Os nosos ollos están acostumándose a observar fotografías do Universo. No noso imaxinario xa se producen imaxes de galaxias e nebulosas espectaculares grazas aos telescopios espaciais que buscan respostas. Un dos responsables de que esta información xa non sexa allea a nós é o James Webb, un aparello que está a revolucionar a historia astronómica e a divulgación deste tipo de ciencia, facendo accesible o corazón da Vía Láctea a calquera persoa. A astrofísica da NASA Begoña Vila está detrás desta misión espacial que xa achou o burato negro supermasivo máis antigo e a galaxia máis afastada.
Begoña Vila é de Vigo e observa o ceo dende pequena. Chamáballe a atención o brillo das estrelas de noite, os diferentes tipos de nubes ou os cambios que se producen nos ceos ao longo do día. Agora, considérase unha afortunada por traballar na NASA e cre, firmemente, que algún día atoparemos vida nalgún punto do amplo Universo. Nesta entrevista cóntanos que os científicos están buscando sinais de radio no espazo, é dicir, se unha vida intelixente está intentando enviarnos mensaxes. Tamén nos fala da importancia da divulgación científica para manter á sociedade informada e, por ende, para que os gobernos internacionais sigan investindo na ciencia que procura escudriñar os misterios cósmicos.
—O James Webb déixanos imaxes espectaculares do Universo. As fotografías e os achados van acompañados dunha explicación científica. Como se consegue traducir algo tan difícil como é a astrofísica?
—É moi importante poder compartir con todo o público o que imos coñecendo do espazo. O equipo de comunicación ten detrás os científicos. Nas distintas imaxes que se publican cada semana búscase a forma de explicalo dunha forma que se poida entender ben. Non todos estudamos o mesmo, pero iso non quere dicir que non esteamos interesados naquilo que non é do noso campo. A función divulgativa é moi importante. O Webb é un telescopio para todo o mundo e o que estamos aprendendo do Universo é importante para todos. Como chegamos aquí e como foi a evolución.
—Existe algún filtro á hora de compartir información do Universo?
—Si. Hai observacións públicas que se divulgan inmediatamente, pero hai que coller os datos, analizalos, e pensar se as informacións van interesar ao público xeral. Despois, hai científicos que traballaron co telescopio, pero eses datos son para ese equipo. Teñen un período dun ano para facer unha investigación máis detallada. Cando se publiquen en revistas xa se poden divulgar. É unha combinación de ambas.
O que estamos aprendendo do Universo é importante para todos
—O James Webb é un instrumento que está revolucionando a observación espacial e tamén a maneira na que se difunden imaxes sobre o espazo. Por que é tan importante esta comunicación?
—É moi importante divulgar non só na astrofísica, senón en todos os campos. Todo isto é crucial para o avance da humanidade, para aumentar o coñecemento de todos nós, ensinando ao público que hai un telescopio e o que está facendo. Desta maneira poderase seguir construíndo telescopios porque á xente lle interesa o tema. Fan falta cartos para que se faga investigación e para iso é necesario a influencia do público. Un departamento dun goberno oficial depende moito de que a sociedade queira investir.
—Entón, as comunicacións sobre os achados no Universo están impactando doutra maneira nas persoas?
—Eu quero pensar que si. Son coñecementos que a xente vai entendendo máis. O público estase dando de conta da nosa posición no Universo: hai billóns de galaxias e de estrelas e medra o interese de entender un pouco máis como chegamos ata aquí, tamén de saber se estamos sós. Imos volver á Lúa, temos ese desexo de poder chegar a Marte. Aínda falta moita tecnoloxía que non temos para poder facer estas viaxes. O interese de mirar para fóra sempre estivo aí, temos moitas películas que o demostran co concepto de viaxar polo Universo. A medida que imos avanzando isto está un pouquiño máis preto. Tamén, hai que resaltar que a cultura media de todos vai sendo cada vez maior. Cando Einsten explicou a teoría da relatividade, un chiste dicía que só tres persoas a entendían. Agora é algo coñecido para todo o mundo.
—Estase falando do Universo máis que nunca.
—Efectivamente. Agora xa hai empresas privadas que están levando a moi pouca xente privilexiada a subir a mirar a Terra dende o espazo. A xente empeza a ter outro concepto sobre mirar alá fóra. Sen deixar de pensar no noso planeta, que penso que agora hai un movemento moi forte para coidalo mellor, para recuperar algo do dano que fixemos en tan pouco tempo. Aínda que miremos e esteamos buscando por outro planeta, outro lugar onde pode haber vida, por agora non o atopamos. O noso é o que temos. Isto está moito máis presente agora que hai uns anos.
—Que deberían aprender outros organismos da comunicación do que se fai na NASA?
—A NASA fai un moi bo labor de comunicación. O seu traballo representa a toda a nación e dá a coñecer o que está facendo. A NASA intenta explicar ben o seu traballo, poñen exemplos, imaxes, e conta, por exemplo, co telescopio Webb, o proceso de construción, porque hai xente interesada nisto. É unha forma de divulgar e que formes partes do equipo. O importante é publicar a ciencia e facelo de maneira que se entenda, e se queres divulgar máis, que saibas por onde continuar.
Aínda falta moita tecnoloxía para poder facer viaxes polo espazo
—A divulgación científica en Estados Unidos é moi dispar á de España?
Faise moito esforzo para facer divulgación asequible en todos os campos, igual que en España. É algo que custa, hai que poñer os recursos para poder facelo ben. Cada país inténtao facer á súa maneira.
—Os telescopios espaciais Hubble e James Webb investigan os fenómenos de preto. Para estudar escalas máis grandes estase traballando no Roman. Será como obter un mapa do universo?
—Efectivamente. As imaxes tan espectaculares que vemos de Hubble e Webb son pedazos de ceo. Se colles un gran de arroz e estiras o brazo e miras o que cobre do firmamento, é a imaxe que che está dando Webb. Vemos fotografías espectaculares de centos de galaxias, pero son só unha parte do ceo. Roman pode facer unha imaxe 200 veces maior. Vai ser moi importante. Agora estamos atopando planetas arredor doutras estrelas, lentes gravitacionais, encontramos galaxias interaccionando entre si, pero é algo moi pequeno. Facendo unha foto máis grande imos ter moitos datos para saber como de comúns son estes fenómenos. Agora encontramos 5.000 planetas arredor doutras estrelas e seguimos buscando. Cando Roman proporcione as súas imaxes serviranos para facer estatísticas. Se hai unha zona máis interesante, Webb e Hubble poden mirala con máis detalle.
—Como visualizas o potencial astrofísico galego?
—Hai un par de empresas, quizais máis, que están traballando en microsatélites. Son moi optimista. O talento está aí e enviar cousas ao espazo non é fácil, pero estase facendo. Sendo galega, estou moi contenta de velo.
—Como é observar por primeira vez o nacemento duntra estrela ou unha galaxia?
—Son momentos moi emocionantes. Lémbrome cando subín por primeira vez en Tenerife ao observatorio, e as nubes víanse por enriba. Tamén, as primeiras veces que puxen o ollo no telescopio. Ou cando despois de acumular luz durante moitas horas, obtiña unha fotografía. Cando estabamos facendo o período de comisión de Webb tiñamos todos estes espellos que abrir e aliñar, acender os instrumentos e calibralos. A primeira fotografía que vimos no centro de control foi espectacular e xa notabamos o incríbel que ía ser. É o que te mantén ilusionada. Cada día é especial e novo. Considérome moi afortunada.
—É certo que o James Webb detectou sinais de vida nun exoplaneta?
—É complicado. Si que se detectou un planeta que ten unha atmosfera, algo moi interesante. Nesa observación parece que se detectou minimamente, pero se se mira o espectro que se publicou, apenas é un vulto pequeno onde habería un compoñente biolóxico que aquí na terra só o produce un tipo de plancton. Todo o mundo está moi emocionado, pero os científicos xa dixeron que non hai seguridade sobre o achado. Pode ser ruído. Isto volverase observar de novo. Hai que agardar. Sería un descubrimento moi importante e temos que estar seguros.
—E se se descobre que hai vida, cal é o seguinte paso?
—O que queremos saber primeiro é cantos planetas poden conter vida. Deses 5.000 exoplanetas que coñecemos buscamos a proporción dos que teñen unha atmosfera con vida. A partir de aí, co novo telescopio Mundos Habitables, intentaríase atopar un planeta como a Terra. Hai que darse de conta de que a estrela máis preto de nós está a 490 anos luz, o quere dicir que se puidésemos viaxar á velocidade da luz, aínda tardariamos 490 anos en chegar alí. Ou sexa que, para ir a sitios lonxe, temos que entender como viaxar no espazo dunha maneira que aínda non coñecemos. Tamén se está buscando se hai comunicacións de radio. É dicir, se hai vida intelixente noutro lugar que se está intentando comunicar con nós. De momento non se atopou nada, pero o Universo é inmenso. Por agora, queremos saber cales son as probabilidades de vida. Se non atopamos algunha será moi triste, pero eu creo que a atoparemos.