O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Galicia acadou temperaturas terrestres de ata 30 graos durante a última semana de maio. Estes elevados valores trasladáronse ao mar e os mapas do programa europeo Copernicus reflicten un forte aumento das temperaturas nas Rías Baixas e na zona da Mariña lucense. A boia situada en Ribeira, dispositivo vinculado ao Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, rexistrou temperaturas de 22,17ºC, cando os valores habituais en maio rondan os 15; na ría de Muros, a temperatura foi de 20,4ºC. Segundo os datos de Portos do Estado, a boia situada en Lagosteira acadou 19,5ºC —o valor máis alto dende 2013—, Estaca de Bares 19,25ºC —dende 1996— e Silleiro 18,71ºC —dende 1998—.

“Na última semana de maio houbo anomalías positivas bastante altas; dous ou dous graos e medio por enriba xa son valores elevados”, apunta Pedro Montero, xefe da Unidade de Modelado Oceanográfico do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), quen engade que “se rozaron cifras propias de xullo e agosto”. Agora, coas condicións meteorolóxicas actuais en Galicia, explica que as temperaturas están a recuperar os valores normais da época, aínda que seguen a ser altas.

Publicidade

Segundo explica o responsable de Intecmar, esta situación podería deberse á combinación da cúpula de calor co vento de compoñente sur-suroeste, que retén a calor nas rías galegas e favorece o aumento da temperatura da auga. “En Galicia non é unha anomalía tan grave; a preocupación está sobre todo no Cantábrico”, sinala Víctor M. González, meteorólogo e divulgador.

Que é unha onda de calor mariña?

Unha onda de calor mariña caracterízase por temperaturas que permanecen elevadas durante cinco días ou máis por enriba do percentil 90 nunha serie histórica de 30 anos. Con todo, en Galicia, onde estes datos se recompilan desde 2008, non existe unha media de referencia. “Nalgunhas zonas, as temperaturas elevadas mantivéronse durante cinco días”, sinala Montero. Polo tanto, desde un punto de vista técnico, non se podería falar dunha onda de calor mariña, aínda que si de temperaturas elevadas para un mes de maio.

Publicidade

Tendencia cara ás anomalías

O especialista M. González explica que as anomalías térmicas positivas son cada vez máis frecuentes. “Nesta parte do planeta, entre o Atlántico e o Cantábrico, o aumento deste tipo de fenómenos é máis evidente”, sinala, polo que considera necesario facer un seguimento continuo da súa evolución. Pola súa banda, Pedro Montero apunta que as rías galegas poden actuar como un refuxio térmico grazas ao afloramento. “É unha das explicacións de que a temperatura oceánica non aumente tanto”, indica. Aínda que os valores rexistrados son elevados, non acadan os niveis observados noutras zonas da península, xa que as rías funcionan como un reservorio de auga máis fría da que habería en océano aberto. Con todo, esta hipótese continúa sendo obxecto de debate científico e conta aínda con evidencias limitadas.

Para González, o aumento da temperatura do mar resulta máis preocupante que o do aire. “Un grao máis na auga non é o mesmo que un grao máis na temperatura do aire. A auga ten maior densidade e necesita máis enerxía para quentarse”, explica. Como exemplo, lembra que durante unha onda de frío a temperatura do aire pode descender dez graos por debaixo do habitual, algo practicamente imposible no mar debido á enorme cantidade de enerxía necesaria para producir unha variación semellante. Por iso, considera especialmente relevantes estas anomalías “tan extensas e sostidas no tempo”.

Factores oceánicos e atmosféricos

A variabilidade natural do clima é un dos factores que explica o aumento da temperatura do mar, segundo o meteorólogo Víctor M. González. Este fenómeno dá lugar tanto a anomalías positivas como negativas, aínda que, como matiza, “as negativas son menos frecuentes; as que máis se están a rexistrar ultimamente son as positivas, asociadas á calor”. A isto engádese o incremento das temperaturas a nivel global, que xa se sitúan arredor de 1,5 ºC por enriba da media, favorecendo que os océanos acumulen máis calor.

González sinala tamén que unha das cuestións que a comunidade científica segue investigando é por que a temperatura aumenta máis rapidamente na Península Ibérica. “O que antes ocorría en latitudes subtropicais agora faino en latitudes medias; é como se o ecuador e os trópicos se inflaran a nivel meteorolóxico”, explica. Como consecuencia, a península vese cada vez máis afectada por fenómenos propios do Sáhara, como as dorsais, os anticiclóns e os episodios de altas temperaturas.

Outro dos factores que se atopa baixo estudo é o papel dos aerosois, do fume e das partículas en suspensión que actúan como filtro da radiación solar e contribúen a enmascarar parte do quecemento. A medida que se aplican normativas e avances tecnolóxicos para reducir a súa presenza —especialmente no ámbito marítimo—, os raios solares alcanzan con máis facilidade a superficie do mar.

Os antecedentes

2023 foi un ano que rompeu con todo, con ondas de calor moito máis abundantes e intensas”, sinala Pedro Montero. Un dos episodios máis destacados produciuse en outubro, cando as temperaturas do mar se mantiveron de forma persistente preto ou por enriba do percentil 90. En Cortegada superáronse os 20 graos a comezos dese mes, mentres que nas Illas Cíes e Rande tamén se rexistraron temperaturas próximas aos 20ºC. “Batéronse máximos durante moitos días, sobre todo pola persistencia destes valores no tempo”, destaca.

En 2024, aínda que a tendencia foi de aumento das temperaturas en boa parte da península, os rexistros de Galicia amosaron valores lixeiramente inferiores ao habitual en Cortegada e augas especialmente frías en Rande durante setembro, máis aló dos episodios puntuais de calor rexistrados en xuño e xullo. Pola súa banda, 2025 situouse preto do percentil 90. Aínda que abril e xullo foron meses especialmente cálidos, o resto do ano mantivo temperaturas dentro dos valores considerados normais.

Consecuencias na biodiversidade

O aumento da temperatura do mar ten importantes efectos sobre a biodiversidade mariña galega. Un estudo do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo identificou 63 especies vulnerables ao cambio climático, non só polo quecemento das augas, senón tamén por episodios extremos de seca ou chuvias intensas. Entre as especies máis vulnerables figuran o congro, a anguía, o lumbrigante, a ostra, a vieira e o boi. Trátase de recursos estreitamente ligados ao marisqueo e pesca tradicional, polo que o seu declive podería ter consecuencias directas sobre un sector clave para a economía galega.

Ao mesmo tempo que algunhas especies retroceden, outras avanzan. O proceso de tropicalización das augas está favorecendo a chegada de novas especies mariñas. Un estudo do Instituto Español de Oceanografía de Vigo (IEO-CSIC) identificou 50 especies de carácter tropical ou boreal rexistradas en Galicia dende 1945. A primeira documentada foi o peixe porco (Balistes capriscus) e, entre as incorporacións máis recentes, destacan o peixe bóla achatado (Sphoeroides pachygaster), o peixe bóla de pintas (Ephippion guttifer) e o gorgoncéfalo (Astrospartus mediterraneus). Este último foi descrito por primeira vez na ría de Arousa, ampliando cara ao norte a distribución coñecida da especie, nun fenómeno que podería estar relacionado cos cambios oceanográficos e climáticos do Atlántico noroccidental.

A temperatura do mar afecta ao clima?

Si, o aumento da temperatura do mar tamén ten efectos sobre o clima. Un dos máis inmediatos está relacionado coas temperaturas mínimas nocturnas. Segundo explica o meteorólogo Víctor M. González, as masas de aire cálido procedentes de África chegan á península sen apenas suavizarse porque o mar se atopa máis quente do habitual. “Chegan máis cálidas do normal, máis dopadas e intensas”, resume. Este efecto percíbese especialmente nas zonas do interior, mentres que na costa o mar exerce unha función termorreguladora que modera as temperaturas.

A máis longo prazo, o quecemento do mar tamén incrementa a humidade dispoñible na atmosfera. Por cada grao adicional na temperatura do aire en contacto coa superficie mariña, a evaporación aumenta arredor dun 7%. Isto significa que unha tormenta que se forme cun mar dous graos por enriba do normal pode dispoñer de case un 15% máis de humidade para descargar en forma de precipitación.

Na actualidade, as temperaturas do mar están a regresar a valores máis habituais para esta época do ano. Con todo, Pedro Montero, de Intecmar, advirte de que “o fenómeno podería volver repetirse en calquera momento do ano”.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores