A seis meses para que ocorra a eclipse total de sol xa comezan os cálculos para saber cales serán os mellores lugares para observalo. Baixo esta premisa, Dominic Royé, climatólogo e investigador de Misión Biolóxica de Galicia do CSIC (MBG-CISC), elaborou un mapa de visibilidade do horizonte para o fenómeno do próximo 12 de agosto. Segundo datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o Sol estará moi baixo ao oeste, entre os 11-12o, polo que só será visible na súa totalidade en enclaves con este horizonte despexado. O releve e as infraestruturas son factores que tamén poden afectar á visibilidade.
Entra en xogo o concepto de altura angular. Imaxina que tentas tapar o sol co teu dedo polgar. A pesar de que podas facelo, iso non significa que o teu dedo sexa tan grande coma o Sol, senón que está moi preto de ti. O mesmo ocorre coa eclipse, poderás vela dependendo da distancia. Por iso, o mapa de Royé ten dúas cores: o azul sinala as zonas visibles e o vermello, as non visibles. “A maior parte das zonas vermellas teñen un problema de orientación ou sitúanse en vales“, indica o climatólogo.
A eclipse será visible nunha gran parte de Galicia, como indica o gráfico, cunha menor posibilidade nas montañas do leste da comunidade. Isto ocorre porque, no caso de estar nun val e dirixir a vista ao sol, sempre haberá unha elevación máis alta que impedirá a visión. “A costa e as zonas máis elevadas, por riba dos cen metros, serán os mellores lugares”, sinala Royé.
Para elaborar o mapa, o investigador francés calculou a visibilidade cara ao horizonte a partir do releve terrestre circundante e amosa as direccións nas que o terreo permanece despexado fronte a aquelas onde montañas ou obstáculos elevan o horizonte aparente.
A importancia da altura solar
Cando Dominic Royé di que a eclipse ocorrerá a 11o de altura sobre o horizonte refírese á porción de ceo que debe estar despexada para velo. Con todo, esa inclinación engana a vista: canto máis lonxe está un obstáculo, máis alto ten que ser para impedir a visión. Por exemplo, se tes un edificio a 100 metros de ti, bastará con que mida 18 metros para ocultar o Sol. Pero se o obstáculo está a un quilómetro de distancia, molestará se supera os 176 metros de altura. O Sol estará a 11o todo o tempo, pero o tamaño do obstáculo medra proporcionalmente á distancia na que se atope. “A distancia co obstáculo é moi relevante”, conclúe o investigador.

Os mellores lugares dende onde ver a eclipse
En función desta posición, Royé asegura que algúns lugares polos que pasa a banda de totalidade e teñen o horizonte oeste totalmente despexado son Cabo Ortegal, Estaca de Bares, a costa Ártabra, e certos miradoiros elevados do interior, dado que “as nubes baixas na costa poden impedir ver”.
Unha boa localización non implica sempre unha perfecta visibilidade. É o exemplo da Costa da Morte, cun 99,7% de totalidade: “Ese 0,3% é suficiente para que non se note tanto o efecto da baixada de luz ambiente”. A luz solar é tan intensa que o pouco brillo que saia da coroa da eclipse pode desprender moito brillo. O mesmo acontece en Santiago de Compostela, onde se prevé unha totalidade do 99,9%, unha porcentaxe suficiente para non permitir á cidade somerxerse nunha escuridade total.
Comunidades como Castela e León, onde priman as planicies, son lugares cunha boa visibilidade. Pero ao achegarse aos Picos de Europa, as cadeas montañosas impiden a visión, polo que se verá menos. Así mesmo, Asturias e Cantabria, cunha mala orientación cara ao oeste, atópanse tinguidas de vermello; só hai posibilidades dende a costa. Con todo, aínda falta un factor por coñecer moito máis inesperado: a meteoroloxía.














