O actual modelo de xestión da auga baseado no uso exclusivo de infraestrutura gris construída polo home necesita dun novo enfoque que permita encarar os crecentes desafíos de seguridade hídrica que levan o aumento da poboación e o cambio climático. Estímase que arredor de 2.500 millóns de persoas, un 36% da poboación mundial, moran en zonas con escaseza de auga e outros 2.300 millóns estánse a enfrontar a unha situación de estres hídrico en 2022. Isto é, a demanda de agua foi e será máis alta que a cantidade de auga dispoñible durante un período determinado.
Logo das secas acontecidas o pasado verán en Galicia e en todo o hemisferio norte, dende a Comunidade de Montes de Couso, no Concello de Gondomar, fixeron un proceso de reflexión para saber que podían aportar eles. Non en balde, o seu labor xa foi recoñecido pola Organización das Nacións Unidas como exemplo no coidado da súa contorna. “Un problema mundial, precisa estratexias globais, mais tamén é posible actuar dende o local”, argumenta o presidente da comunidade, Xosé Antón Araúxo. “Por iso poñemos en marcha un innovador plan para protexer e alimentar os nosos acuíferos, que servirá para combater o estres hídrico que se padece na época estival”.
Para iso, teñen programado sementar auga. En síntese, farano evitando as escorreduras superficiais que devolven de inmediato a auga das chuvias ao mar, e favorecendo as escorreduras subterráneas que alimentan os mananciais, almacenan grandes volumes de auga e retrasan a chegada das augas ata os ríos e o mar.
“Un problema mundial precisa estratexias globais, mais tamén é posible actuar dende o local”
XOSÉ ANTÓN ARAÚXO, presidente da Comunidade de Montes de Couso
Como van actuar?
O plano de actuación contempla actuacións en varias fases:
Na primeira, estabilizaranse as augas caídas da chuvia, mediante swais, uns regos de infiltración feitos por curvas de nivel topográfico, que facilitarán a retención das augas, favorecerán as escorreduras subterráneas e evitarán as fugaces escorreduras superficiais e preservarán as erosións de terra fértil polas fortes pendentes da parroquia de Couso.
Os swais, as canles ou sucos, terán unha maior porcentaxe de humidade, que facilitarán a colonización de multitude de fungos e bacterias, potenciando a microbioloxía, que proporcionarán unha maior fertilidade ás terras tratadas e permitirá a aparición dunha agricultura rexenerativa. Logo desa primeira creación dos sucos, sementarán serradela, trevo, ravo daikón, mostarda, centeo e outras especies co obxectivo de acolchar, fixar e nitroxenar a terra para favorecer o paso a última fase.
Unha vez adecuadas as zonas, a comunidade de montes dirixida por Araúxo preparará un bosque comestible. Tamén coñecidos como sistemas multiestratos, son unha forma de facer un cultivo agrícola pero cun deseño moi especial e elaborado: a idea é combinar tanto árbores froiteiras como plantas comestibles perennes, cultivos de raíz, cogomelos, animais… Para crear un bosque novo, cómpre imitar as características dun bosque natural, que manteña a súa fertilidade e produtividade pola sinerxía entre as especies do sistema e achegue ás persoas que o coidan froitas e hortalizas en cantidade.
Garantir a fertilidade do chan e un bo estado sanitario dos cultivos é posible grazas a unha alta biodiversidade de especies. Leguminosas para fixar nitróxeno, forraxeiras que produzan gran cantidade de biomasa, aromáticas que repelan ás pragas ou atraian aos insectos beneficiosos… Todas forman parte do sistema e combínanse entre si nas diferentes zonas do bosque para lograr este obxectivo. Esta arquitectura combínase con técnicas de manexo permaculturales para garantir a reciclaxe e reutilización de todos os refugallos que se producen facendo así as achegas externas de insumos e enerxía mínimas.
Unha foresta mesta ten como consecuencia unha menor evapotranspiranción
Para tal fin, dende Couso explican que plantarán dous típos de arbores. As primeiras especies fixadoras de nitróxeno. As segundas, máis de 40 especies froiteiras diferentes, que combinarán con frondosas non pirófilas que “recreen a paisaxe autóctona típica”. Estas catro fases permitirán posuír acuíferos más abundantes e copiosos durante máis épocas do ano e, ao tempo, prover á parroquia dunha despensa natural e pública para fornecérense de froitas de tempada. Ademais, unha foresta mesta, ten como consecuencia unha menor evapotranspiranción. Unha menor evaporación das augas e humidades que nas zonas áridas ou con escasa vexetación, polo tanto, tamén contribúe a preservar os espezos húmidos e os propios mananciais.
Máis alá do medioambiente: o Bosque da Lingua
Nesta vontade manifesta de conservación dos valores medioambientais, os comuneiros están buscando financiamento para ir máis alá na consolidación do seu proxecto que tamén é social. Nese contexto, levan algo máis dun ano preparando o que será o Bosque da Lingua: un espazo no seu monte no que interiorizar as artes plásticas, visuais, escénicas e literarias, tamén a ciencia e o compromiso ecolóxico. Un enclave para gozar de propostas lúdicas en equilibrio coa natureza. Os obxectivos, explican, pasan por utilizar, promover e divulgar a lingua galega en todas as actividades que se leven a cabo no espazo para que se constitúa como un referente natural. Tamén achegarlle a lingua e o coñecemento da realidade sociocultural galega ás persoas neofalantes e estranxeiras. Iso pasa, explican, por “manter informada á comunidade educativa e veciñal de acontecementos vinculados a este espazo a través de actividades de dinamización ou exposicións naturais. E sobre todo, dotar ao espazo de accesibilidade e uso dos materiais axeitados naturais e sustentables para a construción, divulgación e uso para o coñecemento da lingua e cultura galegas a través de distintas áreas: culturais, científicas, artísticas, tecnolóxicas, entre outras”, rematan.
Parabens à Comunidade de Montes do Cousso!
Apenas lembra-lhe a GC que a técnica é ancestral na Galiza. Hoje em geral abandonada, mas presente, ainda ficam exemplos, também na memória e na orografia dos regos e levadas hoje os mais deles secos.
A Comunidade de montes de Couso representa un marabilloso exemplo de boas prácticas ambientais, sociais e culturais desde os pobos e desde as entidades que, como ela, representan a participación aberta e democrática das persoas na xestión do seu territorio e na busca da súa soberanía. Todo un referente no país