Onte, cando o Sol se atopaba xa preto do horizonte, a Lúa cruzou o seu camiño e, durante uns segundos, escureceu o día e ofreceu unha breve noite adiantada. Este espectáculo visual puido observarse en toda a comunidade galega na súa parcialidade e no norte na fase total. O Meteosat de terceira xeración (MTG) captou unha perspectiva diferente da eclipse. Como indica a AEMET a través da súa conta de X, a 36.000 quilómetros de altitude atopábase o satélite que captou as imaxes da sombra proxectada pola Lúa sobre a Terra. Nas imaxes pode apreciarse tamén a proximidade temporal entre a eclipse e o solpor, pois a sombra do disco lunar mesturouse coa liña da noite que cubriu o planeta.
O programa Meteosat de Terceira Xeración
O programa MTG, nado da colaboración entre a Axencia Espacial Europea (ESA) e o consorcio europeo para a explotación de satélites meteorolóxicos (EUMETSAT), ten como principais funcións a monitorización atmosférica e a previsión meteorolóxica global e rexional. Como sinala o grupo Sener, responsable de diferentes elementos do sistema, o MTX consta de seis satélites instalados sobre dúas plataformas provistas dunha cámara flexible combinada (FCI, polas súas siglas en inglés) e unha sonda infravermella (IRS, de novo polo seu nome anglosaxón), ambas co obxectivo de prover observacións adicionais.













