A eclipse do 12 de agosto converterá a natureza nun gran laboratorio para estudar a reacción dos animais

O Proxecto TriEclipse, coordinado polo documentalista Angel García-Rojo, busca investigar o comportamento da fauna en todo o territorio nacional no que se acade máis dun 98% de escuridade

O ser humano ten os coñecementos necesarios para comprender que o 12 de agosto, cando a Lúa se interpoña entre a Terra e o Sol, se producirá un fenómeno denominado eclipse. Un réptil, unha ave ou un animal doméstico carecen da base teórica que lles permita identificar a desaparición do astro como un evento momentáneo causado pola posición de diferentes corpos celestes. Por este motivo, a súbita noite poderá causar diferentes reaccións e variacións no seu comportamento. Coa fin de documentar as diversas formas nas que pode responder un animal, o produtor e director de documentais de natureza Angel García-Rojo pon en marcha o Proxecto TriEclipse. Trátase dunha iniciativa pioneira de ciencia cidadá que busca rexistrar a grande escala as reaccións animais durante as tres eclipses solares que se sucederán no territorio nacional entre este mes e xaneiro de 2028.

“Levo dous anos construíndo este proxecto. Quero que a xente se dea conta do país no que vive”, recoñece García-Rojo. O documentalista explica que o obxectivo principal da iniciativa é concienciar á poboación sobre a biodiversidade e o respecto pola natureza: “Estamos rodeados por animais que viven con nós e cos que compartimos planeta”. En concreto, o responsable do Proxecto TriEclipse considera que España, un dos países con maior biodiversidade en Europa, é o escenario idóneo para levar a cabo esta recollida de datos. “É un suceso único nun país único”, sinala.

Publicidade

Angel García-Rojo ten unha traxectoria de máis de dúas décadas captando fauna e flora en Inglaterra para cadeas como a BBC ou National Geographic. Con esta proposta, pon a súa experiencia profesional ao servizo dun proxecto documental audiovisual que se volve posible coa participación de centos de voluntarios repartidos por todo o territorio. A área prioritaria do estudo será a franxa de totalidade (onde a Lúa cubrirá o Sol por completo), mais tamén se captarán aquelas zonas que acaden, como mínimo, un 98% de escuridade.

Un exercicio de ciencia cidadá: como participar?

Cubrir todos os espazos que experimentarán a eclipse é unha tarefa imposible para unha soa persoa. García-Rojo é consciente de que serán necesarios moitos ollos —ou, mellor dito, cámaras— para poder rexistrar a maior cantidade de especies en distintos lugares. Para iso, o Proxecto TriEclipse baséase nun modelo de ciencia cidadá no que a colaboración da poboación será clave para o seu desenvolvemento.

Publicidade

O director da iniciativa sinala que hai unha serie de requisitos técnicos que deben cumprirse: filmar en formato horizontal, presentar o lugar escollido para a gravación, non dirixir a cámara cara ao Sol e evitar interferir co comportamento animal son algunhas destas normas. Así e todo, hai unha máxima que, para García-Rojo, toma prioridade: “Hai que ter ganas e unha cámara, mesmo a do teléfono móbil”. Porque, a fin de contas, a esencia do Proxecto TriEclipse é a divulgación e a concienciación, comezando polos propios voluntarios, que estarán coordinados a través dunha canle de WhatsApp. O documentalista indica que xa rozan os 200 participantes, cifra que agarda superar para a primeira eclipse.

É posible identificar a posición de varios observadores a través dun mapa interactivo. “Hai moitísimos voluntarios en Galicia. É un punto importante“, asegura García-Rojo. Non resulta estraño poñer o foco na comunidade galega, pois será o lugar da península que experimente primeiro a eclipse: poderá verse na provincia da Coruña a partir das 19:30 horas do mércores 12 de agosto. Na hora seguinte acadará a totalidade, que superará, nalgúnhas zonas, o minuto de duración.

A achega á ciencia

“Participamos con organizacións e con voluntarios individuais, entre os que se atopan moitos profesionais”, explica o coordinador. Xa contan con asesoramento por parte de etólogos e outros profesionais do comportamento animal e da filmación da natureza, como, entre outros, o documentalista Joaquín Araujo, o xornalista e naturalista Benigno Varillas, e o investigador e zoólogo Alberto Redondo. A nivel institucional contan coa colaboración de diferentes organismos divulgativos e académicos, como a Universidade de Sevilla e a de Córdoba.

O director do Proxecto TriEclipse explica que se adentran nesta iniciativa coa mente aberta en canto a que especies se filmarán. “Agardamos ver moita variedade, dende animais acuáticos a insectos, abellas, ovellas, aves…”, engade García-Rojo. Tradicionalmente, resultou máis sinxelo valorar os cambios no comportamento de especies domésticas pola súa accesibilidade e proximidade ao ser humano. Nesta ocasión, se ben os animais de compañía habitual non se descartan dos posibles obxectivos, inclúese o estudo a grande escala da fauna salvaxe, tanto terrestre como acuática e aérea. Para isto, empregarán cámaras trampa, equipos de visión térmica, sensores infravermellos e outros sistemas de gravación especializados.

Angel García-Rojo afirma que valora como posible desenlace o de atopar “non comportamentos“, é dicir, descubrir que a eclipse ten unha influencia mínima, cando non nula, sobre os animais. “Non sabemos que imos encontrar, polo que trato de manter as expectativas baixas. Aínda así, é gratificante ver a ilusión das persoas”, apunta. A etóloga Ángela Fernández indica que as reaccións poderían ir da mera curiosidade ao estrés ou a confusión, aínda que subliña a personalidade de cada espécime como factor clave na súa resposta ao fenómeno.

O valor audiovisual

O resultado desta operación non só será unha inxente cantidade de datos que se poderán analizar a nivel académico, senón que tamén tomará forma nun produto audiovisual coas achegas de maior calidade. “Cando rematen as tres eclipses, compilaremos as gravacións nun documental. Ademais, o 15 de agosto faremos un pequeno resumo das tomas da eclipse do día 12″, explica Angel García-Rojo. O documentalista indica que a primeira revelación das imaxes filmadas se realizará mediante a canle de YouTube de UDENA (Unidade de Natureza), unha organización que reúne expertos, naturalistas e cineastas de Latinoamérica e España coa fin de elaborar producións audiovisuais que divulguen a natureza das rexións.

A eclipse como laboratorio

Este proxecto non é o único que tomará a eclipse do vindeiro mércores 12 como escenario de probas para obter diferentes datos, tanto a nivel nacional como internacional. A NASA aproveitará a cita astronómica para estudar a coroa solar durante a totalidade. Este experimento realizarase seguindo a sombra proxectada pola Lúa cun avión de investigación WB-57. No territorio español, a axencia espacial estadounidense lanzará globos aerostáticos provistos de equipamento científico para valorar o impacto da escuridade na atmosfera.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sete segundos de escuridade

Unha experiencia máis sobre a eclipse total do 12 de agosto, escrita por unha xornalista de GCiencia. Por Andrea Veiga

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns

A eclipse solar vista dende o espazo: así é a sombra que se proxectou sobre a Terra

As imaxes do Meteosat de terceira xeración, tomadas a 36.000 quilómetros de altitude, amosan o camiño da Lúa xusto antes da chegada da noite

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade