O quilómetro cero da eclipse total de Sol estará na Coruña: as claves para desfrutar do fenómeno astronómico do ano

A cidade galega será un dos primeiros puntos de Europa en observar a ocultación completa do astro tras a Lúa o 12 de agosto

O epicentro do fenómeno astronómico está, indiscutiblemente, na cidade da Coruña. A eclipse total de Sol que mergullará o territorio na escuridade durante arredor un minuto e 51 segundos. Así, o enclave herculino será un dos primeiros puntos de Europa onde se produza a ocultación total, xa que o fenómeno avanza de oeste a leste, o que o converte no quilómetro cero da eclipse. “A Coruña será un dos lugares onde o Sol estea máis alto no horizonte”, explica Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, entre os que se atopa o planetario da Casa das Ciencias.

A eclipse total producirase pouco antes das 20:30 horas, en pleno verán, polo que o Sol estará a só 12 graos sobre o horizonte, un dos principais condicionantes deste fenómeno en 2026. “Un pouco máis de altura favorece a observación”, sinala Pérez Maldonado. Así, a eclipse entrará pola Coruña e avanzará pola península en poucos minutos, ata chegar a Mallorca, onde o Sol xa estará moito máis baixo, a apenas dous graos sobre o horizonte.

Publicidade

Segundo explica Marcos Pérez, “as eclipses totais son todas diferentes, pero sempre espectaculares”. Entre os factores que varían está a duración da totalidade hora do día na que se producen. A do 12 de agosto de 2026 comezará ás 19:31 horas, alcanzará o seu máximo ás 20:28 e rematará ás 21:22. Isto converte á Coruña no destino perfecto para as persoas que queiran ver o fenómeno cunha perspectiva inédita.

Unha infraestrutura completa

Os amantes da astronomía, en ocasións, viaxan a lugares remotos e con poucas comunicacións para observar eclipses. Con todo, segundo sinala Marcos Pérez, A Coruña é unha cidade cunha “infraestrutura turística formidable” e unhas “comunicacións espléndidas”. Estes parámetros facilitan a planificación para o día da eclipse. Ante a gran cantidade de persoas que se espera que cheguen á comunidade, xa está en marcha un dispositivo completo que inclúe desde previsións de tráfico ata información meteorolóxica.

Publicidade

A Coruña conta cunha particularidade destacada: unha rede de museos científicos que leva meses traballando na divulgación para que todo o mundo saiba que vai ocorrer na tarde do 12 de agosto. Marcos Pérez indica que, desde o planetario, reciben numerosas consultas de persoas de toda Galicia e Portugal que están a planificar a súa visita á cidade e preguntan se se trata dun bo lugar desde o que gozar da eclipse. A resposta é afirmativa.

De feito, o Concello da Coruña puxo en marcha unha ferramenta en liña que permite comprobar os lugares desde os que se poderá observar mellor a eclipse. “O ideal é que as persoas que vivimos na cidade gocemos da eclipse nalgún lugar cerca da nosa casa, en compañía de familia e amigos. Quen nos visite tenderán a concentrarse nos espazos máis céntricos, como o paseo marítimo, que seguramente experimenten aglomeracións que os fagan desaconsellables para persoas maiores ou os máis pequenos”, sinala Marcos Pérez. Así, o mapa municipal permite localizar puntos accesibles distribuídos polos distintos barrios da cidade.

Aviso: antelación

Un aviso claro é planificar con antelación. “É previsible que haxa problemas de tráfico durante todo o día”, explica Pérez Maldonado, “cómpre chegar cedo ao lugar escollido para a observación e levar auga, alimentos e abrigo pensando en pasar alí boa parte do día”. Nese sentido, tamén advirte sobre a importancia de comprobar a seguridade dos lugares escollidos para observar o fenómeno: “Con independencia dos operativos que organicen as distintas administracións, temos que asumir que algúns espazos, como os cercanos a cantís, poden non reunir as condicións de seguridade necesarias“, sinala. A isto súmase a necesidade de preservar os espazos naturais que se visitan, especialmente nun territorio como A Coruña, cunha costa tan salvaxe que ofrece enclaves únicos.

Cómpre salientar tamén a importancia de adoptar medidas de protección adecuadas. “A beleza das eclipses non están tanto na ocultación do disco solar como na apreciación dos cambios na luz e a temperatura ambiental, nas sombras e a paisaxe. Se alguén quere mirar directamente ao Sol para ver como avanza a ocultación debe empregar lentes específicas para eclipses, que non se poden combinar con binoculares, prismáticos ou telescopios”, apunta o director. No caso dos máis pequenos é mellor utilizar sistemas de proxección para observación indirecta, como os que se aprenden a fabricar nos talleres da Casa das Ciencias.

A suma de todos estes factores fan da Coruña o punto estratéxico perfecto para observar a eclipse do 12 de agosto.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación

Onde ver a eclipse total de agosto no teu concello? Compróbao neste simulador dixital

A ferramenta do portal Snowy achega horarios exactos, nivel de escuridade e duración do fenómeno segundo a localización

Cales son os mellores puntos para observar a eclipse de Sol na Coruña? Coñéceos neste novo visor

Trátase dunha ferramenta pública con 46 localizacións recomendadas para planificar mellor a experiencia astronómica do 12 de agosto

Un ensaio antes da grande eclipse: a coincidencia astronómica que anticipa en Galicia o evento do ano

O fenómeno coñecido como "día xemelgo" permitirá comprobar o 30 de abril a mellor localización para seguir a banda de totalidade sen obstáculos