Galicia atópase nestas xornadas baixo os efectos dun fenómeno meteorolóxico coñecido como pantano barométrico. Esta situación atmosférica caracterízase pola ausencia de sistemas de presión ben definidos, o que, como explica Meteored, deixa unha zona extensa con niveis barométricos uniformes situadas entre as borrascas e os anticiclóns e un gradiente de presión —a forza motriz que move o aire— case inexistente. Os pantanos barométricos prodúcense cando as forzas atmosféricas se equilibran de tal xeito que non hai un sistema dominante, o que adoita acontecer en zonas de transición barométrica e en periodos de estabilidade meteorolóxica.
A estaticidade do aire tradúcese nunha calma atmosférica xeralizada e na ausencia de vento. Sen el, o protagonismo pasa aos fluxos locais de orixe térmica, como as brisas costeiras, que se activan de día e desaparecen de noite. Ademais, este escenario favorece a formación de néboas e calixe.
Como será o tempo o resto da semana?
Nas xornadas vindeiras o tempo evolucionará cara a unha influencia anticiclónica. Agárdanse para o resto da xornada ceos despexados ou con nubes altas, xunto á presenza de brétemas costeiras no litoral atlántico. Pola tarde, medrarán nubes de evolución —formacións nubosas que crecen verticalmente ao longo do día— no leste coa posibilidade dalgún chuvasco treboento illado.
Dende MeteoGalicia apuntan que as temperaturas entran nunha tendencia á baixa, mais non en toda comunidade. “Os valores manteranse altos na comarca de Monforte, no sur de Lugo, no val do Miño en Ourense, e en Valdeorras”, explican dende MeteoGalicia. Nas zonas sinaladas existe un aviso amarelo por temperaturas elevadas que estará activo entre as 15 e as 21 horas. A atención estará posta en Ourense, con máximas de 36 graos previstas. Os meteorólogos sinalan que no resto de Galicia as temperaturas xa comezaron a baixar, como se puido apreciar coas brétemas que se extenderon durante a mañá.
O venres estará marcado pola influencia anticiclónica e un lixeiro descenso térmico. “A partir de mañá as máximas manteranse por debaixo dos 35 graos”, contan dende MeteoGalicia, e engaden que esta tendencia continuará na fin de semana, con temperaturas que se manterán a menos de 32 graos.
A influencia das altas presións comezará a dominar de forma máis clara na xornada do venres. Durante a primeira metade do día, as brétemas costeiras serán moi intensas en todo o litoral galego, aínda que tenderán a retirarse cara ao mar nas horas centrais. No resto do territorio predominará a nubosidade media e alta, sen descartar algún chuvasco ocasional en zonas elevadas. “En xeral a probabilidade de choiva para os próximos días será baixa. Nas montañas de Lugo e Ourense pode haber chuvascos localmente treboentos”, confirma Meteogalicia.
Unha fin de semana seca e con ceos moi abertos
Durante a fin de semana, Galicia quedará baixo a influencia das altas presións situadas no centro de Europa, o que garantirá un tempo seco con ventos de compoñente norte e temperaturas máis axeitadas para a época do ano. O ambiente suavizarase nas comarcas do norte, mentres que o sur galego vivirá xornadas máis cálidas, con termómetros que oscilarán entre os 25 e os 30 graos.
O comezo da vindeira semana traerá un cambio de tendencia na atmosfera, cun aumento da probabilidade de chuvia e un lixeiro descenso xeral das temperaturas en toda a comunidade.














