En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

A Rede de Investigación sobre Bólidos e Meteoritos (SPMN, polas siglas en inglés SPanish Meteor Network) vén de publicar a súa lista oficial de bólidos rexistrados en España en 2025. Dentro desta recompilación nacional, 14 bólidos puideron verse sobre os ceos galegos. A maior concentración deles está en outubro, que recolle case a metade do total que se observou sobre Galicia, con seis obxectos sinalados durante o décimo mes do ano. A continuación ségueno xullo, con tres, e maio, con dous avistamentos dende a comunidade. En xuño, agosto e novembro rexistrouse unha observación en cada un deles.

O final do ano, coa maior concentración de meteoros

O ultimo rexistro de 2025 dun bólido observable en Galicia tivo lugar o 12 de novembro, ás 20:38:05 TUC (Tempo Universal Coordinado, o estándar temporal de referencia global) e denominouse SPMN121125K. A rede de observación indica que o obxecto tivo a súa orixe en Táurida Sur (STA, MDC #0002) e contou cunha magnitude absoluta de -10±1. Este parámetro mide a luminosidade dun meteoro; os números negativos máis baixos indican que o obxecto é máis brillante. Puido observarse en Andalucía, Extremadura, Aragón, Castela-A Mancha, Castela e León, na Comunidade de Madrid e Galicia.

Publicidade

Antes deste, o mes de outubro tivo seis observacións, que se produciron os días 10 (unha ás 23:39:35 TUC e outra ás 00:03:50 TUC), 8 (ás 23:25:10 TUC), 6 (unha ás 04:18:30 TUC e outra ás 00:44:34 TUC) e o 4 (ás 03:27:05 TUC). Este nutrido corpo de bólidos coincidiu coa choiva de estrelas coñecida como as Dracónicas, que visitaron as noites galegas do 6 ao 10 de outubro. O meteoro máis brillante do mes foi o SPMN061025B, do día 6 ás 00:44:34 TUC: acadou unha magnitude absouta de -12±1. A orixe desta rocha espacial foi esporádica, segundo indica a SPMN, e puido observarse dende Andalucía, Extremadura, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, a Comunidade de Madrid, Galicia e mesmo no sur de Portugal.

  • Bólido SPMN121125K rexistrado dende Estepa. Imaxe: Antonio J. Robles
  • Bólido SPMN101025F rexistrado dende Ekala. Imaxe: Belén Santamaría
  • Bólido SPMN101025 rexistrado dende Montealgaida. Imaxe: Miguel A. García
  • Bólido SPMN081025G rexistrado dende Estepa. Imaxe: Antonio J. Robles
  • Bólido SPMN061025B rexistrado dende Navianos de Valverde. Imaxe: Miguel A. Furones
  • Bólido SPMN061025B rexistrado dende Navianos de Valverde. Imaxe. Miguel A. Furones
  • Bólido SPMN041025H rexistrado dende Arroyomolinos. Imaxe: Fernando Gómez

Un verán astronómico

Unha semana despois da eclipse solar que puxo en España (e, en concreto, en Galicia) a atención de boa parte do mundo, o 19 de agosto, rexistrouse o bólido SPMN190825E, que tivo como orixe Perseida (PER, MDC #0007). O obxecto observouse dende Asturias, Cantabria, Castela e León, a Comunidade de Madrid, Extremadura e Galicia.

Publicidade

Xullo estivo tamén cargado de avistamentos en territorio galego. Producíronse tres: un o 29 ás 02:44:48 TUC, outro o 16 ás 03:55:08 TUC e un o 12 ás 01:07:27 TUC. Os dous máis recentes tiveron a mesma magnitude absoluta, de -8±1, mentres que o primeiro do mes rexistrou un valor de -9±1, máis brillante que os que o seguiron. A orixe deste (que recibiu a identificación de SPMN120725B) estivo no 49 Andromedida (FAN, MDC #0549). Puido verse dende Andalucía, Castela e León, Cantabria, a Comunidade de Madrid, Galicia e o norte de Portugal.

  • Bólido SPMN190825E rexistrado dende Navianos de Valverde. Imaxe: Miguel A. Furones
  • Bólido SPMN290725I rexistrado dende Benamaurel. Imaxe: Fernando Gómez
  • Bólido SPMN160725G rexistrado dende Navianos de Valverde. Imaxe: Miguel A. Furones
  • Bólido SPMN120725B rexistrado dende Vallirana. Imaxe: Fernando Gómez

Menos bólidos na primeira parte de 2025

O 15 de xuño ás 02:16:51 TUC rexistrouse o bólido denominado como SPMN150625B. Tivo unha magnitude absoluta de -9±1 e a súa orixe, como indica a SPMN, estaría nun evento esporádico. O rango de observación deste obxecto incluíu: Asturias, Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, a Comunidade de Madrid, Extremadura e Galicia.

En maio houbo dúas observacións sobre os ceos galegos. A máis recente foi o 27 ás 21:22:33 TUC. O bólido, que se denominou SPMN270525G, tivo unha magnitude absoluta de -9±1 e unha orixe esporádica. Este foi o máis esquivo de toda a lista: tan só se viu no norte de España, en Asturias, Canabria, Castela e León e Galicia.

O rexistro galego máis antigo desta recompilación foi o SPMN030525, do día 3 ás 02:36:24 TUC. Acadou unha magnitude de -7±1 e tivo a súa orixe no Complexo Saxitáridas. O seu rango de observación cruzou de leste a oeste a península; puido verse en Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, a Comunidade de Madrid, a Comunidade Valenciana, Galicia e Extremadura.

  • Bólido SPMN150625B rexistrado dende Arroyomolinos. Imaxe: Fernando Gómez
  • Bólido SPMN270525G rexistrado dende Navianos de Valverde-Zamora. Imaxe: Miguel A. Furones
  • Bólido SPMN030525 rexistrado dende Zaragoza. Imaxe: Miguel Aznar

Podes consultar a lista completa nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados