A historia por descubrir da fortaleza do monte Galiñeiro

Investigadores da USC inician unha campaña de escavación nos restos do castelo, centrada en dúas edificacións intramuros e un tramo da muralla

Monte Galiñeiro, escenario da escavación.

Son restos dunha fortificación e localízanse preto dun dos cumes máis altos das Rías Baixas, no monte Galiñeiro (Gondomar), a 630 metros de altura; un miradoiro excepcional sobre o Val Miñor, o Val de Louro e a ría de Vigo, un punto estratéxico do suroeste da provincia. Cando se construíu? Con que fin? En que período ou períodos estivo ocupada? Cando perdeu a súa utilidade e quedou abandonada? 

Unha campaña de escavación arqueolóxica que comeza este luns, e que se prolongará durante toda a semana, tentará dar resposta a algunhas destas cuestións básicas. “Ímonos centrar na análise de dúas edificacións intramuros e un tramo de muralla, o noso obxectivo é determinar a cronoloxía da construción e ocupación da fortaleza e a súa funcionalidade”, explica o director da escavación e doutor en Arqueoloxía pola Universidade de Santiago (USC), Mario Pereiro.

A intervención será realizada por especialistas do grupo de investigación Síncrisis da USC —do que Pereiro Fernández forma parte— e da empresa Tempos Arqueólogos. Está enmarcada no proxecto Castelos no aire que pon o foco na arqueoloxía do poder na Alta Idade Media e conta coa colaboración da Comunidade de montes de Vincios.

“O noso obxectivo é determinar a cronoloxía da construción e ocupación da fortaleza e a súa funcionalidade”

MARIO PEREIRO, arqueólogo e director da escavación

Os traballos non parten de cero. No ano 2015 xa realizaran unha prospección superficial do xacemento, o que permitiu delimitalo e valorar a súa potencialidade. En función dos resultados da campaña de agora valorarase a posibilidade de acometer novas actuacións que profunden no coñecemento da fortaleza.

Hipótese

“Partimos da hipótese de que o castelo do Gallás do Galiñeiro pode ser do final da Alta Idade Media, séculos IX-X, unha datación idéntica á da fortaleza do Faro de Budiño (O Porriño), que en liña recta está a uns 10 quilómetros de distancia”, indica Mario Pereiro, para engadir que, de confirmarse, “axudaría a trazar a paisaxe do poder na provincia neste momento histórico”, da que tamén formaría parte o recinto fortificado do monte Aloia (Tui). O asentamento de Faro Budiño foi tamén estudado polo grupo Síncrisis no ano 2018.

Unha posible coincidencia cronolóxica non oculta, con todo, a existencia de diferenzas significativas entre as dúas fortificacións, subliña o arqueólogo Mario Pereiro, que poderían explicar dúas funcionalidades diferentes. O asentamento de Porriño é máis grande que o do Galiñeiro e máis cómodo para vivir, o que o converte nun potencial lugar-refuxio para a poboación, nunha aldea fortificada.

Pola súa banda, o castelo de Gondomar está situado nun monte escarpado, de difícil acceso; é un recinto moi fortificado —ten unha dobre liña de muralla— ao tempo que unha atalaia privilexiada. O control visual do territorio parece ser a súa razón de ser.

“Aberta por obra”

Ademais do seu carácter científico, a escavación de monte Galiñeiro ten tamén vocación divulgativa.  Do mesmo xeito que noutros traballos do proxecto Castelos no aire, será unha intervención arqueolóxica “aberta por obra”, un concepto que, como explica Mario Pereiro, define “a posibilidade de que calquera persoa poida achegarse ao xacemento e coñecer como traballamos”.

Nesta afán divulgador, os investigadores da escavación da fortaleza do Gallás do Galiñeiro farán unha presentación dos resultados preliminares do traballo en Vincios despois de Semana Santa. 

O director da escavación destaca “o papel fundamental” que xogan as comunidades de montes na preservación da herdanza cultural. Son moi receptivos cando lles expoñen escavacións ou proxectos de recuperación ou posta en valor do patrimonio e facilitan as actuacións —como neste caso a de Vincios—  e mesmo cofinancian campañas.

1 comentario

  1. Moi interesante. E eu que pensaba que iso dos castelos só era cousa de Castela, agora quedo abraiado coa cantidade de castelos que temos pola nosa terra.
    Gustaríame coñecer as posibildades que ten ou pode ter unha Comunidade de montes para poñer en valor, a través da investigación colaborativa coa universidade, ben sexa en arqueoloxía ou noutra ciencia que prospecte no territorio (Bioloxía, Xeoloxía, Xeografía,…), para poder coñecer e entender máis e mellor o noso país.
    Grazas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.