Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

Galicia rexistrou un maio “moi cálido” debido a un episodio extraordinario de altas temperaturas que durou máis de 10 días. Así o recolle o avance climatolóxico do mes pasado elaborado por Meteogalicia, que indica que a temperatura media foi de 16,1 graos, é dicir, 1,7 graos por enriba do valor habitual para esta época do ano. O evento rexistrado en maio, que comezou o día 20, debeuse a un fenómeno coñecido como “cúpula de calor”, que se corresponde coa entrada dunha masa de aire cálido procedente do norte de África que provocou un forte ascenso térmico.

En concreto, durante esas xornadas Ourense só baixou dos 30 graos o día 23, e o 27 rexistráronse 37,5 graos. Nesa cidade non se rexistraba un valor tan alto en maio desde 2022, cando se acadaron os 37,9 graos. Con todo, maio foi un mes moi variable no que respecta ás temperaturas porque ata o día 19 foron, en xeral, baixas, mesmo con episodios de neve na provincia de Lugo. E, en canto ás precipitacións, foi un mes normal cun valor medio de 90 litros por metro cadrado.

Publicidade

Alerta ante a calor

Ante o inicio do verán climatolóxico e a posibilidade de que se rexistren episodios de calor, a Xunta vén de activar o sistema de alerta temperá de detección destes fenómenos para anticipar riscos, mellorar as predicións e protexer a poboación fronte aos efectos das altas temperaturas. O sistema estará operativo ata o vindeiro 30 de setembro e baseáse na colaboración entre os servizos meteorolóxicos, as autoridades sanitarias e as emerxencias. Os datos son achegados por Meteogalicia a través das súas estacións, así como polo modelo de predición de alta resolución que permite prognosticar temperaturas con tres días de antelación a nivel municipal. En función diso, avalíase o limiar e notifícanse os avisos (amarelo, laranxa e vermello), nos que se ten en conta tanto a duración como a intensidade do episodio.

No caso que se prevexa que se poden superar os valores limiares nalgunha zona, comunícase tanto á Dirección Xeral de Saúde Pública como á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para que adopten, en cada caso, as medidas incluídas no protocolo de actuación da Xunta fronte aos posibles efectos da altas temperaturas sobre a saúde. De feito, no verán de 2025 activáronse alertas por altas temperaturas en 23 xornadas, incluíndo un episodio excepcional no que a situación de calor se estendeu ao longo de 16 días consecutivos (do 2 ao 17 de agosto).

Publicidade

A activación do plan, presentado esta mañá pola Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, veu acompañada dunha advertencia: a evidencia científica apunta a que os episodios de calor serán cada vez máis intensos e frecuentes. Durán lembrou as principais recomendacións para protexerse das vagas de calor, entre as que destacou: beber máis líquido do habitual; empregar roupa lixeira, folgada e de cores claras; evitar a actividade física durante as horas centrais do día, consumir comidas lixeiras e procurar lugares frescos e sombríos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

▪️ O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior