Dos 70 euros a 4.800 e mesmo 18.000; dende unha viaxe de catro horas a unha experiencia de sete noites, con comidas, con entretemento e con eventos divulgativos da man dunha guía turística, unha astronauta ou un astrofísico: estas son as características dalgúns dos cruceiros dende os que se poderá observar a eclipse dende o mar. Xorden cada vez máis opcións para axustarse a diferentes requisitos na viaxe a medida que as axencias de turismo —e, sobre todo, as empresas de cruceiros— afían os dentes coa mirada posta na eclipse que terá lugar este verán e que poderá observarse na súa totalidade en parte de Galicia. As compañías de viaxes en barco amplían a súa oferta para satisfacer unha demanda que se xerou coa primeira noticia do fenómeno: Onde podo ter a mellor visibilidade?
Os consellos profesionais son claros ao respecto: deben buscarse zonas apartadas de grandes focos de luz e reducir o número de obstáculos que dificulten a observación. Seguindo estas recomendacións, a solución parece evidente: hai que ver a eclipse dende o mar. Xa hai mapas para determinar a súa duración nunha localidade, meteorólogos que miran o ceo tratando de predicir o tempo que irá o día sinalado, e, como é habitual en datas tan singulares, servizos turísticos que xa senten a avalancha de visitantes movidos polo evento. As empresas de cruceiros con máis renome formulan esta oportunidade como unha experiencia astronómica de luxo, incluíndo todo tipo de acomodacións e propostas lúdicas que complementen o fenómeno.
Alsira Salgado, docente na Universidade da Coruña e capitá da Mariña Mercante, sinala que esta decisión é idónea en termos de visibilidade: “Os obstáculos son a grande diferenza fronte á observación dende terra. O campo de visión é máis amplo dende o mar, sempre que esteamos afastados da zona de atracados, onde podería haber obxectos que nolo bloqueen”. Así e todo, a navegación ten certos requerimentos en canto a seguridade que non deben ignorarse en favor da observación astral. “O primordial é a seguridade da vida humana, non ver a eclipse”, apunta, tallante, Salgado. A Autoridade Portuaria reafirmou esta mensaxe co anuncio que deron despois da conferencia Seatrade Cruise: “[Levaremos a cabo] unha operativa especial para acoller os cruceiros nun momento irrepetible”.
A seguridade a bordo na escuridade
En menos de tres meses a Lúa ocultará o Sol por completo, e Galicia —en concreto a provincia da Coruña— será o primeiro lugar da península en observar o fenómeno. A última eclipse total visible dende a comunidade galega tivo lugar hai máis dun século, o 17 de abril de 1912. Por isto, é comprensible a expectación que xera o evento de agosto. Así e todo, presenciala, mesmo na súa calidade de cita histórica, non debe opacar a necesidade de manter os protocolos e medidas de seguridade correspondentes, especialmente no minuto que durará a totalidade do fenómeno (isto é, a franxa temporal na que o Sol estará completamente cuberto).
“Temos que pensar que a totalidade dura pouco tempo, pero se nese minuto os barcos tiveran que realizar manobras complexas, sería a mesma situación que con néboa pechada”, explica Salgado. A capitá da Mariña Mercante engade que os equipos de abordo actuarían como procede nos casos de baixa visibilidade: “Os barcos están preparados para diferentes circunstancias meteorolóxicas. Nese caso, poderían usar radares”.
Ante a incógnita do comportamento dos pasaxeiros, Salgado asegura que as embarcacións, en especial aquelas destinadas ao transporte de persoas, contan cunha serie de pautas que as volven espazos seguros para a observación da eclipse. “Os barcos de pasaxe xa están estabilizados para que a xente non se maree. Tamén existen protocolos para que non caian pasaxeiros”, explica, e engade: “O regramento sempre vai estar aí, e sempre hai que cumprilo”.
O factor meteorolóxico e ambiental
Antes mesmo de chegar ao barco pode darse a situación de que o estado do océano impida a saída dos navíos. A Escala de Buford é un sistema que mide a intensidade e velocidade do vento nunha clasificación que vai do cero (vento en calma) ao 12 (furacán). A capitá da Mariña Mercante sinala que se houbera unha forza do vento cun número elevado, prohibiríase saír a cuberta ou, en caso de perigo, deter as saídas marítimas. “Pero as viaxes dos cruceiros planifícanse para non atoparse con fenómenos que poidan complicar a situación”, aclara Salgado, que ve esta posibilidade pouco probable. Así e todo, indica que o mar é impredicible e, por iso, haberá que manter un seguimento moi de preto da situación meteorolóxica.
A propia eclipse implicará un cambio nas condicións medioambientais. A temperatura baixa varios graos durante a totalidade, debido, precisamente, á interposición da Lúa entre a Terra e o Sol. Salgado valora que iso podería supoñer unha dificultade se o 12 de agosto fose un día moi caloroso e con néboa que entre do mar a última hora da tarde. “Se estamos atracados non o notaremos, pero en alta mar ao mellor dificulta un pouco a visibilidade. Ao igual que se aconsella para a observación dende terra, debemos escoller sitios afastados da néboa para que non afecte a nosa experiencia”, apunta a docente.
En canto aos efectos que esta baixada repentina no termómetro poida ter sobre a fauna e a flora mariñas, Alsira Salgado alude á brevidade do evento: “Non dá tempo a que baixe tanto a temperatura da auga. Ao mellor algúns animais que saen á superficie se somerxen, pensando que se fixo de noite”.
Consellos para espectadores marítimos
A capitá da Mariña Mercante ten claro que o mar é un lugar ideal para a observación da eclipse. Así e todo, insiste en que a emoción do evento non debe opacar a necesidade de priorizar a seguridade, sobre todo en embarcacións pequenas como veleiros ou barcos de pasaxe. “Tamén insisto na necesidade crucial de usar lentes e filtros homologados, tanto para a vista como para aparellos ópticos, sobre todo durante a fase parcial”, advirte.
No relativo ás rutas de navegación, Salgado sinala Estaca de Bares ou outros puntos á súa altura como os lugares máis propicios para observar a eclipse, e conclúe: “En calquera zona da Coruña para arriba estamos abertos cara ao noroeste, dende aí a observación será impresionante. Esa sería a área idónea“.














