Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

Silencio, frío, escuridade e expectación. Esas foron as sensacións principais ao contemplar a totalidade da eclipse total de Sol que cruzou o norte de Galicia arredor das 20:27 horas. O fenómeno comezou a percibirse ás 19:30 coa fase de parcialidade, cando a Lúa comezou a tapar pouco a pouco a estrela; dende o inicio, coas lentes de eclipse postas, o Sol xa tiña unha pequena dentada na parte inferior dereita da súa superficie. Pero non todas as localizacións dentro da banda de totalidade tiveron a mesma sorte para observar o fenómeno: a cidade da Coruña viviu a eclipse entre nubes. Dende o paseo da praia de Orzán, os cúmulos comezaron a aparecer arredor das 19:00 e, aínda que o día se fixo noite durante un minuto e 16 segundos, a coroa solar non se puido apreciar con claridade. 

Pola contra, na vila coruñesa de Sigüeiro a escuridade durou sete segundos, tempo suficiente como para quitar as lentes durante un breve período de tempo e apreciar fenómenos ópticos como as perlas de Baily ou o anel de diamantes arredor da sombra da Lúa. Oleiros converteuse nun dos poucos lugares da ría da Coruña onde o ceo estivo despexado para poder observar a eclipse, visible perfectamente tamén dende Ferrol, Quiroga, Meira ou a Ribeira Sacra

Publicidade

De comezo a fin

Media hora antes do máximo da eclipse, o ceo comezou a escurecer; notábase no ambiente. Nas localizacións fóra da totalidade, a medida que se achegaba o momento, o ceo ía adoptando unha cor sepia que semellaba unha escena dunha película do século XX. Mentres que no sur de Galicia ese foi o filtro que se contemplou durante as dúas horas que durou o fenómeno, na totalidade o vento comezou a soprar e o día avanzaba cada vez máis cara á noite.

Chegou o silencio; os animais notaban o falso anoitecer. Foi así como, arredor das 20:30 horas, a noite escura se instaurou no ceo. Alzando a vista ao ceo, os ollos contemplaban unha coroa de luz onde debía estar o Sol, froito da súa ocultación. A temperatura era propia das 22:00 horas nesta época do ano, cun ambiente frío. Minutos despois —ou segundos, dependendo da posición no mapa de Galicia—, unha pequena franxa de luz volveu asomar pola banda esquerda e o día regresou coa sensación de ter vivido un momento máxico.

Publicidade

“É algo incrible”

En praias, miradoiros ou estradas perdidas na metade de Galicia. Eses foron os lugares seleccionados polos observadores para poder contemplar a eclipse cunha clara visibilidade do horizonte oeste. Nos momentos previos ao fenómeno respirábase expectación: tantos meses lendo e escoitando falar sobre un fenómeno que prometía converter o día en noite. O nerviosismo tamén estaba presente. Con todo, a experiencia superou as palabras: rostros quedos, abraiados polo que observaban os seus ollos durante a totalidade. Ao rematar, gritos e aplausos encheron o baleiro de ruído que deixou atrás a eclipse. 

“É unha sensación indescritible, tes que vivilo”. “Foi algo espectacular”. “É algo incrible, único na vida”. Esas foron algunhas das reaccións tras poder ver a totalidade que exaltaron os asistentes que vieron o fenómeno dende Ordes. Unha sensación que evoca á psicoloxía do asombro, un sentimento que se vive só en ocasións extraordinarias e compartidas como esta. 

Múltiples incidencias

Multitude de persoas desprazáronse cara ao norte de Galicia para poder contemplar a totalidade. Foi así como o tráfico xerou retencións e ringleiras de vehículos nas peaxes da AP-9 dirección A Coruña e Ferrol, e na autovía A-54 que une Santiago de Compostela e Arzúa. A chegada de visitantes á cidade herculina tamén se comezou a notar nos accesos, como en Alfonso Molina, e nos carteis luminosos de “completo” dos aparcamentos. A Coruña tamén rexistrou outros incidentes, como un incendio na zona do Portiño, dende onde decenas de persoas agardaban para ver a eclipse total de Sol. 

De feito, nada máis rematar a fase de totalidade, foron moitos os que saíron correndo cara á salida do Monte de San Pedro na Coruña, e doutros moitos enclaves de Galicia como Ordes, a fin de evitar os efectos da saída masiva dos observadores cara aos seus fogares.

Explicación científica tras o fenómeno

O fenómeno que se puido observar na tarde do 12 de agosto dende Galicia foi un dos espectáculos máis impresionantes que poden ofrecer os ceos. Trátase do evento astronómico que se produce cando a Lúa oculta por completo, ou en parte, o Sol visto dende a Terra. Isto ocorre cando o Sol, a Lúa e a Terra están aliñados: coincide sempre con lúa nova e indica que o satélite está moi próximo do plano da eclíptica. De aí que pasaran máis de cen anos dende que se puido ver dende a península. 

Así, a cita do 12 de agosto quedará na mente de todo quen contemplou con paciencia o proceso no que a Lúa tapou por completo o Sol como unha das oportunidades únicas na vida no que contemplar un espectáculo astronómico de tales dimensións, e quedará como legado narrativo para as vindeiras xeracións

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual