interese dende o punto de vista epidemiolóxico, porque dará información clave sobre a infección. No caso dos gromos de Galicia e Portugal, esta técnica empregarase para determinar se os pacientes afectados do Rosal, A Guarda e Caminha están relacionados.















Se mal non recordo, na década de 1990, tamén houbo un gromo importante no hospital Meixoeiro de Vigo. E foi a raíz diso que a Xunta sacou unha normativa relativa aos sistemas de control da legionelose. Neste sentido, mesmo os centros de ensino deberon de facer unha especie de análise de riscos para os sistemas de ducha nos ximnasios dos centros.