Un novo estudo do Grupo de Traballo Orca Atlántica (GTOA) advirte da delicada situación da subpoboación atlántica de candorcas ibéricas (Orcinus orca), das que quedan menos de 40 exemplares. O traballo analizou a evolución demográfica entre 2011 e 2023 mediante técnicas de fotoidentificación e modelos demográficos. Os resultados amosan que a poboación se mantén estable, con arredor de 37 individuos, pero sen mostrar signos de recuperación. “Confirma a súa situación de perigo crítico de supervivencia”, sinalan dende GTOA. A subpoboación ibérica representa un dos grupos de cetáceos máis ameazados do Atlántico nordés.
Unha poboación pequena e illada
A candorca ibérica forma unha subpoboación de candorca illada das do resto do Atlántico, que se distribúe entre Francia e o norte de Marrocos, cun número moi reducido de individuos e unha forte dependencia do seu principal presa: o atún vermello (Thunnus thynnus). Esta especialización trófica condiciona en gran medida a súa distribución e comportamento. A pesar da recuperación recente do atún, esta melloría non se traduciu nun aumento da poboación de candorca, o que suxire que outros factores están a limitar a súa recuperación.
O estudo baséase no rexistro de 26 varamentos desde o ano 2000 e nas técnicas de fotoidentificación, tras a análise de máis de 18.000 imaxes recompiladas ao longo dunha década, o que permitiu identificar individualmente a maioría dos individuos do grupo. A pesar do incremento do esforzo de mostraxe, non se observou un aumento no número de individuos durante o período analizado, o que suxire unha situación de estancamento poboacional.
Factores demográficos e crecemento poboacional
Os resultados mostran que a supervivencia dos cachorros que acaban de nacer mellorou nos últimos anos. Con todo, a dos adultos diminuíu, especialmente no caso das femias. Ademais, a taxa reprodutiva é baixa, unha femia pode ter un intervalo superior a 8 anos entre dous cachorros consecutivos, o que dificulta moito a recuperación. A isto súmase que a incorporación de novos individuos á poboación adulta é limitada, o que reduce a súa capacidade de crecemento.
A pesar de que o grupo se mantivo estable nos últimos anos, con ao redor de 37 individuos, o crecemento é practicamente nulo (ao redor dun 0,5% anual), o que indica que a subpoboación se atopa en equilibrio demográfico, sen capacidade real de recuperación a curto prazo. Aínda que a supervivencia das crías mellorou, en comparación con períodos anteriores cando a mortalidade neonatal era moi elevada, isto non foi suficiente para compensar a diminución na supervivencia dos adultos. “Todo isto indica que a subpoboación non se está recuperando e supón un risco para a súa viabilidade a longo prazo”, sinalan dende GTOA.
Os nacementos concéntranse no verán e outono
Os datos indican que a maioría dos nacementos se concentran nos meses de verán e outono. Con todo, a información dispoñible é limitada, xa que non se observan directamente no medio natural. Aínda así, os resultados suxiren un patrón estacional na reprodución da subpoboación, posiblemente relacionado coa dispoñibilidade de recursos e a presenza da súa presa principal.
Alén das súas limitacións demográficas, a subpoboación de candorca ibérica enfróntase a múltiples ameazas derivadas da actividade humana. Entre elas inclúense as interaccións con embarcacións, iniciadas desde 2020, así como as actividades pesqueiras, que poden provocar lesións, enredos ou alteracións no seu comportamento.
A isto súmanse outros factores como a contaminación por substancias tóxicas e os cambios nas prácticas pesqueiras, cuxos efectos sobre a poboación aínda non se coñecen completamente. Estas presións poden afectar tanto a súa supervivencia como a súa reprodución, agravando a situación dunha poboación xa de seu vulnerable.
Referencia: Demographic Parameters of Iberian Killer Whales Between 2011 and 2023 (Publicado en Marine Mammal Science)














