O episodio de calor dispara os termómetros: toda Galicia rexistrará máximas por enriba dos 30 graos

MeteoGalicia activa avisos amarelos que afectarán especialmente no interior, onde tamén se agardan tormentas localmente fortes con sarabia

Galicia afronta a última semana de maio cun episodio de calor moi inusual para esta época do ano. Segundo advirte MeteoGalicia, as temperaturas achegaranse aos 30 graos en boa parte da comunidade e mesmo superarán os 34ºC en zonas do interior como Ourense, O Ribeiro, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Valdeorras, A Paradanta, O Condado, Terra de Lemos ou Chantada. Así, o mapa de Galicia tínguese de vermello por unhas temperaturas “extraordinariamente altas para maio”, tal e como sinala a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).

A través do seu perfil en X, a axencia estatal explica que os valores previstos son máis propios do mes de xullo e que, a partir do mércores, a situación será comparable á da canícula, o período máis cálido do ano. Ademais da intensidade da calor, preocupa tamén a súa persistencia: a AEMET apunta a que este episodio podería prolongarse durante varios días máis, sen que os prognósticos indiquen, polo momento, unha volta a temperaturas máis suaves.

Publicidade

A calor tamén se deixa sentir durante a noite. Na madrugada do 27 de maio, entre as 2:00 e as 7:20 horas, as catro provincias galegas rexistraron temperaturas por riba dos 10 graos. Vigo, por exemplo, marcou 22,7ºC nesa franxa horaria. Pola contra, a temperatura mínima do día rexistrouse en Mouriscade, no concello pontevedrés de Lalín, con 10,3ºC, segundo os datos de MeteoGalicia.

Alertas amarelas

Debido á excepcionalidade da situación, MeteoGalicia activará alertas amarelas durante o mércores 27 e o xoves 28 de maio. Na xornada do mércores, os avisos afectarán ao Miño de Pontevedra e Ourense, ao sur de Lugo e á Mariña por altas temperaturas, mentres que nas montañas de Ourense e Lugo e en Valdeorras haberá risco de tormentas localmente fortes, acompañadas de sarabia. O xoves, a alerta concentrarase principalmente no Miño de Ourense e no sur de Lugo, onde as máximas poderían superar os 36 graos.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha curtametraxe sobre os tesouros agochados baixo o mar da Mariña-Ortegal conquista Donosti

O biólogo focense Carlos Gil dá a coñecer a biodiversidade dos fondos galegos cun galardón no Ciclo Internacional de Cine Submarino de San Sebastián

Os premios Zendal galardoan avances en terapia xénica e diagnóstico de infeccións no gando porcino

A VII edición do certame recoñece dous proxectos de investigación que abren novas vías fronte a enfermidades priónicas e o uso responsable de antibióticos en animais

Tecnoloxía e psiquiatría únense para crear un banco de datos para investigar a saúde mental na adolescencia

Un equipo de atlanTTic, xunto con profesionais sanitarios, desenvolve VisIA-Q, un conxunto de información clínica e psicométrica de 207 adolescentes

A galega Gradiant desenvolve un modelo de atención integrada para os pacientes con feridas crónicas

A ferramenta creada polo centro tecnolóxico, en colaboración co IIS Galicia Sur, busca ofrecer unha asistencia máis personalizada, coordinada e eficiente