Os restos óseos galegos vencellados ao ADN de Colón parten cara Granada

Chegarán á facultade de Medicina da Universidade de Granada este xoves para que os reciba a antropóloga física Inmaculada Alemán

Durante a mañá deste mércores, os ósos extraídos das exhumacións de San Salvador de Poio e de Vilaxoán saíron cara á Facultade de Medicina da Universidade de Granada, onde se lles practicaran as mostras de ADN para tratar de comparalas cos restos de Cristóbal Colón.

As mostras, que estiveron custodiadas polos arqueólogos Antonio Castro e Mateo Fontán, até alcanzar un estado óptimo de humidade para o seu traslado, sairon das instalacións en Pontevedra da Cooperativa Farmacéutica do Noroeste (COFANO) que se está a encargar da súa loxística, traslado e trazabilidade. “Imprescindible para este tipo de traballos de investigación“, explica Eduardo Esteban, voceiro da Asociación Cristobal Colón Galego.

Publicidade

Os restos espéranse serán entregados este xoves ao mediodía á antropóloga física Inmaculada Alemán, da Universidade de Granada, que en todo momento estivo en contacto informativo cos arqueólogos para interesarse polo estado das mostras. A Asociación Colón Galego insiste en que non quere “meter présas aos procesos” e que realmente non saben cando se coñecerán os resultados. “Mentres, aproveitamos estes espazos para divulgar, que é o que máis buscamos dende Colón Galego”, engade Esteban. “Sobre todo, non queremos que se volva repetir o que pasou no seu día coa hipótese do Colón xenovés. Non nos interesa que os académicos e historiadores que están con nós despachen a orixe de Colón ás présas”, argumenta o presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego.

Restos óseos preparados para o envío cara Granada | Asociación Colón Galego

Un anaco do óso parietal do cráneo de Xohán Mariño de Soutomaior. Esa pode ser a clave para tratar de demostrar a teoría de que Cristóbal Colón era, realmente, galego. Ou, polo menos, para seguir afianzándoa. No caso dos restos de Vilaxoán e logo de varios anos de traballo de documentación e tediosa burocracia, os divugadores da Asociación Cristóbal Colón Galego conseguiron exhumar un anaco de cranio que será, con total seguridade, unha das pezas de onde poderán extraer mellores mostras de ADN.

Publicidade

O nacemento da teoría galega

A tese galega naceu en 1898 da man do historiador Celso García de la Riega, que tamén dá nome á Asociación Cristobal Colón Galego. O escritor argumentou en Madrid que Colón non podía ser xenovés. Despois, co paso dos anos, fóronse sumando motivos de defensa á orixe galega do almirante. Un dos piares sobre os que se sustenta a tese é, por exemplo, que os topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas. “Moitos aparecen na mesma secuencia na que os podemos atopar na ría de Pontevedra e incluso algúns teñen a mesma forma física”, asegura Esteban. O presidente da asociación engade que todos estes topónimos son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio. “Van desaparecendo a medida que te vas separando. En América hai 50 topónimos da ría de Pontevedra, 35 da de Vigo, 30 da de Arousa… De todas as costas, pero da que máis hai é da primeira”, argumenta.

Outro dos piares nos que se sustenta a teoría é a lingua que empregaba Colón nos seus escritos. “As cartas gardan poucos segredos. Hai adaptacións, palabras e xiros propios da lingua galega“, recalca o coordinador dos traballos. E insiste, tamén, na parte documental ao enfatizar que o apelido Colón xa existía en Galicia antes do descubrimento de América. Segundo Esteban, isto non o pode probar ningunha outra das teorías existentes. Indica, de feito, que hai constatadas dúas inscricións en pedra que recollen o apelido: unha na base dun cruceiro xa desaparecido e outra na igrexa de Santa María A Maior. Ao parecer, os mareantes foron os que construíron a capela e, polo tanto, é probable que a familia Colón pertencese a este gremio. “Colón usou topónimos de Pontevedra para nomear rías e illotes, pero tamén usou os nomes de catro confrarías da zona. Iso significa que non só coñecía as nosas costas, senón que tiña moita información do día a día”, asegura Esteban, enfatizando as posibilidades de que o almirante fose galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Este é o documental de 1927 que xa defendía a orixe galega de Colón

Un filme mudo expón con gravacións a cor das rías galegas e con textos impresos que o almirante procedía de Pontevedra

O equipo que verifica a teoría do Colón galego reserva o resultado para un documental

O director do proxecto, José Antonio Lorente, estima que se publicarán as conclusións a finais de setembro ou, como moi tarde, o 12 de outubro

Os defensores da orixe galega de Colón investigan a súa relación cos Soutomaior por vía materna

Está previsto que os resultados das análises xenéticas da Universidade de Granada, que só analizan a liña paterna, se fagan públicos en xullo

O presidente de Colón Galego: “Estamos nun momento de expectación e responsabilidade”

Os ósos extraídos das exhumacións de Poio e de Vilaxoán chegan á Universidade de Granada. Eduardo Esteban fai unha repaso dos últimos avances da teoría galega