A produción agrícola enfróntase ao reto de alimentar unha poboación crecente minimizando, ao mesmo tempo, os seus impactos sobre o medio ambiente. Neste contexto, a investigadora Sara Lago Olveira centrouse, no Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), na avaliación ambiental de distintas prácticas agrícolas e no desenvolvemento de avances metodolóxicos para mellorar o seu estudo mediante a Análise do Ciclo de Vida (ACV), unha das metodoloxías máis empregadas para cuantificar os impactos ambientais de produtos e actividades. A investigación evidenciou que determinadas prácticas promovidas como alternativas máis sostibles non sempre presentan un mellor desempeño ambiental cando son avaliadas de maneira integral.
Segundo a investigadora, “os sistemas agrarios dependen directamente dos servizos que proporcionan os ecosistemas, como a fertilidade do solo, a regulación hídrica ou o almacenamento de carbono, e ao mesmo tempo poden modificar a súa provisión”. Non obstante, os métodos convencionais de avaliación ambiental non adoitan incorporar estas interaccións “nin considerar a variabilidade espacial asociada aos distintos contextos produtivos”, sostén.
Decisións máis completas e representativas
Co obxectivo de avanzar cara a ferramentas de apoio á decisión máis completas e representativas, a tese combinou a avaliación ambiental de prácticas agrícolas alternativas co desenvolvemento de novos avances metodolóxicos na Análise do Ciclo de Vida. O traballo analizou estratexias como as rotacións cereal-leguminosa fronte aos monocultivos, así como diferentes opcións de xestión do viñedo, incluíndo a aplicación de ozono para o control de pragas e a substitución de fertilizantes minerais por vermicompost. Ademais, desenvolvéronse factores de caracterización que incorporan de forma explícita a dimensión espacial para integrar os efectos da actividade agraria sobre servizos ecosistémicos clave, como a purificación da auga, o control da erosión do solo e o secuestro de carbono, así como factores de emisión adaptados a distintos contextos de cultivo do arroz.
Nos casos de estudo analizados, estratexias como o uso de ozono para o control de pragas ou a substitución de fertilizantes minerais por vermicompost non demostraron unha superioridade ambiental clara fronte ás prácticas convencionais, poñendo de manifesto a importancia de “avaliar de forma rigorosa os posibles beneficios e compensacións asociados a cada alternativa”, sinala a investigadora.
Paralelamente, os avances metodolóxicos desenvolvidos na tese permitiron incorporar aspectos ata agora pouco considerados, como os efectos da agricultura sobre determinados servizos ecosistémicos e a influencia do contexto espacial. En conxunto, estes resultados contribúen a mellorar a toma de decisións por parte de responsables políticos, investigadores e axentes do sector agroalimentario, favorecendo o deseño de estratexias orientadas cara a unha agricultura máis sostible e resiliente.














