Ecoloxistas en Acción publica o informe anual sobre a contaminación por ozono en España, que analiza os datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2026 en case 500 estacións oficiais de medición, entre elas 32 situadas en Galicia. Os resultados revelan que os niveis de ozono foron os máis altos da comunidade dende o ano 2019, aínda que sen recuperar as concentracións previas á pandemia da COVID-19, cun descenso do 44% en relación á media das habitualmente escasas superacións do obxectivo legal para a protección da saúde rexistradas no período 2012-2019.
O ozono é un contaminante moi complexo que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores, emitidos polo transporte (en especial os vehículos diésel), as centrais termoeléctricas, certas actividades industriais ou a gandaría intensiva. Trátase por tanto dun contaminante típico de primavera e verán. As estacións Lope de Vega en Vigo e Magdalena nas Pontes sufriron en conxunto cinco superacións do limiar de información á poboación, nos episodios de elevada contaminación do 6 de xullo e o 14 e 21 de setembro, sen que a Xunta advertise á poboación de forma efectiva do risco para a súa saúde, limitándose a publicar avisos rotineiros na páxina web de Meteogalicia.
Debido ás características climáticas de Galicia —altas precipitacións e baixa radiación solar— a formación de ozono é moderada, evitando que se atinxan elevadas concentracións. No entanto, dende o punto de vista meteorolóxico, o ano 2026 foi moi propicio para a formación e acumulación de ozono, co verán máis cálido desde hai polo menos século e medio, incluíndo catro ondas de calor e numerosos incendios forestais.
Como se realiza o informe?
O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia o valor recomendado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), de acordo ao cal o aire contaminado por ozono afectou en 2026 a totalidade da poboación galega, agás a da cidade de Lugo. No entanto, durante este ano non se identificou poboación exposta a niveis superiores ao obsoleto obxectivo legal vixente, máis laxo que a recomendación da OMS.
A contaminación por ozono debe abordarse como un problema sanitario de primeira orde, que causa cada ano até 500 mortes en Galicia, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente, afectando sobre todo nenas e nenos, maiores, mulleres embarazadas e persoas con doenzas cardiorrespiratorias. Durante o verán de 2026, o Instituto de Saúde Carlos III estimou na comunidade un exceso de 400 mortes atribuíbeis ao efecto combinado das elevadas temperaturas e a maior exposición asociada a contaminantes como o ozono.
As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire por ozono son diminuír e electrificar o tráfico motorizado, substituír os disolventes orgánicos por auga, o aforro enerxético, avanzar nunha transición enerxética rápida e xusta, aprobar e implantar a área de Control de Emisións procedente do tráfico marítimo acordada no Atlántico Nordés, penalizar fiscalmente os vehículos diésel e a aviación e unha moratoria para as novas macrogranxas.














