Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

O día 12 de agosto de 2026 quedará marcado na historia de Galicia: unha eclipse total de Sol escureceu a metade norte do territorio e permitiu ver a súa coroa solar sobre o ceo nocturno. Este fenómeno é ciencia, astronomía, polo que é de interese saber como viviron esta experiencia única as grandes científicas e científicos galegos. Non todo o mundo puido estar na comunidade para observalo, como a neurocientífica lucense Sonia Villapol, que se atopaba en Houston (EEUU), onde traballa como investigadora no Texas Medical Center. Con todo, asegura que a eclipse que viviu no ano 2024 foi “impresionante”.

Aqueles que estaban en Galicia, como Ángel Carracedo, Begoña Vila, José Luis Mascareñas e Senén Barro viviron realidades diferentes, que van dende a nubosidade ata unha experiencia cunha coroa solar completamente visible. Mentres, hai quen estaba de vacacións no día do fenómeno, en pleno agosto, como a inmunóloga África González, que viviu a cita astronómica do ano dende a parcialidade da encantadora cidade francesa de Narvona.

Publicidade

Un recordo baixo as nubes

O experto en xenética Ángel Carracedo viviu a eclipse dende a súa Santa Comba natal, que contaba cun 99,97% de totalidade segundo datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN). Con todo, pouco antes de que chegara o máximo, comezaron a aparecer nubes do nordés que cubriron o ceo e non permitiron ver a coroa solar. En compañía da súa filla, percibiron esa sensación no que o día se convertía en noite: “Non vimos a eclipse como tal, pero o cambio de luz de súpeto foi impresionante”.

Aínda que a astronomía non é o seu ámbito de investigación, explica que se trata dun campo que lle interesa: infórmase sobre que novidades pode achegar unha eclipse total de Sol como a do 12 de agosto, se se pode analizar algo máis arredor de fenómenos como as tormentas solares, etc. A pesar de non poder ver o evento nas mellores condicións, conclúe con que “gozar dun evento como este é unha maravilla, froito do cosmos, da natureza e deste planeta tan fermoso no que vivimos”.

Publicidade

A máis especial de catro eclipses

A astrofísica da NASA Begoña Vila, natural de Vigo, tivo moita máis sorte no aspecto meteorolóxico. Dende a praia de Doniños, en Ferrol, e acompañada pola súa familia, amigos e compañeiros da axencia espacial, a enxeñeira de sistemas puido desfrutar dunha eclipse con plena visibilidade. “Foi espectacular, tivemos un tempo precioso e puidemos ver o Sol sobre o mar”, asegura Vila, que recoñece estar pensando xa en ver o seguinte.

Begoña Vila forma parte dos equipos dos telescopios James Webb e Nancy Grace Roman, este último cunha data de lanzamento marcada para o 30 de agosto. Traballa no centro espacial Goddard da NASA e, dende os Estados Unidos, puido ver xa tres eclipses, dúas totais e unha anular. “Esta foi a miña terceira eclipse total, pero é a primeira que podo compartir coa miña familia en Galicia. Aínda a teño na mente: logo quedamos ver o solpor e foi a eclipse máis bonita que vin ata agora“, conta a astrofísica.

  • Eclipse solar vista dende a praia de Doniños, en Ferrol. Imaxe: Gabriel Jiménez
  • Eclipse solar vista dende a praia de Doniños, en Ferrol. Imaxe: Gabriel Jiménez

Dende o areal ferrolán puideron apreciar as perlas de Baily, un fenómeno polo que a luz atravesa os ocos da superficie irregular da Lúa no intre previo á totalidade dunha eclipse, o que crea a imaxe de ‘perlas’ ou puntos luminosos. Vila conta que na zona tamén había telescopios cun filtro H-Alfa que lles permitiron observar outros aspectos astronómicos: “Vimos unha erupción solar, as manchas do Sol e as estrelas ao redor”, explica. Engade que non todo se viu a través de lentes especiais, senón que puideron vivir experiencias ligadas á propia contorna: “Notouse o momento no que se ‘fixo de noite’, a luz especial, o fresco… Aínda estamos todos emocionados”.

Dende a praia de Francia

A catedrática da Universidade de Vigo e gañadora do premio María Josefa Wonenburger 2025, África González, estaba en Narbona (Francia) arredor das 20:30 horas do 12 de agosto en compañía do seu marido e uns amigos ingleses. “É un evento internacional“, comentaba. Viron o fenómeno a través dunhas lentes de eclipse regaladas nunha praia aberta cara ao horizonte e abarrotada de persoas que esperaban ver como a Lúa tapaba parcialmente o Sol, ao escapar da banda de totalidade. A súa foi a definición de experiencia compartida: “Deixabamos os anteollos a quen non tiña, sobre todo aos nenos que o querían ver”.

Foi así como explica que, de súpeto, todo se escureceu, pero as súas sensacións ían máis aló. “Vivímolo sabendo que estabamos a experimentar algo que ata dentro de anos non imos poder revivir”, sinala. Destaca, sobre todo, a capacidade de poder compartir o momento en directo dende diferentes puntos do mapa, describíndoo así como un “evento diferente”.

Ademais, outro dos pensamentos que pasou pola cabeza de África González e os seus acompañantes foi o pasado: “Imaxino a reacción dos antigos, que deberían pensar cando o Sol desaparecía durante un momento”. Así, dende o lado da astronomía, a sorpresa non foi tan grande ao ter tanta información sobre este tipo de fenómenos. “As eclipses levan ocorrendo dende hai séculos, pero agora somos parte da historia”, afirma.

Doniños, o paraíso da eclipse

José Luis Mascareñas, o destacado químico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago, desprazouse tamén ata a praia de Doniños, en Ferrol, para pasar o día antes da gran cita astronómica do ano. A medida que se aproximaba o momento, menciona que o areal comezaba a encherse de visitantes que agardaban o momento. “Hai moitas reportaxes falando da eclipse, pero velo en directo sorprende moito“, explica o investigador. Así, destaca o emocional do fenómeno, ao ver tantas persoas emocionadas, aplaudindo e gritando. “Cando comezou a penumbra e púidose ver a coroa solar, a xente abrazábase e choraba“, describe.

Como científico, viviuno dende a evidencia: “A luz solar é a base da vida, permite transformar enerxía en química; é impresionante”. Desta forma, durante a eclipse vese como ese foco se apaga, eclipsado pola Lúa. Ademais, foron dous os aspectos da eclipse que máis lle chamaron a atención dende a ciencia: por unha banda, predicir exactamente como vai ocorrer, segundo a segundo, dende hai meses; por outra, é unha evidencia de que nos estamos a mover e de que o satélite se move sobre o Sol. “Pagou a pena o atasco de volta”, confirma.

Aliñación astronómica na casa

O experto en Intelixencia Artificial (IA) e director científico do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Inteligentes (CiTIUS) Senén Barro tivo o privilexio de ver a eclipse dende a súa casa en Santiago de Compostela: “Teño un xardín cara ao sur e cunha vista directa ao oeste no solpor”. Así, déronse as condicións perfectas para organizar unha cea xunto á súa familia, con quen contemplou a eclipse dende a totalidade. Explica que o que máis lle sorprendeu foi o silencio: “Vivo nunha zona con moitos paxaros e sempre se lles escoita; de súpeto, calaron durante uns minutos ata que o seu canto se volveu a instaurar”. O cambio da luz tamén foi emocionante, pero comenta que semellaba ser como calquera outro día que vai escurecendo. “O máis impactante é a experiencia, non tanto a visión do fenómeno”, apunta.

Ao igual que José Luis Mascareñas, subliña o incrible da predición: “Sabíase todo o que ía a pasar”. Así, manifesta o avance na investigación e, máis concretamente, nun campo tan dinámico como IA, que é a súa especialidade. Pero, a fin de contas, tamén se fai unha pregunta: “Como é posible que, vivindo isto, aínda existan terraplanistas e negacionistas?”. Unha incógnita que queda aberta tras a observación da eclipse total de Sol por estes científicos e científicas referentes en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

30 segundos de incerteza marcan o novo fito da NASA: así foi o lanzamento do telescopio Grace Roman

O último observatorio da axencia espacial estadounidense xa saíu da atmosfera terrestre e agárdase que produza as primeiras imaxes a principios de 2027

Begoña Vila, ante o lanzamento do telescopio Grace Roman: “Só teremos 30 segundos”

A astrofísica da NASA asegura que o novo observatorio producirá en cinco meses a mesma cantidade de datos que enviou Hubble nos 36 anos que leva operativo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais