Dúas producións audiovisuais amosan a vida do rorcual común (e outros cetáceos) nas Rías Baixas

Unha das historias, narradas polo documentalista vigués José Isarri, fala da recuperación progresiva da segunda especie máis grande do planeta en augas galegas

Sabías que entre 1920 e 1985 máis de 7.000 exemplares de rorcual común (Balaenoptera physalus) foron capturados en augas galegas? Esta especie, a segunda máis grande do planeta, foi intensamente explotada pola industria baleeira, provocando un forte declive poboacional. Con todo, tras a moratoria internacional da caza, os avistamentos na plataforma continental aumentaron nas últimas décadas, o que apunta a unha recuperación progresiva do rorcual no Atlántico nororiental. Esta é unha das historias filmadas nas Rías Baixas que narra o documentalista submariño vigués José Isarri en ‘O regreso dos xigantes: rorcuais no Atlántico galego’, unha das dúas producións audiovisuais lanzadas polo Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) para amosar o traballo de campo do grupo MegaMAR dende o proxecto EMPHATIC.

Para estudar este fenómeno, o IEO consolidou durante os últimos tres anos unha serie de campañas científicas baixo o nome de RorquGAL, unha liña de investigación específica que monitoriza activamente as diversas especies de delfínidos presentes ao oeste das Rías Baixas. Así, o equipo combina métodos de seguimento tradicionais con ferramentas tecnolóxicas avanzadas: por exemplo, os drones permiten obter imaxes aéreas de alta resolución para realizar biometrías precisas e estimar a condición corporal.

Publicidade

Ademais, poden recoller, de forma non invasiva, o aire espirado para analizar o seu microbioma respiratorio, proporcionando indicadores de saúde. Desta forma, o material xenético obtido, xunto co ADN ambiental illado nas mostras de auga, permite detectar a súa presenza e mellorar o coñecemento sobre a súa conectividade poboacional. Pero o seguemento da especie non debe parar, xa que coñecer a abundancia e as ameazas do rorcual é fundamental para definir medidas de conservación eficaces no marco das políticas europeas.

Imaxe extraída do vídeo ‘O regreso dos xigantes: rorcuais no Atlántico galego’, gravado polo documentalista submarino vigués José Isarri.

Máis cetáceos no mar

Outra das pezas narradas por Isarri ten como título ‘O océano dos arroaces: ao oeste das Rías Baixas’. Esta zona da costa galega é unha área de confluencia de diversas especies de cetáceos dada a súa produtividade mariña. Entre eles, moitos delfínidos empregan as súas augas para alimentarse, desprazarse e reproducirse. Neste vídeo, o profesional ensina imaxes de distintas especies de golfiños no medio natural e remarca de novo o traballo científico do grupo MegaMAR para estudar e conservar aos cetáceos.

Publicidade

O equipo combina métodos de observación directa con ferramentas innovadoras que permiten comprender mellor a bioloxía e ecoloxía destas poboacións. Os drones tamén permiten realizar biometrías precisas, avaliar a condición corporal e analizar diferenzas morfolóxicas entre individuos e poboacións, como é o caso do arroaz. Así, as técnicas empregadas coas baleas tamén son aplicables a estes cetáceos.

Dende o IEO sinalan que se trata dun avance especialmente relevante nun contexto no que os golfiños están sometidos a diversas presións de orixe humana, como a captura accidental en pesquerías, considerada unha das principais ameazas en augas europeas. Así, ambas as pezas poñen en valor como as novas metodoloxías non invasivas están a revolucionar a comprensión sobre a bioloxía mariña.

Imaxe extraída de ‘O océano dos arroaces: ao oeste das Rías Baixas’, gravado polo documentalista submarino vigués José Isarri.
Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En busca das tobeiras do lagostino: investigadores do IEO actualizan o censo no noroeste de Galicia

A campaña percorreu 61 estacións para estimar a abundancia da especie con tecnoloxía de imaxe submarina e complementar os datos pesqueiros

Un estudo revela as claves para anticipar floracións de algas nocivas nas Rías Baixas que afectan o marisqueo

O equipo do Centro Oceanográfico de Vigo identifica os microhábitats que determinan a aparición de especies tóxicas

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

Un novo proxecto científico busca recuperar a comercialización da volandeira na ría de Vigo

O estudo VOLARIA do IEO-CSIC investigará as causas biolóxicas e ambientais da acumulación de elevados niveis de chumbo no bivalvo