Cinco séculos despois da morte de Cristóbal Colón, a súa orixe segue a ser unha incógnita. Hai quen defende que puido nacer en Galicia, concretamente en Poio, e que estaba relacionado coa casa nobiliaria dos Soutomaior. Esta é unha das teses que defende a Asociación Cristóbal Colón Galego, que acaba de iniciar unha nova liña de investigación sobre a relación do almirante con Galicia. “Pode que o vínculo de Colón co apelido Soutomaior veña por liña materna e non paterna, como se pensaba ata o momento”, sinala o presidente da entidade, Eduardo Esteban. Mentres recaban a documentación histórica que sustente esta teoría, a asociación agarda dende hai máis dun ano os resultados das análises de ADN de Colón, unha iniciativa encabezada pola Universidade de Granada para esclarecer a orixe do famoso navegante.
Esteban puntualiza que o estudo xenético liderado polo catedrático José Antonio Lorente é unha investigación patrilineal, é dicir, só ten en conta a liña paterna. “Se fose certo que a relación de Colón cos Soutomaior vén por parte de nai e non de pai, os resultados da Universidade de Granada non serían concluíntes para a teoría galega”, asume Esteban. Malia que están á espera de que se fagan públicos en xullo, segundo as previsións que barallan dende a asociación, seguen traballando noutras liñas de investigación, como a recentemente incorporada da relación materna cos Soutomaior. “Aínda que os resultados non sexan favorables para a teoría galega, nós seguiremos traballando. O estudo de Granada é un estudo máis ao que nos sumamos, pero nin toda a teoría nin toda a historia están en mans da universidade”, apunta Esteban.
Con todo, a publicación dos resultados vai con retraso. A recollida de restos óseos no xacemento da igrexa de San Salvador do Poio e no sarcófago de Xohán Mariño de Soutomaior, en Vilaxoán, partiron cara a Granada a finais de 2022. Esteban atribúe o retraso na comunicación dos resultados ao achado de novos restos de ADN asociados a outras hipóteses a estudo. Cabe recordar que o proxecto de Lorente non só investiga a teoría galega, senón tamén outras como a portuguesa e a mallorquina. “O proxecto avanza pero, de cara á opinión pública, de forma lenta. A xente está moi expectante”, sostén Esteban. Dende a Universidade de Granada tampouco confirman unha data de publicación de resultados. Tan só explican que todo está suxeito á presentación dunha obra audiovisual sobre o proceso de investigación.
Unha teoría que naceu no século XIX
A teoría da orixe galega de Cristóbal Colón, que ten o seu máximo expoñente na asociación que leva o seu nome, desenvolveuna o escritor Celso García de la Riega na segunda metade do século XIX. Aínda que ficou esquecida durante anos, a entidade recuperouna e iniciou as súas propias liñas de estudo para corroborar o vínculo de Colón con Galicia. Algúns dos motivos que esgrimen para xustificar esta relación é que o apelido do almirante xa estaba presente en Galicia antes do descubrimento de América. É máis, Eduardo Esteban asegura que Pontevedra é o “único sitio do mundo” onde se documenta este patronímico antss de 1492. Outro dos alicerces da tese galega está nos topónimos pontevedreses que aparecen nas costas americanas e que son concéntricos á suposta casa natal de Colón en Poio.
“As investigacións históricas parece que demostran que estivo ligado á casa dos Soutomaior”, di Esteban, poñendo sobre a mesa outra das patas sobre as que se sustenta a teoría galega. De feito, exhumáronse os restos de Xohán Mariño de Soutomaior, enterrado en Vilaxoán, vila da que foi fundador, porque se pensa que puido ser curmán do almirante. Tamén é coñecida a teoría que asocia a Colón con Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, e personaxe indiscutible das loitas irmandiñas. Porén, Esteban sinala o contrapunto desta hipótese: “Todas as teorías din que Pedro Álvarez de Soutomaior estaba morto cando se descubriu América”. O presidente da asociación cre que se puido asociar erroneamente ambos personaxes, o que non desvirtuaría a relación de Colón cos Soutomaior.
A Asociación Cristóbal Colón Galego está centrada agora no estudo da vía materna, mentres agardan os resultados do proxecto de Lorente. Sexan cales sexan as conclusións, dende a Universidade de Granada traballaron coa exhumación do adro da igrexa de San Salvador de Poio, onde atoparon 30 restos óseos de diferentes tamaños, sendo os máis destacados dous anacos de mandíbula con algúns dentes e parte dun cranio. A asociación sospeita que pode haber restos da familia Colón, que posuíu varias fincas en Poio no século XV. Os segundos restos cos que traballan son cos de Xohán Mariño de Soutomaior, extraído do seu pesado sarcófago. Todos eles serán cotexados cos restos óseos de Colón, enterrado na catedral de Sevilla, e tamén cos do seu fillo Hernando e o seu irmán Diego. Agora só cabe esperar os resultados.