Sábado 27 Xullo 2024

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

O buque WEC Vermeer está retido en Vigo e deberá pagar unha fianza de 230.000 euros para saír do porto. O barco está á espera de que se repare unha fuga de combustible do seu tanque, así como da apertura dun expediente sancionador. Segundo informan as autoridades competentes, o buque semella ser o responsable dunha vertedura de fuel que chegou a varias praias da Illa de Arousa a principios desta semana. O propio barco xa alertara o pasado domingo a Salvamento Marítimo dunha fuga interior do seu tanque de combustible que derivou cara a bodega e puido provocar unha saída ao mar de 150 litros de fuel. A súa posición durante o aviso, que se deu ás 16.50 horas, estaba a unhas seis millas aos oeste das illas de Ons.

Despois deste aviso, Salvamento Marítimo iniciou un operativo para inspeccionar a zona na que se atopaba o buque. As primeiras revisións visuais, a bordo do María Pita, non atoparon ningún sinal relevante. O seguinte paso foi a análise por medios áereos, impedida polas malas condicións meteorolóxicas deste luns. Finalmente, un avión de Salvamento Marítimo estudou a zona onde estivera o buque pero, de novo, non detectou nada. Finalmente, este martes detectáronse en varias praias da Illa de Arousa restos de ‘galletas’ de chapapote no medio das algas. Todo apunta a que a vertedura, que lembrou ao Prestige, do que hai pouco se fixeron 20 anos, procede do WEC Vermeer. Ademais, algúns veciños alertaron do “intenso ulido” e da aparición de animais mortos, malia que está por determinar se se debeu ao escape de combustible.

Publicidade

Un peixe morto este martes na Illa de Arousa | Cedida
Un peixe morto este martes na Illa de Arousa | Cedida

Segundo trasladou a Dirección Xeral da Mariña Mercante, de momento non se atoparon restos de fuel en ningunha outra localización pero non se descarta que as manchas cheguen a outros puntos. A vixilancia da zona continuará ata que non se confirme que a descarga de combustible do WEC Vermeer coincide co chapapote aparecido na Illa. Polo tanto, as autoridades levarán un control, tanto por medios marítimos como aéreos. A este respecto, tomaranse mostras e se resultan ser coincidentes, o buque pode enfrontarse a unha importante sanción económica, dependendo de se a descarga de fuel se debeu a unha avaría ou a outro tipo de circunstancias.

O que si confirman dende a Capitanía Marítima de Vigo é que existen evidencias dunha fuga de fuel ao mar por parte da embarcación implicada. Aínda que as autoridades non trasladaron datos oficiais, os responsables do buque estimaron uns 150 litros de fuel. Ata o de agora, a embarcación non pode abandonar o porto de Vigo ata que non se realicen as reparacións necesarias e se deposite a fianza, que servirá como garantía para custear os gastos de limpeza dos restos de contaminación, así como todo o que se derive da resolución do expediente sancionador por descargar restos de combutible ao mar.

Publicidade

1 comentario

  1. Debese ter en conta que os efectos do PRESTIGE, aínda non se solucionaron completamente. Se agora sumamos os danos causados nos ecosistemas mariños afectados por este barco, e dalgúns outros barcos que seguen limpiando os seus tanques no mar, dano ecolóxico que termina chegando ao noso litoral , considero escasa a fianza imposta
    A custión é dar escarmento para que estes temas non volvan repetirse.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Crise da ameixa na ría de Arousa: “Se non actuamos, en 10 anos non quedará nada”

O termómetro de Cortegada, un dos viveiros máis ricos en ameixa, chegou a marcar 24 graos e medio de temperatura na superficie da auga
00:00:13

Aparece unha quenlla na Illa de Arousa cunha ferida nun costado

O exemplar de 1,5 metros de lonxitude achegouse á liña de costa, algo pouco habitual nesta especie propia de augas máis frías e oceánicas

Por que é necesario protexer o illote do Areoso?

A Xunta establece un máximo de 150 visitantes por día repartidos en tres quendas e limita a pesca recreativa

Retiran unha balea morta na Illa de Arousa tras varar varios días na ría

Foi trasladada ao porto de Cabodeiro nun difícil operativo debido ao peso do animal, que se atopaba nun avanzado estado de descomposición