Dende o Outeiro dos Mouros pódese ollar o extenso val do río Miñor. Este cumio granítico de amplas vistas foi, no pasado, un enclave defensivo perfecto. De feito, pénsase que aí estivo localizado o antigo castelo de Santa Helena, do que apenas existen referencias documentais. Iso si, xa non estaba en pé a finais do século XV. Agora, unha investigación do historiador Rodrigo Pousa Diéguez, da Universidade de Santiago (USC), permite verter luz sobre un misterio histórico. Acaba de atopar un documento datado en 1558 que sitúa no mapa o castelo de Santa Helena e outras cinco fortalezas do Val Miñor que estiveron en pé entre os séculos XII e XV. O rastro de todas elas desapareceu e nin sequera hoxe se sabe onde están as súas ruínas. O traballo de Pousa Diéguez abre unha nova xanela coa que inspirar novas prospeccións arqueolóxicas.
O investigador da USC, adscrito ao departamento de Xeografía, está a facer un estudo do Val Miñor para entender a evolución territorial da comarca dende a Idade Media. No seo das súas pescudas atopou un revelador documento datado en 1558. O texto deixa constancia de que o señor García Sarmiento comprara os coutos de Vincios e Gondomar para construír unha casa forte, mais precisaba a licenza da Coroa. Para conseguila, recolleu varios testemuños que demostraban a existencia de antigas fortalezas na zona, pero que xa nos mediados do século XVI estaba todas derrubadas. Así, o documento axuda a localizar —tanto espacial como temporalmente— os castelos de Santa Helena e de Trinidade, así como as torres de Vincios, Miñor, Martín e Morgadáns.
Construcións pouco duradeiras
A partir deste traballo, Pousa Diéguez creou dous mapas que localizan visualmente os edificios desaparecidos. Non obstante, a torre Martín non aparece porque non se puido corroborar a súa datación. No caso do castelo da Trinidade, acontece o contrario: sábese de cando é pero non o lugar onde se construíu. “Nos mapas aparecen as fortalezas documentadas pero ningunha está en pé hoxe. Perdemos case todo”, lamenta o historiador da USC. Pese á imaxe popular, Pousa Diéguez asegura que non eran construcións tan robustas como cabe imaxinar: “Eran estruturas defensivas sinxelas. A idea que temos de castelo apóiase nas imaxes de Castro Caldelas e Monterrei, pero as estruturas de ambos modificáronse considerablemente a partir do século XVI”.
Outro aspecto que pode dar lugar a confusión, máis alá da imaxe creada polo cine, é a terminoloxía. “Entre os séculos XII e XIII adóitase falar destas construcións como castelos. No XV emprégase torre, fortaleza ou casa forte”, aclara o investigador da USC. De feito, os topónimos que responden a estes termos poden dar pistas dos lugares onde houbo estes enclaves defensivos e, en Galicia, hai moitos que responden a torre e a castelo. Pousa Diéguez tamén sospeita que a rápida evolución territorial do Val Miñor non é exclusiva desta comarca, senón que podería extrapolarse ao resto do territorio. Polo tanto, habería bastantes máis construcións desaparecidas das que se pode chegar a imaxinar.
“Máis alá da cronoloxía, sabemos moi pouco de cada unha delas, por iso é tan importante que os concellos invistan en escavacións arqueolóxicas e as poñan en valor”, reclama. A súa investigación é, en realidade, o fío do que tirar para localizar as ruínas destas fortalezas. Unhas edificacións que, por ser puramente defensivas e sinxelas, non estaban habitadas polos seus señores. “Entre os séculos XII e XIII tiñan subtenentes que vivían nelas. E xa no século XVI caen no abandono. Os nobres deciden construír pazos porque as torres, en realidade, non eran confortables como vivenda habitual”, analiza.

Por que caeron?
Dúas das grandes incógnitas sobre o abandono das fortalezas do Val Miñor son a data e o motivo polo que foron derrubadas. “Non sabemos por que desapareceron. O documento de García Sarmiento recolle testemuños ambiguos que non especifican se as construcións caeron por falta de reparación ou porque as derrocaron os Reis Católicos”, sinala o historiador. Esta falta de claridade no texto é facilmente entendible: se se recoñecía publicamente que as torres foran derrubadas por orde da Coroa, García Samiento non ía conseguir a licenza para a construción de novas fortalezas. “O que está claro é que caeron durante a última irmandade ou por mandato expreso dos Reis Católicos no século XV”, indica Pousa Diéguez.
En canto ás características de cada unha das fortificacións documentadas no Val Miñor, as máis antigas son o castelo de Santa Helena e a torre de Morgadáns, datadas entre os séculos XII e XIII. En ningún dos dous casos se coñece o motivo do seu derrubamento, pero o historiador da USC cre que detrás podería estar algún conflito sucesorio. En concreto, a guerra de sucesión dos Trastámara. Non obstante, a primeira referencia a esta fortaleza xa aparecía no século XI, nunha doazón da condesa Urraca datada en 1106. Tras pasar polas mans da Coroa e, despois, do bispo de Tui, caeu nas mans de Afonso VIII, quen llela concede ás súas fillas, as infantas Dulce e Sancha, como dote en 1217.
Dous castelos…
Pousa Diéguez cre que, segundo o fío polo que foi reconstruíndo a historia, a fortaleza foi derrocada durante a guerra civil. Do que si existe constancia é de que o castelo de Santa Helena xa non estaba en pé no século XV, posto que o bispo de Tui decidira construír unha nova fortaleza enriba das ruínas. Finalmente, acabou nas mans de Pedro Madruga. O texto recuperado polo historiador deixa constancia da desaparición do castelo, tal e como se pode comprobar neste fragmento traducido ao galego actual: E no Val Miñor, segundo parece, houbo o castelo de Santens na Cámara de Parada, que está derrocado. E nun risco e penedo din que foi de Suero Yanes de Parada.
Oíu dicir que houbera nun tempo antigo un castelo entre a freguesía dunha xurisdición real e a do coto de Vincios. Noméase e o castelo da Trinidade e é un monte alto que non ten edificio algún. Así fai referencia o documento de García Sarmiento do século XVI a outras das fortalezas das que Pousa Diéguez consegue ter constancia pero que non logra localizar no mapa do Val Miñor. Non obstante, o historiador baralla a hipótese de que se trate da fortaleza do Monte Galiñeiro. Precisamente neste enclave xa se realizaron escavacións arqueolóxicas.
E catro torres
En canto ao resto de fortificacións, son todas denominadas torres. A de Morgadáns, unha das máis antigas. Pero tamén a de Vincios, que se atribúe á familia dos Churruchaos, unha liñaxe moi antiga. Ata onde puido investigar Pousa Diéguez, esta construción estivo en mans dunha nobre chamada Inés de Soutomaior e, despois, nas de María de Montaos: Houbo no couto de Vincios que agora é do licenciado don García Sarmiento unhas torres derrocadas e vellas que noutro tempo debían de ser fortaleza e que están nun lugar forte sobre a aldea de Frin, e entre o camiño real que vai de Baiona para Castela.
En canto á torre Miñor, localizada en Gondomar, o texto expresa: Tamén oíu dicir que un castro que está sobre a freguesía e couto de Gondomar se chama a Torre de Miñor. Algo semellante acontece coa de Martín, situada no mesmo concello, e que se erixiu sobre un castro: Onde está a fortaleza vella está o que parece que sería ben un castro que se di Torre Martín sobre o couto e xunto ao camiño real que vai se Baiona para a cidade de Tui.
Os achados de Pousa Diéguez son un punto de partida pero tamén unha chamada de atención ás administracións locais. Neste caso ás do Val Miñor pero, en xeral, ás de toda Galicia. Soterrados e en ruínas quedan os testemuños do medievo, esquecidos polo paso dos séculos e probablemente derrubados a causa de preitos e guerras. Con eles desaparece parte da historia que albergaron. O traballo do historiador da USC revela novas pistas sobre as que continuar investigando cun claro obxectivo: rescatar a nosa memoria medieval.















Un artigo estupendo!!!!!!!!!