Os cefalópodos son un grupo especialmente sensible aos cambios ambientais no océano, e é por iso que algunhas especies que habitan o Atlántico nororiental se ven afectadas polas consecuencias do quecemento global. Neste contexto, o investigador galego do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) Xulio Valeiras participa nun novo estudo internacional que analiza parámetros como a temperatura, a salinidade e a profundidade para saber como inflúen no futuro dos cefalópodos. No caso de Galicia, as especies que se poderán ver máis afectadas son o polbo común (Octopus vulgaris) e dúas especies de lura —lura mansa (Loligo forbesii) e lura común (Loligo vulgaris)—, mentres outras como o coñecido polbo branco ou as potas poden sufrir unha menor influencia. Pero, por que?
“Non todas as especies responderán por igual ao quecemento dos océanos”, apunta Valeiras. Segundo os movementos batimétricos —o estudo das profundidades mariñas—, o polbo, a lura común e a lura mansa viven en menores profundidades e, por tanto, vense influídas en maior medida polas modificacións na salinidade —nula o baixa polas chuvias— e no aumento da temperatura do mar. Por outra banda, o polbo branco e as potas son especies que, a pesar de rexistrar movementos, habitan zonas máis fondas nas que, tal e como explica o investigador, “a temperatura se mantén; a partir dos 100 metros adoita haber 11 graos de forma estable”.
Esta información é froito de máis de 30 anos de datos de campañas científicas procedentes da base europea DATRAS (Database of Trawl Surveys), xestionada polo International Council for Exploration of the Sea (ICES), que abrangue cifras dende o ano 1990 ata 2022. Trátase dunha fonte de grande importancia no caso de España: “Os cefalópodos teñen un interese económico relevante e dende o principio da serie histórica existen datos detallados”, apunta Xulio Valeiras. A principal limitación do estudo vén dada pola metodoloxía: nas campañas oceanográficas só se analizaron especies adultas, polo que quedan fóra os individuos en fase de larvaria. A pesar de todo, esta investigación permite cuantificar as abundancias e a relación das especies co medio mariño.
Características propias de Galicia
Galicia ten unhas características mariñas especiais: as zonas costeiras teñen unha salinidade moi variable polo contacto cos ríos e as correntes oceánicas do sur peninsular e do Atlántico; no caso das augas máis litorais, a temperatura do mar é dependente dos rexímenes dos ventos. Neste último caso, o nordés favorece o afloramento das augas profundas, cun efecto positivo, xa que arrefría os valores. “Todo isto inflúe moito nas especies que habitan estas augas”, conclúe o investigador.
Así, o afloramento actúa como “refuxio climático”, pois o fenómeno coincide coas fases larvarias do polbo, que emprega o plancto como recurso trófico: “Se non hai afloramento, a produtividade do fitoplancto e zooplancto diminúe e as larvas obteñen menos comida, polo que menos individuos chegan a adultos”, explica Xulio Valeira. Afecta de tal maneira que a súa influencia chega ás abundancias das pesquerías. Pero non é o único factor que inflúe, e por iso intentan comprobar a relación cos datos históricos.
“As altas temperaturas do verán non son as ideais; cambian a distribución das especies”, comenta, xa que un grao de auga no mar, aínda que a escala humana semelle unha diferenza case imperceptible, supón varios graos atmosféricos. Isto supón un cambio tildado de “moi importante” nas especies mariñas: poden aparecer especies de augas máis cálidas que cheguen a Galicia e que as que habitan as rías diminúan e comecen a aparecer cara ao norte.
O impacto económico do polbo
En Galicia, o polbo é unha especie de enorme valor económico e cultural, pero á vista dos resultados do estudo, o aumento da temperatura do mar pode ser un problema a longo prazo. “É unha especie sometida a moita captura pesqueira e dependente das condicións ambientais”, apunta o experto. Con todo, vive no caldeiro sahariano e hai moita abundancia en latitudes sur, como no Golfo de Cádiz ou no Algarve; augas do sur europeo con maior temperatura que en Galicia.
Pero algo está a ocorrer. “A distribución xeográfica rexístrase cara a latitudes máis ao norte”, sinala Xulio Valeiras. Un gráfico elaborado polo ICES amosa a evolución da porcentaxe de descargas de polbo en España. Durante case dúas décadas, mantívose unha cuota moi estable e elevada dentro do total das descargas europeas, representando habitualmente entre o 30-45% das capturas totais anuais. O máximo acadouse en 2019, representando aproximadamente a metade de todas as descargas. Un ano despois, chegou un descenso drástico a causa da irrupción no mercado da Bretaña francesa e Reino Unido. Así, nunha carreira de fondo, para o ano 2025 a cuota porcentual caeu ao seu nivel máis baixo da súa serie temporada, quedando reducida ata un 20% do total de descargas. Súmase, ademais, que os pescadores empregan a nasa galega como estratexia.

Camiño cara ao asesoramento
Este traballo ten como fin contribuír á futura modelización da distribución dos cefalópodos e mellorar o asesoramento para a xestión de pesquerías. “É unha labor beneficiosa tanto para o pescador como para ás administracións”, explica o investigador do IEO. Así, este grupo está sometido a unha especial xestión polo seu impacto económico: o ICES asesora á Comisión Europea en materia de xestión da especie e, en Galicia, a Xunta conta con plans de pesca específicos con medidas segundo o estado do recurso, o que inflúe nas artes pesqueiras, no esforzo e nas vedas. “As administracións baséanse cada vez máis na evidencia científica”, conclúe Xulio Valeiras, con esperanzas de conseguir unha pesca sostible e adecuada para cada especie.
Referencia: Oceanographic parameters associated with spatial occurrence of cephalopods in standardized demersal fishing trawls in the NE Atlantic (Publicado en Marine Biology)














