Este é o documental de 1927 que xa defendía a orixe galega de Colón

Un filme mudo expón con gravacións a cor das rías galegas e con textos impresos que o almirante procedía de Pontevedra

A orixe de Colón parece un debate eterno. O documental emitido o pasado sábado na 1 de TVE prometía resolver a incógnita, mais foi unha peza audiovisual con moita ficción e escasas probas científicas. O equipo da Universidade de Granada, capitaneado polo catedrático de Medicina Legal José Antonio Lorente, asegurou que os ósos que descansan na catedral de Sevilla son de Colón, que o almirante era xudeu e que procedía da rexión mediterránea. Por tanto, este resultado descartaría a teoría galega. Con todo, a acérrima defensa de que o almirante naceu en Pontevedra, proposta a mediados do século XIX polo historiador Celso García de la Riega, tivo o seu propio documental. Pontevedra, cuna de Colón foi un filme mudo estreado en 1927 que defende ao longo de 23 minutos a orixe galega do almirante.

O documental está publicado en aberto na canle de YouTube “Cine Español Mudo”. Na descrición do vídeo especifícase que o filme foi producido polo documentalista Enrique Barreiro e que a peza está conservada na Filmoteca Española. “Unha coidada restauración permitiu que a película recupere a súa cor orixinal, lograda grazas a un sistema bicrómico patentado polo propio Barreiro”, indican na canle.

Publicidade

O xornalista e divulgador cultural Xosé Gago define a peza de 1927 como unha “xoia”. Así o expresa nun fío publicado na súa canle de X (antes Twitter). Porén, máis alá do seu valor documental, móstrase crítico coa teoría do Colón galego e afirma que os persoeiros que a defenderon, como De la Riega, “buscaban o encaixe da burguesía galega no proxecto nacional de España a través de Colón”. Para Gago, o documental de 1927 “revela a capacidade deses grupos por crear relatos convicentes”.

Dúas partes

Máis alá dos intereses que se agochan detrás desa peza audiovisual, o certo é que volve estar de actualidade. Dividida en dúas partes, a primeira delas iníciase con varias fotografías e unha gravación da ría de Pontevedra. Nesta sección, que ocupa a metade do documental, dispoñénse varios textos acompados de música e alternados con imaxes. Neles expóñense as patas sobre as que se sustentaba a teoría do Colón galego nos anos 20 do pasado século. O primeiro texto, por exemplo, fai referencia a unha das probas que os defensores desta hipótese, materializados hoxe en día na Asociación Cristóbal Colón Galego, consideran máis sólidas: “O apelido da linaxe verdadeira de Colón é oriundo de Pontevedra. […] O apelido Colón existía en España na época do descubrimento”.

Publicidade

Así mesmo, no documental faise referencia a varias inscricións en cruceiros e igrexas onde aparecido recollido o apelido do almirante. Tamén se repasan os topónimos da ría de Pontevedra que, segundo eles, están repetidos e na mesma distribución pola costa americana. Finalmente, achegan como proba definitiva o fervente catolicismo de Colón desmentido no documental de TVE. A peza de 1927 indica que o almirante, durante a súa travesía, só festexou o 18 de decembro, cando se honra a Nosa Señora da O, patroa de Pontevedra. “Que máis probas queremos? Nin sequera esperou o día 24, verdadeira festa do catolicismo”, subliña o documental.

Imaxes en cor das rías galegas

A segunda parte do documental de Enrique Barreiro está composta, fundamentalmente, por imaxes en cor das rías de Pontevedra, Vigo e Arousa. Saen gravacións do mosteiro de San Xoán de Poio, Combarro, Sanxenxo, Bueu, Marín, as illas Cíes, o monte da Guía, Cambados, a Toxa… Un repaso polas costas galegas das que, segundo os defensores da teoría do Colón galego, naceu o almirante. De feito, nesta segunda parte do documental só hai un anaco de texto que asegura que os seus sentimentos “o inclinaban sempre a este recuncho, Galicia”. “Non pode dubidarse sobre a súa patria nin dubidaremos tampouco que estes belos e numerosos paraxes das rías galegas serían testemuños da infancia do inmortal navegante”, subliña o documental.

A peza, como di Gago, é unha “xoia”. Imaxes e gravacións históricas a cor daquela Galicia de comezos do século XX. A premisa era a tenaz defensa de que Colón era galego; unha tese que os estudos da Universidade de Granada poñen en dúbida a favor da súa orixe na Coroa de Aragón. Un misterio que, pese aos anuncios reiterados por parte de RTVE, non se resolve nun documental… nin noutro. O lugar de nacemento do coñecido almirante, moi claro para algún historiadores que sosteñen a súa orixe xenovesa, segue a suscitar polémica. A saber por canto tempo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:36

Dúas producións audiovisuais amosan a vida de cetáceos nas Rías Baixas

Unha das historias, narradas polo documentalista vigués José Isarri, fala da recuperación progresiva da segunda especie máis grande do planeta en augas galegas

Como eramos hai 100 anos? Esta é a primeira longametraxe documental rodada en Galicia

A Deputación da Coruña recupera e presenta a única película da posguerra datada do ano 1929 no Museo do Pobo Galego

‘Reisiño’, o galego que viviu a represión franquista no paraíso infernal de San Simón

Ata 6.000 persoas padeceron entre 1936 e 1944 a fame, a miseria e, en moitos casos, a morte no antigo cárcere do arquipélago redondelán

A galeguidade de Colón en horas decisivas: que esperar do documental sobre a súa orixe

A peza audiovisual estréase esta fin de semana no medio dun gran escepticismo por parte de historiadores e científicos