O pasado 12 de agosto, durante un minuto e 49 segundos, Galicia quedou a escuras. A data do fenómeno astronómico pasa á historia por ser a primeira eclipse solar total que se puido presenciar dende o territorio galego no que vai de século. Ata este verán, as últimas ocasións nas que o Sol quedara completamenta cuberto tiveran lugar en 1905 —cando só puidera observarse o evento dende A Coruña e Lugo— e 1912. A eclipse solar total deste ano chegaba despois de máis de 100 da anterior. A expectación non podía ser maior: dende a cobertura mediática ás propostas das administracións, dende as campañas divulgativas ás de ocio baixo as estrelas. Durante uns meses, a eclipse dominou as perspectivas astronómicas de Galicia, o que tan só se viu incrementado por ser este o primeiro territorio da península ibérica que asistiu ao fenómeno, coa provincia coruñesa como porta de entrada do fenómeno.
Os resultados de observación da eclipse sitúan Galicia como un punto de referencia para os amantes do ceo. “Malia que o astroturismo é xa dende hai tempo unha das modalidades máis interesantes de chegada de visitantes á comunidade, a eclipse puido consolidar o noso territorio como destino astronómico“, declaran dende Turismo de Galicia. Xa antes do 12 de agosto existía un marcado interese polas oportunidades de observación dos astros que se podían atopar no territorio galego: mostra disto son os nove Destinos Turísticos Starlight, así denominados pola certificación coa que os recoñece a Fundación Starlight.
“A eclipse serviu como escaparate das posibilidades que Galicia ofrece, tanto no eido do astroturismo como para demostrar outras experiencias que poder desfrutar. Dende Turismo de Galicia séguese a traballar para seguir desenvolvendo o astroturismo, aproveitando o interese que xeran os fenómenos astronómicos e a singularidade dos espazos cos que conta a comunidade”, afirma a axencia de fomento do turismo.
Que é o selo starlight?
A Fundación Starlight é unha entidade internacional vinculada ao Instituto Astrofísico de Canarias. Creou un sistema de certificacións —apoiado pola UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (UNWTO) e a Unión Astronómica Internacional (IAU)— que recoñecen aqueles espazos cunha moi boa calidade de observación astronómica. O programa inclúe varias modalidades, entre as cales se atopa a dos Destinos Turísticos Starlight: son lugares que se poden visitar, que posúen calidades aptas para contemplar o ceo e que están protexidos da contaminación lumínica.
A fundación sinala que os Destinos Turísticos Starlight “non só deben acreditar a calidade dos seus ceos e os medios para garantir a súa protección, senón tamén as adecuadas infraestruturas e actividades relacionadas coa oferta turística e a súa integración na natureza nocturna”. Entre o abano de servizos que considera como parte da oferta turística están a hospedaxe, os medios de observación dispoñibles ao servizo das persoas visitantes, a presenza de persoal formado que realice interpretacións astronómicas, etc.
A nivel técnico, os parámetros que valora a organización para conceder o seu selo son: o brillo do ceo, a nitidez, a transparencia e a cobertura das nubes.
Nove destinos Starlight en Galicia
Galicia conta con nove Destinos Turísticos Starlight. En Pontevedra hai tres: o do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, situado nas Rías Baixas, onde os seus Centros de Interpretación celebran diversas actividades de observación e protección do ceo nocturno; Lalín, onde se escolleu un punto xeodésico na parroquia de Maceira que ofrece unha panorámica de 360 graos da paisaxe do Deza; e Fornelos de Montes e Oia, onde as propostas de astroturismo se centran en achegar o público á paisaxe nocturna.
Na provincia de Lugo hai outros tres destinos que recibiron a acreditación Starlight: Muras, onde a Sociedade Galega de Historia Natural realiza múltiples actividades de observación e fotografía astronómica; a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e montes de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá, un extenso espazo na parte oriental do territorio de Lugo; e Chantada, un espazo integrado na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e serras de Oribio e Courel que conta con múltiples miradoiros para disfrutar a observación dos ceos.
A Coruña e Ourense reparten os tres destinos restantes. Na provincia herculina atópanse a Costa da Morte, un espazo de docenas de quilómetros onde, como recolle Turismo de Galicia, pode observarse o último solpor da Europa continental durante dous meses ao ano; e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, que é o primeiro destino de ecoturismo certificado de Galicia e conta cunha marca de calidade propia apoiada pola UNESCO.
Na provincia ourensá hai un só destino Starlight: Trevinca, onde a Vía Láctea e o Camiño das Estrelas serven como eixe das numerosas actividades de observación astronómica do lugar.
A eclipse, proba do reclamo do ceo
As semanas previas ao 12 de agosto deste ano anticipaban un fenómeno de grande impacto astronómico, social e económico. As cifras que se recolleron amosan que ditas previsións se cumpriron. “O sector xa se estaba preparando para este evento dende o 2025, o que permitiu que a xornada discorrese sen apenas incidentes e dando cabida ao incremento no número de turistas que se experimentou por mor da eclipse”, confirma Turismo de Galicia.
A axencia indica que as estimacións apuntaban niveis moi elevados de ocupación —puñan a cifra por enriba do 90%—, en especial nas provincias de Lugo, Ourense e A Coruña, onde o Sol se ocultou de xeito total (no caso de Pontevedra, o fenómeno foi parcial). “Como mostra, a Estación de Montaña de Manzaneda completou todas as prazas de aloxamento para a programación organizada por motivo da eclipse”, indica Turismo de Galicia, e engade que, segundo datos do sector, “A Coruña rexistrou unha ocupación do 99%. No xeodestino Ferrolterra déronse uns números semellantes, co 97% das prazas xa pechadas antes da propia xornada. No resto das cidades galegas fóra da franxa de totalidade, as reservas superaron o 90%“.
O impacto dun minuto e 49 segundos
O reclamo que supuxo a eclipse permitiu poñer en valor o astroturismo galego. Este impacto foi máis alá do recoñecemento como destino idóneo para a observación dos ceos: os segundos de escuridade puideron notarse nas cifras económicas turísticas. “Tendo en conta datos do sector, estímase que a eclipse atraeu o 30% dos turistas que visitaron Galicia durante ese período“, sinala Turismo de Galicia. A axencia pon o foco no importante aumento que se percibiu na chegada de visitantes estranxeiros: “Estes fenómenos destacan por atraer un número moi importante de turistas internacionais e isto reflictiuse nos datos do mes de agosto, cando o perfil internacional incrementou nun 12,6% o número de noites, colocando o volume final por encima das 650 mil noites por vez primeira durante o mes de agosto”.
“Recibíronse reservas con bastante previsión, xa dende o mes de marzo, de forma notable. En agosto, segundo os datos de aloxamento do Instituto Nacional de Estatística, Galicia recibiu 1,15 millóns de visitantes“, declara Turismo de Galicia. Afirma que os ingresos económicos do sector hoteleiro experimentaron un impulso do 8,8%, ata chegar a un valor duns 92,4 millóns de euros.
Así e todo, o que máis valoran dende a axencia galega é a repercusión que estas cifras teñen na calidade turística. “Non se trata de medrar sen máis no número de visitantes, senón de apostar por un modelo de alto valor engadido e que economicamente se faga notar, sen por iso sacrificar a sustentabilidade da nosa terra e da poboación local”, aseguran.














