Venres 29 Marzo 2024

O día no que a Illa de Arousa foi unha república independente

Unha historia marcada polo viño, dúas bombas e a represión e fusilamento tras o Golpe de Estado franquista

Tras a proclamación da Segunda República Española, o 14 de abril de 1931, o país comezou a vivir nun clima de inestabilidade social e política que acabaría cristalizando nunha folga xeral o 5 de outubro de 1934. A folga, especialmente seguida en Asturias pola comunidade mineira, levou ao día seguinte á proclamación da independencia de Cataluña por parte do presidente da Generalitat, Lluís Companys, e a un feito similar, aínda que a menor escala, en Galicia: a declaración da República Federal da Illa de Arousa.

Antecedentes

Estes feitos, recollidos por Xoán Dopico e Xosé Lois Vila Fariña —cronista oficial de Vilanova, falecido en 2018— na súa obra Historias da Illa de Arousa así como polo colectivo Pandulleiros na súa páxina web, comezaron coa convocatoria dunha asemblea por parte da Agrupación Local do Partido Socialista da Illa de Arousa para o domingo 7 de outubro. Inicialmente, esta pretendía ser unha forma de protesta polas condicións laborais que sufrían especialmente nas fábricas conserveiras polo que se someteu a votación, e finalmente se acordou, a celebración dunha folga xeral para o día seguinte.

Publicidade

Tal e como recolle Pandulleiros, había unha intención pacífica, posto que o presidente dos socialistas, José Búa, deixou as seguintes instruccións: “Con non deixar ir ás mulleres á fábrica chega. Non é preciso nin pedradas nos cristais nin tirar os efectos das empresas”.

Proclamación da independencia

Concluída a asemblea e coa organización da folga xeral en marcha, os asistentes decidiron rematar a sesión na taberna local O Nicho, onde continou o debate político entre algunhas cuncas de viño. Así, presumiblemente, poñendo enriba da mesa a declaración de independencia de Cataluña xunto coa sensación de abandono e desatención que sufrían por parte da administración local, o Concello de Vilanova ao que pertencían nese momento, prendeu a mecha para proclamar a República Federal da Illa de Arousa.

Juanito de Luísa, taberneiro en O Nicho (Crédito: Pandulleiros)

Tivese intención verdadeiramente revolucionaria ou simplemente como unha brincadeira froito do contexto, os asistentes deixaron anotados os cargos do Goberno Provisional nun anaco de papel que, por desgraza, non se conserva. Con todo, Pandulleiros recolle algúns dos nomeamentos: Santiago Otero Pouso “Pajares” na presidencia, Andrés Mougán Cores “Tormenta” como responsable de Xustiza, Manuel Iglesias Dios na gobernación, Demetrio Ramos Lojo en Facenda e Luís de Saa Bravo en Cultura.

Quizais a historia podería ter quedado entre as paredes de O Nicho sen máis percorrido, mais a detonación dunha bomba na madrugada do día seguinte acabou provocando a represión por parte das autoridades.

A resposta das autoridades

O 8 de outubro, o estoupido dunha bomba na rúa O Cruceiro, preto dunha ferraxería propiedade de José Búa, provocando poucas horas despois o desembarco dunha dotación de Gardas de Asalto, que, tal e como recolleu a prensa do momento, chegou disparando ao aire “para despexar O Cantiño, que se atopaba invadido de isleños”. A pesar de que non se chegou a coñecer a autoría da bomba, os rexistros dos axentes obtiveron outro resultado: o papel coa lista do Goberno Provisional no peto de Segundo Nine, un dos asistentes á proclamación de independencia a noite anterior.

Este achado levou á detención de Nine xunto con doce veciños máis. Alén, Pandulleiros tamén recolle a detención de varios campaneiros que fixeran tocar as campás da igrexa ao longo da mañá baixo a afirmación das autoridades de que era unha forma de denuncia das detencións que se estaban a producir. Así, todas as persoas arrestadas foron trasladadas a Vilanova e, posteriormente, a Pontevedra para ser xulgados pola Comandancia Militar.

Con todo, a historia volvería a repetirse ao día seguinte, co estalido dunha segunda bomba. Nesta ocasión, co desembarco da Garda Civil, serían nove as persoas detidas, entre elas, Santiago Otero Pouso, quen decidiu entregarse as autoridades.

Alén destes feitos, Pandulleiros tamén recolle o papel exercido por Aurelio Mouriño, alcalde de Vilanova nese momento, quen respondeu á solicitude de información do xuíz instructor da causa denunciando as ideas políticas dalgúns dos detidos, como José Búa ou Santiago Otero: “Signifícanse constantemente como propagandistas de ideas comunistas das que fan alarde”.

Tras o Golpe de Estado

O 3 de marzo de 1935 tivo lugar o xuízo na Escola Naval de Marín nun consello de guerra coas persoas detidas acusadas dun delito de sedición. Finalmente, coa defensa de dous capitáns de artillaría, a causa foi sobreseída de forma definitiva, polo que resultaron absoltas.

Santiago Otero (Crédito: Pandulleiros)
José Búa (Crédito: Pandulleiros)

Porén, co Golpe de Estado de 1936, as forzas franquistas comezaron a exercer a represión entre os militantes socialistas, polo que unha parte importante dos protagonistas desta historia foron paseados e asasinados no verán de 1936, mentres que outros sufriron as consecuencias posteriormente. Este último foi o caso de José Búa, asasinado en decembro de 1936 cando intentaba fuxir nun traslado; de Luís de Saa Bravo, condenado a 12 anos de prisión por auxilio a rebelión; e de Santiago Otero, fusilado polas forzas falanxistas e botado á ría en 1937. Precisamente, no caso de Otero, varias fontes recollen como o seu cadáver foi devolto polas ondas do mar á praia de Area da Secada na Illa de Arousa, polo que posteriormente foi enchido de pedras e volto a fondear.

1 comentario

  1. O fondo da independencia da Illa de Arousa viña dado pola falta e atención do cocello de Vilanova de arousa, de feito o ano seguinte,1935, pasou a depender do concello de Vilagarcia. Por outra parte no artigo de Pandulleiros figura como ministro de Cultura Luis de Saa, cando a realidade e que Luis de Saa veu para Illa despois dos feitos, para substituir a Antonio Morales o maestro que foi preso con unha veintena de persoas,algunhas das cales estiveron cinco meses na cadena.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:00:13

Aparece unha quenlla na Illa de Arousa cunha ferida nun costado

O exemplar de 1,5 metros de lonxitude achegouse á liña de costa, algo pouco habitual nesta especie propia de augas máis frías e oceánicas

Por que é necesario protexer o illote do Areoso?

A Xunta establece un máximo de 150 visitantes por día repartidos en tres quendas e limita a pesca recreativa

Retiran unha balea morta na Illa de Arousa tras varar varios días na ría

Foi trasladada ao porto de Cabodeiro nun difícil operativo debido ao peso do animal, que se atopaba nun avanzado estado de descomposición

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar